Onde carallo nacen os cartos?

Escoitei en 13Tv a Bieito Rubido (xa sabedes, “la bien pagá” que compite con Paco Marhuenda polo amor contranatura de Mariano) dicir con sorna e condescendencia que os gregos crían que os cartos nacen nas árbores, e que así lles vai como lles vai. Pois que queres que che diga, Bieito; se cadra as parvas crenzas dos gregos están mais fundamentadas cas túas xeneralizacións malintencionadas. Porque o actual papel moeda inconvertible que circula como medio legal de pagamento de curso forzoso, dentro de cada nación ou unión monetaria, é creado da nada polos Bancos Centrais (BC) e polos bancos privados amparados pola súa tutela, sempre na crenza de que os BC estaban en disposición de saber cal era cantidade de diñeiro que precisaba a economía para funcionar con normalidade en todo momento. Dubido que Bieito coñeza os pensamentos de tódolos gregos, pero aínda se así fora e os gregos pensaran que os cartos nacen nas árbores, non andarían moi descamiñados se por árbores queren dicir bancos e por bosque todo o sistema crediticio.

Se a ciencia económica fora quen de arbitrar un mecanismo que permitira axustar a oferta de diñeiro bancario á súa demanda, daquela sería moito máis difícil que prenderan e incharan as burbullas especulativas de prezos

Se a ciencia económica fora quen de arbitrar un mecanismo que permitira axustar a oferta de diñeiro bancario á súa demanda, daquela sería moito máis difícil que prenderan e incharan as burbullas especulativas de prezos. Ata o de agora, do que é mal, non demos con tal trebello e faría ben a ciencia económica en dirixir as súas pescudas cara estes lares, porque do contrario, seguiremos a sufrir ciclicamente burbullas que rematan estoupando e causando desfeitas nas economías reais. Pensabamos que este problema xa o tiñamos solucionado co sistema dos Bancos Centrais.

Na súa ansia por axustar a oferta monetaria á súa demanda, os BC decidiran que non ían ser pillados mais veces entre as verzas e estaban dispostos a non crear medios de pagamento a impulso de pedichóns e desbaldidores; e para conseguilo, porfiaron para que lles concederan a independencia do poder político, que con maior ou menor grado de liberdade, algúns gobernos remataron concedéndolla. Incluso algúns BC incluíron nos seus estatutos a regra de ouro: estabilidade do nivel xeral de prezos. Pero a desfeita financeira do 2008 deixou os BC co cu ao aire. Non é só que presenciaran impasibles as subidas imparables e insostibles dos prezos das vivendas ou das accións en bolsa, é que nin tan sequera foron quen de percibir as artimañas do sistema bancario paralelo (Os Bancos e Compañías de Investimento), creando unha enorme masa de activos financeiros  que ofrecían elevados rendementos, por suposto moi superiores aos tradicionais depósitos bancarios que eles mesmos quixeron situar a tipos excepcionalmente reducidos para estimular a economía. Pois ben, foron precisamente eses activos os que precipitaron o afundimento dos sistemas nacionais de crédito; e sobre os BC recae a responsabilidade de tal desfeita, xa que  o motivo da súa creación foi ese, preservar sans e salvos os sistemas nacionais de crédito.

Foron precisamente eses activos os que precipitaron o afundimento dos sistemas nacionais de crédito; e sobre os BC recae a responsabilidade de tal desfeita, xa que o motivo da súa creación foi ese, preservar sans e salvos os sistemas nacionais de crédito

En resumo, un fracaso coma un mundo que os responsables non recoñeceron nin recoñecen. Escoitastes algún Presidente de BC entoar o mea culpa?, ou anunciar a súa dimisión irrevogable por incompetente?, ou tedes constancia de que algún deles se suicidara trillando a cabeza na máquina de facer os cartos?  Polo menos a min non me consta; si me constan, porén, suicidios e desgrazas varias de xente de a pe, que seguramente moitos deles nin saberían o que era un BC.  E algúns destes prebostes das finanzas aínda botan peito vangloriándose de que foron capaces de cumprir coa súa función de prestamista de última instancia a unha escala sen precedentes na historia financeira. Pois maldita a graza!

O BCE e mailo BC grego son responsables en gran medida do caos actual grego, por poñer o exemplo mais sangrante. Pero quen leva as culpas da súa situación? Pois os políticos gregos e a poboación grega

Porque se non deixaran enfermar o sistema, non habería agora que enchelo de menciñas pouco eficaces e que non podemos pagar. Porque, e mais importante, os prestamistas en última instancia xa non son os BC, senón os propios Estados, que así se viron abocados á bancarrota ou ás beiras dela. Xa que logo, o BCE e mailo BC grego son responsables en gran medida do caos actual grego, por poñer o exemplo mais sangrante. Pero quen leva as culpas da súa situación? Pois os políticos gregos  (un fato de corruptos e mentireiros) e a poboación grega, que pensa que os cartos nacen nas árbores ou que caen billetes do ceo coma confeti nun aniversario infantil. E quen paga as consecuencias? Por suposto e coma sempre, a poboación rasa, por nugallán e crer en parvadas. Non coma Bieito Rubido, que cre en Deus aínda que nunca o vira. Tamén cre en Mariano, pero porque lle paga ben, penso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.