“É a guerra dos ricos contra os pobres, os ricos non queren que rexurdamos, que nós estudemos, e de feito non queren que participemos en ningún acto social, sempre estivemos apartados” (veciño dun barrio pobre de Caracas en 2004 no Documental Chávez do ano 2013, de Luis Castro).
Quería comezar este artigo con esta reflexión, porque entendo que nestes momentos é a que mellor pode explicar o que está a acontecer en Venezuela. O mércores pasado un tal Guaidó, unha nova versión de Capriles, decidiu proclamarse presidente empregando un artigo constitucional que non habilita tal manobra. EEUU non tivo o mínimo disimulo e aos 30 minutos de tal auto proclamación apoiou ao “novo presidente”.
A soberanía nacional do pobos, a non inxerencia nos asuntos internos, e todas esas cousas que para o presidente cowboy de EEUU (e parece que agora para parte de Europa) son papel mollado, son todas aquelas que evitan primeiro apoiar tal auto proclamación e segundo que hai un presidente escollido de xeito democrático nun país soberano que é Nicolás Maduro.
Este pasado sábado a reunión do Consello da Seguridade da ONU convocada por EEUU tiña unha finalidade ben clara. Desequilibrar aínda máis a situación de Venezuela, empregando a este organismo para facer o “traballo sucio” querendo levar a cabo unha flagrante violación das normas do dereito internacional. En particular falamos do principio da ONU que condena de xeito inequívoco calquera inxerencia nos asuntos internos de Estados soberanos. Aínda que isto non importou nos casos de Siria ou Libia.
Venezuela de novo está a ser vítima dun intento de golpe de estado “institucionalizado” ou tamén chamado “paraguaio” tal e como aconteceu con Manuel Zelaya en 2009 ou con máis recentemente con Dilma Rousseff. Un golpe de estado como os anteriores auspiciados por EEUU, e que sen dúbida será seguido polas potencias europeas, entre elas o goberno español. Este último que se salta a soberanía nacional dun país estranxeiro e fai unha “chantaxe” ao presidente elixido de xeito democrático nun país estranxeiro. En España os primeiros en apoiar a Guaidó baixo a salvagarda de democracia foron VOX e o PP. Nada que engadir.
Por certo unha soberanía nacional que tanto doe en España cando en Cataluña o propio pobo de catalán non pode votar, cando en España existen presos políticos, e onde se piden eleccións a un presidente doutro país cando o presidente Pedro Sánchez goberna mediante o decretazo. Chantaxes e ameazas proferidas dende España e os países europeos, detrás do paraugas imperialistas do tío Sam ou do tan criticado noutro momento Donald Trump, unha nova versión do “POR QUE NO TE CALLAS. . Como ben dicía Simón Bolívar “os EEUU parecen destinados pola providencia para encher a América de Miserias en nome da liberdade”.
Unha vez que EEUU conseguiu virar a case todos os goberno de Latinoamérica aos liberalismos, quere renovar a un Carlos Andrés Pérez ao poder en Venezuela (o goberno de Carlos Andrés Pérez con maiores taxas de pobreza da historia de Venezuela e a presidencia do Caracazo). A historia amosa que o Imperialismo non combate tiranos, senón que os alimenta para saquear recursos dos pobos.
Este feito é unha tentativa de golpe de estado máis dos numerosos que veu sufrindo o chavismo dende que en 1998 tomou o poder, entre eles o da fotografía da vergoña de 2002 co noso ex- presidente Aznar en primeira plana nomeando presidente (de novo o capital auto proclamando presidentes) ao xefe da patronal en Venezuela. Rebelouse o pobo contra o golpe e fuxiron os homes “elegantes” que pensaban comezar a saquear Venezuela, en nome da democracia.
E que dicir do papel dos medios de comunicación en España. Dende o comezo desta crise o seu xogo foi absolutamente vergoñento. Entre acusacións delitivas referíndose a Nicolás Maduro como “narcopresidente”, “asasino” ou falando de que en Venezuela existe “una crise humanitaria” e lexitiman como presidente ao “auto proclamado” sen ningún miramento.
Os mass media de novo facendo o seu labor de propaganda a favor dos intereses do capital, e preparando a opinión pública ante un acto ilexítimo, nunha operación tecnoinformacional, en palabras de Armand Mattelart. Estes mesmos medios non falan da traxedia humanitaria no Yemen a mans de Arabia Saudita, nin dos centos de persoas que están a perder a vida no Mediterráneo, tampouco falan de culpables e moitos menos de presos políticos en España.
“Onte estivo o diaño aquí, neste mesmo lugar, aínda cheira a azufre” (Descurso de Hugo Chávez ante a ONU, 2006.)