Omán, a terra do ouro branco

Unha rúa de Omán © Moncho Iglesias Míguez

A milenaria ruta do incenso ten o seu punto de orixe en Omán. Esta resina usábana os exipcios para tapar os orificios corporais no proceso de embalsamamento, o rei Melchor entregoulla a Xesús como agasallo, a raíña de Sabá levoulla ao rei Salomón cando foi visitalo a Xerusalén e o emperador Nerón queimou toda unha colleita para o funeral de Popeia Sabina, a súa esposa predilecta. Durante séculos, a importancia do incenso foi tal, que Omán se converteu na capital mundial desta luxosa resina coa que aromatizar corpo e alma.

Situada nunha punta da Península Arábiga, Omán atópase nunha posición estratéxica entre o Océano Índico e o Mar de Arabia. Por iso pobos como o sumerio, o asirio, o babilonio ou o persa se interesaron polas súas terras e os portugueses descubriron na actual Mascate un excelente porto de entrada a India. De aí que xogase un papel fundamental nas rutas da seda e das especias.

Os portugueses, necesitados de bases coas que protexer as liñas marítimas a India, controlaron a costa de Omán preto de 150 anos, ata que os expulsaron os poboadores do interior, alá polo 1650. Só a ocupación otomá e mais unha efémera invasión persa afastou Omán de calquera dominio foráneo ata finais do século xix. Antes diso gozou dun gran poder económico, que se expandiu ata as costas das actuais Irán, Paquistán, Quenia e Zanzíbar. O declive do imperio que formaban Omán e Mascate permitiu que pasasen a ser protectorados británicos; un rexido polo sultán, na costa, e outro polo imán, no interior. Esta situación acabou en 1951 coa firma do Tratado de Amizade, Comercio e Navegación, que outorgou a independencia a Omán.

© Moncho Iglesias Míguez

Empobrecido ata a década de 1970, o actual sultanato de Omán soubo combinar, en todos estes anos, a riqueza que dispensan o petróleo e mais o gas natural coa agricultura e a pesca, amais do turismo

Os primeiros anos de soberanía convertéronse nun réxime represivo que durou ata 1970, coa proclamación do sultanato e a suba ao poder de Qaboos bin-Said al-Said, o actual rexedor. O rango de sultán permítelle ter un poder absoluto e os cargos de primeiro ministro, ministro de Asuntos Exteriores, ministro de Defensa e mais ministro de Finanzas. Alén deses postos políticos, o recoñecemento de Qaboos é tan grande que o día do seu aniversario, o 18 de novembro, está declarado festa nacional, e o día da ascensión ao trono, día do Renacemento, o 23 de xullo, é outra xornada de celebración. Tras todos estes anos no cargo, Qaboos é o líder árabe con máis tempo no poder, o que serve para cimentar a estabilidade do país, aliado militar de EEUU e de Gran Bretaña, e potencia dun turismo aínda incipiente na zona.

Empobrecido ata a década de 1970, o actual sultanato de Omán soubo combinar, en todos estes anos, a riqueza que dispensan o petróleo e mais o gas natural coa agricultura e a pesca, amais do turismo. Neste sentido, a adaptación á nova economía non foi drástica, como nos outros países do Golfo Pérsico, onde o cemento enseguida copou boa parte da area do deserto e as listas de récords de alturas e extensión en edificios. En Omán non hai rañaceos e os edificios máis altos da capital apenas chegan aos dez andares. As casas baixas, en perfecta harmonía coa paisaxe, quer coas ondas azuladas do mar, quer coas dunas ocres do deserto, seguen a ser o habitáculo preferido dos pouco máis de tres millóns de habitantes que ten o país.

A capital, Mascate, existe como tal dende a unificación de Mascate e Omán no sultanato de Omán. A pequena cidade costeira, un ancoradoiro seguro (tradución literal do seu nome) revestido de montañas, serve como ponte entre Oriente e Occidente, do mesmo xeito que o seu rexedor, o sultán Qaboos. Este, educado no Reino Unido, soubo trasladar ao seu país o aprendido fóra e conxugalo coas tradicións propias do seu lugar de nacemento. Así, a súa paixón pola música fixo que decidise construír a Casa da Ópera, un edificio maxestoso que, amais de auditorio e sala de concertos, conta cuns xardíns exteriores que arrodean o complexo marmóreo, a ton coas edificacións do resto do país.

Toda Omán é unha alfaia e así o atesta a UNESCO, que incluíu, na lista de Patrimonio da Humanidade, os aflaj, un sistema de irrigación de case 5000 anos e nos que se inclúen atalaias e diferentes edificacións

Outras mostras sobranceiras da arquitectura omaní son a gran mesquita do sultán Qaboos, as fortalezas al-Yalali e al-Minari, e o zoco. A primeira destas, a mesquita, foi un regalo do sultán Qaboos á nación por mor do 30 aniversario do seu reinado. Impresionante por fóra, no interior destaca a alfombra persa, de 70x60 metros, tecida á man durante catro anos. Os fortes al-Yalali e al-Minari, no peirao de Mascate, permanecen en pé dende que os portugueses decidiron construílos para protexerse dos ataques otomás. Non son os únicos, pois a carón do zoco está o forte Mutrah, vixía desa historia que circunda o país e que subsiste na caótica mestura de cerámica, xoias, recordos con estampas de camelos, e cheiro a café e incenso que é o zoco al-Dhulam, o mercado da Escuridade, así chamado pola pouca luz que entraba nel, debido á aglomeración de tendas, e hoxe en día unha reliquia labiríntica.

© Moncho Iglesias Míguez

Toda Omán é unha alfaia e así o atesta a UNESCO, que incluíu, na lista de Patrimonio da Humanidade, os aflaj, un sistema de irrigación de case 5000 anos e nos que se inclúen atalaias e diferentes edificacións. Este quilométrico complexo permite valerse da gravidade para canalizar a auga dende mananciais e pozos ata lugares afastados onde se emprega para usos agrícolas e domésticos. 

O incenso deu sona e riqueza a Omán a nivel mundial. Coñecido como o rei dos aceites esenciais, obtense do zume que brota dunha árbore que crece no sur da Península Arábiga, en Omán nomeadamente

O incenso deu sona e riqueza a Omán a nivel mundial. Coñecido como o rei dos aceites esenciais, obtense do zume que brota dunha árbore que crece no sur da Península Arábiga, en Omán nomeadamente. Foi a súa importancia como remedio contra diferentes enfermidades e como repelente de insectos, amais de perfume e condimento para bebidas e comidas, a que lle valeu o título de ouro branco. A súa valía estendeuse de tal xeito que chegou a crearse unha ruta propia para así transportar a flagrancia omaní a todo o mundo coñecido entre os séculos viii a.C e iii d.C. Así creceron tamén as cidades costeiras da actual Omán, como Sumhuran, hoxe en día parque arqueolóxico e declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Dende alí partiron os barcos que logo sucaron as augas que os levaron ata China, India, África e Europa. Alí se construíron tempos, palacios e murallas, como declarou Marco Polo, quen situou o lugar en Iemen, o cal provocou que a zona permanecese oculta para a arqueoloxía ata mediados do século pasado.

Tamén Alexandre o Grande quedou admirado cando conquistou o «porto dos perfumes» e un mariñeiro grego describiu esta cidade de Sumhuran como unha beizón na que «o incenso pode quedar no porto sen que ninguén o vixíe grazas ao poder dunha deidade que o protexe». O poder divino ao que se refire o pescador grego é o dos jins, unha caste de seres sobrenaturais que tanto poden axudar como prexudicar as persoas. Existe a crenza de que só a xente de Omán pode recoller o incenso, pois calquera outra provocaría a ira destes jins. Por iso seguen a perfumarse as casas con incenso, para afastar estes seres sobrenaturais, aínda que hai quen cre que, en realidade, os únicos motivos son aromatizar as vivendas e arredar os virus que propagan os insectos.

É alí onde se erguen devagar refachos de fume que logo se mesturan co aire e o perfuman. Alí onde alguén prende esa nube que se eleva dende o chan e cobra vida propia dende os pés desa persoa

O incenso foi un produto de primeira necesidade durante séculos. Hai investigacións que apuntan que o termo xa aparecera en táboas sumerias que datan máis de 4000 anos e que a ruta por terra, cara a Exipto, estableceuse arredor do ano 1500 antes da era cristiá. Foi nesa época na que un gran cambio climático provocou a desertización da zona, o que levou á domesticación do camelo. Outro cambio substancial que hai que agradecer ao incenso foi o da importancia da escritura. A necesidade de anotar as innumerables transaccións económicas fixo esencial o uso dunha lingua escrita, outra riqueza agochada na historia de Omán.

É alí onde se erguen devagar refachos de fume que logo se mesturan co aire e o perfuman. Alí onde alguén prende esa nube que se eleva dende o chan e cobra vida propia dende os pés desa persoa. Alí onde o encanto do fume fai que se converta nunha serpe admirada pola música que non escoita e que vén do seu prestidixitador, un home de túnica e turbante que define o que é Omán, a terra do ouro branco.

© Moncho Iglesias Míguez
© Moncho Iglesias Míguez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.