Os años calan sobre a terra queimada ou a arte de pechar os ollos

Animais preto da superficie queimada no incendio de Oia © @BrifLaza

Son dúas obras imprescindibles para quen desexe espertar a súa conciencia de clase. Son como labazadas dirixidas a orientarnos sobre todo o que facemos mal adoptando un rol resignado ou, peor aínda, indiferente. Falamos de ¿Por qué callan los corderos?, de Rainer Mausfeld, e de Tierra quemada. Hacia un mundo poscapitalista, de Jonathan Crary

Deliberado xogo de palabras no título sobre dous recentes libros que comparten o raro don de non mentir, de non caer no pensamento que se autocensura por medo ás reaccións da turba, de denunciar de xeito directo o infame mundo que decidimos crear, mais tamén de formalizar algunhas posibilidades de saída (non doadas, dificiles, se temos en conta o estadio actual en que o capitalismo nos ten atrapados). 

Son dúas obras imprescindibles para quen desexe espertar a súa conciencia de clase. Son como labazadas dirixidas a orientarnos sobre todo o que facemos mal adoptando un rol resignado ou, peor aínda, indiferente. Falamos de ¿Por qué callan los corderos?, de Rainer Mausfeld (Catarata, 2022), e de Tierra quemada. Hacia un mundo poscapitalista, de Jonathan Crary (Ariel, 2022).

Nestas liñas reflexionaremos cos autores sobre as tendencias suicidas que definen na actualidade o noso quefacer cotián. E, en tanto que docente de secundaria, non deixaremos de atender a aspectos que inciden na decadencia do sistema educativo actual. 

Capa de ¿Por qué callan los corderos? ©

O rapto dos conceptos

O primeiro que chama a atención é a clara conciencia de cómo os conceptos máis destacados do discurso político e social están desvirtuados a causa do rapto practicado polas mentes do capitalismo neoliberal

O primeiro que chama a atención é a clara conciencia de cómo os conceptos máis destacados do discurso político e social están desvirtuados a causa do rapto practicado polas mentes do capitalismo neoliberal. Mausfeld non dubida en definir a actual democracia como “unha oligarquía electoral de elites económicas e políticas, en que as áreas centrais da sociedade, en especial a economía, están esencialmente afastadas de calquer control e responsabilidade democráticas”, mentres que liberdade, normalmente asociada a democracia, é a “liberdade dos economicamente poderosos” (p. 15). Os conceptos máis ‘amables’ e que limpan a nosa conciencia cando falamos (democracia, liberdade, dereitos humanos, cooperación, ...) son empregados pola dirixencia como retórica baleira para controlar de modo eficaz a poboación. 

 

Pechar os ollos ante a traizón

É incrible a deliberada ausencia de conciencia sobre o alcance que temos como seres responsables -cos nosos actos e coas nosas decisións- á hora de asentar un modo de vida que é insostible, sinxelamente, en todos os aspectos fundamentais da nosa relación coa Terra. Preferimos pechar os ollos ante a evidencia de que convertemos o mundo (sobre todo o empobrecido) na nosa esterqueira particular. Todo con tal de que nos creamos a fantasía dun mundo que se pode permitir o luxo de moverse e producir a esgalla con enerxías renovables. 

Pechamos os ollos ante feitos impensables hai ben poucos anos por parte dunha forza que se autodefine como ‘progresista’. Referímonos á consolidación da externalización e blindaxe da fronteira sur no norte de África mediante o xiro traidor sobre o Sahara Occidental

Pechamos os ollos ante feitos impensables hai ben poucos anos por parte dunha forza que se autodefine como ‘progresista’, tal como o é no papel a coalición de goberno. Referímonos á consolidación da externalización e blindaxe da fronteira sur no norte de África mediante o xiro traidor sobre o Sahara Occidental. Damos millóns de euros a un monarca déspota e invasor e vendémoslle tanques e outro armamento que só servirá para impoñer o terror ao resistente pobo ocupado. Mentres homenaxeamos ás vítimas do xenocidio nazi, calamos e pechamos os ollos ante os centos de persoas atrapadas e retidas nos campos de internamento que a ‘cooperación’ constrúe en todo o perímetro exterior europeo. Simplemente xa nos dan igual os invisibles sartegos engulidos no Mediterráneo.

A falacia do complexo internet e da economía ‘verde’

Negámonos a ver como sociedade as implicacións e as terribles consecuencias que ten a dixitalización sobre o desenvolvemento cognitivo de menores e sobre as súas posibilidades educativas reais

Negámonos a ver as implicacións devastadoras dunha vida en dixital (Crary fala de complexo internet) e da planificación enerxética supostamente verde por renovable (evidencias que xa obrigan a certos Estados a frear a apoloxía eléctrica), pero que só vai lucrar a nichos empresariais poderosos mentres que a xente do común ten que batallar para impedir que os seus montes, os seus mares e as súas terras se vexan arrasados e así se liquide de forma definitiva o modo de vida do rural. Por poñer un exemplo moi claro relatado por Jonathan Crary: na provincia indonesia de Papúa atópase a mina de Grasberg. O cráter escavado mide uns 20 km. cadrados e vértense máis de 700.000 toneladas de lixo aos ríos locais cada semana. Nela traballan en réxime de explotación 20.000 persoas por só 1,5 dólares a hora. As folgas que se realizaron remataron con folguistas mortos a mans da seguridade privada da empresa dona da mina, Freeport-McMoRan (con máis licencias en Perú, Chile, Bolivia, Mauritania, Suráfrica, Zambia e Novo México). A rexión está contaminada debido ás verteduras tóxicas. “Todo para satisfacer la demanda de cobre por parte de los fabricantes de dispositivos electrónicos, especialmente para los componentes esenciales del Green New Deal: paneles solares, turbinas eólicas, vehículos eléctricos, pero también para los chips de los superordenadores y todo el cableado de las casas ‘inteligentes’” (Crary, p. 44). Esterqueira e falacia do verde...e nós, pechamos simplemente os ollos... 

Negámonos a ver como sociedade as implicacións e as terribles consecuencias que ten a dixitalización sobre o desenvolvemento cognitivo de menores e sobre as súas posibilidades educativas reais. Crary fala da incrustación do complexo internet no propio capitalismo 24/7. 

Os contos de fadas do posmodernismo nos que caeu a esquerda ‘buenrollista e identitaria’ non resisten unha análise seria

Os contos de fadas do posmodernismo nos que caeu a esquerda ‘buenrollista e identitaria’ non resisten unha análise seria. Nós mesmos, cando dimitimos da acción política (que se volvía líquida e contraria a un discurso de clase), fixémolo porque denunciamos que era imposible loitar contra o capitalismo coas súas propias ferramentas. Para Jonathan Crary, “la debacle es el disparate de perseguir un cambio sistémico valiéndonos del aparato que garantiza la sumisión a las normas y a todo aquello que viene impuesto por quienes ocupan el poder” (p. 25). Máis claro imposible. Todo o demais é facerlle o xogo ao sistema capitalista, ben tranquilo con todos os fogos de artificio do actual progresismo (sic). 

Capa de 'Tierra quemada' ©

Adeus loita de clases

Negámonos a asumir criticamente a importancia das cuestións de clase que deixamos esmorecer debaixo do estourido das cuestións identitarias de todo pelaxe para beneficio único e exclusivo do capitalismo que vive da atomización, da creba da unidade de acción da clase traballadora

Negámonos a asumir criticamente a importancia das cuestións de clase que deixamos esmorecer debaixo do estourido das cuestións identitarias de todo pelaxe para beneficio único e exclusivo do capitalismo que vive da atomización, da creba da unidade de acción da clase traballadora. Estamos ante o que definiremos ‘apagado da razón, da moral e da conciencia’. 

Os ricos, no entanto, saben moi ben que o risco que eles teñen está no empoderamento da sociedade. E fan todo o posible para que as leis, as institucións e o modo de vida non permitan nada que non sexa a aceptación da súa folla de ruta. Para iso, nada mellor que unha masa fragmentada e dispersa e, por riba, dominada polo abafo e a lóxica preocupación das contas que nos deben conducir a fin de mes. Os datos numéricos asustan. Nin sequera debera ser preciso usalos pois estamos convencidos de que pouco importa que escribamos que 800 millóns de persoas sofren desnutrición crónica no mundo. Ou que en zonas ricas en imaxes turísticas como Alicante –ou será debido a?- exista unha porcentaxe de persoas en situación de empobrecemento (taxa AROPE) que está entre o 30% e o 41%. Pero seguimos vendendo fume...e pechamos os ollos...

A percepción de ‘abandono’

Cómpre non ignorar o que se fala na rúa, cómpre dialogar e achegar pedagoxía política con argumentos serios e sólidos, non sermóns, para impedir que ferva o caldo do que se alimenta a extrema dereita

E, curiosamente, os que amosan de xeito directo –debidamente manipulados- o seu descontento son os seguidores da extrema dereita (asalto ao Capitolio, hai dous anos; asalto ás institucións democráticas de Brasil o día 8 de xaneiro deste 2023). No sustrato máis fondo da protesta hai un pouso de verdade que é menosprezado. Explica, por exemplo, o éxito da neofascista Meloni en Italia, a elevada porcentaxe de voto da súa homóloga Marine Le Pen en Francia, ou por que VOX está cogobernando nalgunha Comunidade Autónoma no Estado español. Esa verdade maniféstase na ‘percepción’ que teñen as persoas de ingresos reducidos ou medios, todas cotizantes no pasado (pensionistas) ou na actualidade, de que a clase dirixente non os escoita, de que fan política unicamente para a burguesía e unhas elites asentadas economicamente. Repetimos, falamos de ‘percepción’, algo que repercute e moito nos procesos electorais. O que normalmente alimentaría un discurso de clase por parte dunha organización de esquerda digna dese nome, hoxe non o fai. E así nos vai... Cómpre non ignorar o que se fala na rúa, cómpre dialogar e achegar pedagoxía política con argumentos serios e sólidos, non sermóns, para impedir que ferva o caldo do que se alimenta a extrema dereita.

Arrastre de cinzas nun monte queimado da Limia © Amigas das árbores da Limia

Non é posible a democracia co neoliberalismo

Mausfeld describe moi ben como son as técnicas de control que usan os poderosos para limitar a acción da democracia. O conxunto desas técnicas tende a ofrecerlle á sociedade unha ilusión de democracia. Trátase dun poder brando exercido e inoculado desde medios de comunicación de masas, o sistema educativo, a formación e todo o artellado cultural-dixital

Democracia e neoliberalismo son incompatibles. Coinciden Mausfeld e Crary neste aspecto crucial. Por iso, o sistema pon en marcha procesos de manipulación e adoutrinamento para que a sociedade acepte o que se lles ofrece como o único posible. Existen todo tipo de estrataxemas para que certos feitos pasen desapercibidos ou, directamente, sexan relegados ás marxes da sociedade por seren incómodos. Entón pasarán a ser caracterizados con etiquetas negativas: ‘conspiracionistas’, ‘negativistas’, ‘radicais’, ‘extremistas’...

Mausfeld describe moi ben como son as técnicas de control que usan os poderosos para limitar a acción da democracia que, en esencia, sería poñerlle freo, precisamente, ao poder de ricos e de elites. O conxunto desas técnicas tende a ofrecerlle á sociedade unha ilusión de democracia. Trátase dun poder brando exercido e inoculado desde medios de comunicación de masas, o sistema educativo, a formación e todo o artellado cultural-dixital. Mausfeld pensa mesmo que todas as formas de manipulación son coma un ‘veleno mental’ (pp. 72-73). Un veleno que instaura medo e odio que, cando se escapa das mans, deriva en posicións electorais propias da extrema dereita.

O baño dixital que se promove como mantra converte aos nosos nenos e nenas en pantallas espello que reaccionan por impulsos de adición ao que é tan só un lecer consumista, de destrución da intimidade, de (auto)explotación da imaxe

Podemos explicitar o da manipulación co que acontece co termo ‘populismo’. O de dereitas diríxese contra os de arriba, pero non porque ese sustrato social estea en contra do dominio das elites, senón porque desexan que sexan as súas elites (supremacistas, nacionalistas, nativistas, racistas) quen os represente nas institucións. 

A crítica ás elites debe ser racional para defender a democracia, para devolver a soberanía a quen debe exercela, pero non a teoría da simple substitución propia da extrema dereita. Os ricos e poderosos e os gobernos-títere practican unha amalgama para situar a quen critique ‘aos de arriba’ coma un perigoso extremista. Outro tanto acontece cando ousamos denunciar a trama da actual democracia representativa: é o totem que usa o poder para non mover os seus marcos de control e dominio, para impedir os efectos que tería unha democracia real, deliberativa e participativa. No fondo...os estados occidentais non deixan de seren ‘estados autoritarios de tipo constitucional’ (Rainer Mausfeld, p. 96; véxase a ilustrativa comparativa entre neoliberalismo e fascismo, pp. 100-101). 

 

O sistema educativo capitalista 

Educar non debe ser sinónimo de entrada no mundo laboral. Educar é formar cidadanía crítica, quen de soltar as cordas que o amarran a unha entelequia social castrante

E agora, unha breve reflexión sobre o sistema educativo actual. O baño dixital que se promove como mantra converte aos nosos nenos e nenas en pantallas espello que reaccionan por impulsos de adición ao que é tan só un lecer consumista, de destrución da intimidade, de (auto)explotación da imaxe. A escola deixa así de ser unha illa de liberdade e resistencia para ser parte do sistema alienante circundante. Unha ferramenta non pode ser un fin. Debe ser tan só un medio adicional de información, de investigación, de formación, pero limitado ou balizado por un coñecemento crítico. Non só existe unha carencia de pensamento crítico, senón que o efecto pantalla-teclado anula a capacidade de reflexión profunda que achegan a lectura e a escritura en papel. O efecto pantalla impide a vinculación do saber e dos coñecementos que se deberan ter adquirido. E como os nenos e nenas veñen xa machacados desde primaria, cando aparecen na secundaria obrigatoria veñen cunhas lagoas cognitivas brutais, que impiden o seu correcto desenvolvemento como discentes. Non é só que teñan dificultades terribles en escribir cunha grafía minimamente correcta, senón que a redacción responde a un pobre e miserento estilo dixital. A capacidade de relacionar saberes de distintas materias é unha quimera. E a capacidade de estar tranquilos, de realizar actividades que requiren tempo e pausa, é un desexo xa utópico. 

Mais cómpre resistir. Non caer na resignación que nos impón a “burrocracia” dixital. Empoderar é sinónimo de educar. E para iso cómpre ‘trasladar’ ao alumnado fóra dos marcos hoxe dominantes. Non queda outra. Educar non debe ser sinónimo de entrada no mundo laboral. Educar é formar cidadanía crítica, quen de soltar as cordas que o amarran a unha entelequia social castrante. Utópico? Por que ninguén se para a pensar e volvemos a procesos racionalizados, sen a exclusividade que pretende o imperio dixital? 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.