Os BRICS e a nova orden mundial

Representantes dos países participantes no cumio dos BRICS no ano 2025 en Brasil CC-BY-SA GODL-India

Un dos fenómenos mais singulares e relevantes da actual economía mundo capitalista está sendo a aparición na escena internacional dos BRICS quen parecen estar en condicións de cambiar totalmente a orde creada logo de II guerra mundial e mais en concreto en Bretton Woods. Pero, que son os BRICS?

Un dos fenómenos mais singulares e relevantes da actual economía mundo capitalista está sendo a aparición na escena internacional dos BRICS quen parecen estar en condicións de cambiar totalmente a orde creada logo de II guerra mundial e mais en concreto en Bretton Woods. Pero, que son os BRICS?.

 

Os BRICS irrompen na vella orde mundial

No ano 2006 os lideres de Brasil, Rusia, India e China daban vida ao grupo BRIC, unha coalición informal creada para que os gobernos deses países coordinen esforzos económicos e políticos en torno a obxectivos compartidos. Tres anos mais tarde, no 2009, os BRIC celebrarían o seu cumio inaugural (Ekaterimburgo. Rusia) e un ano despois (2010) sumaríase Sudáfrica ampliando o acrónimo a BRICS. Posteriormente outros países irían uníndose progresivamente ao bloque e así o 1 de xaneiro do 2024 Arabia Saudí, Exipto, Emiratos Árabes Unidos, Etiopía e Irán aceptarían a invitación a unirse ao grupo -Arabia Saudí aínda non dixo a última palabra-. Paralelamente outra serie de países -Cuba, Bolivia, Bielorrusia, Uzbekistan, Malasia, Uganda, Tailandia, Nigeria, Vietnam- se sumarían ao grupo pero como socios.

Para darnos unha idea da importancia dos BRICS pensemos que estes países en conxunto albergan uns 3.300 millóns de persoas (40% da poboación mundial) e representan, aproximadamente, o 37,3% do PIB mundial. Si finalmente Arabia Saudí se incorporara os BRICS controlarían o 50% da produción mundial de petróleo

Unha importancia que vai en aumento dado que os BRICS de primeiras pareceran cada vez mais interesados na creación de novas institucións internacionais alternativas como sucede, por caso, co Novo Banco de Desenrolo (NDB) e o Fondo Monetario Común (CRA) que dalgún xeito podían chegar a desafiar ao Banco Mundial (BM) e o Fondo Monetario Internacional (FMI). Dadas as regras e os modos de funcionamento fixadas, o (NDB) -financia proxectos tanto en dólares como en moedas dos países membros- e o CRA -axuda aos países membros do BRICS con problemas de divisas a facer fronte ao pagos internacionais permitíndolles pedirlle prestadas a este fondo as divisas que lle faltan- dalgunha forma os BRICS parecería que quixeran desafiar o papel do dólar como exclusiva divisa internacional de referencia. A ninguén se lle debe escapar o que isto podería significar para o vello orde mundial e para a economía mundo capitalista. Pero unha cousa son as aparencias, incluso as declaracións de intencións, e outra as realidades que poden chegar a ser moi distintas do que aparentan tal como tratarei de explicar a continuación.
 

Non hai unha alternativa aos mercados financeiros occidentais

Si entramos a debullar o sistema de funcionamento tanto do CRA como do NDB atoparémonos con que estas institucións non son, de ningures, unha alternativa distinta, por caso ao FMI e o BM. Así o seu Fondo Monetario (CRA) para, por caso, prestarlles divisas aos seus socios pon as mesmas condicións que o FMI si a solicitude de axudas supera o 30% do importe ao que ten dereito, en realidade lles esixe cumprilo programa con o FMI que como se sabe son os famosos plans de axuste estrutural. Na practica o CRA non supón avance algún, non elimina a escaseza de divisas dos socios e tampouco escapa aos programas de austeridade.

En relación ao Novo Banco de Desenrolo (NDB) e fronte as declaracións iniciais en sentido contrario compre subliñar que a maior parte do seu financiamento é en dólares: pide prestado e concede prestamos en dólares -non nas moedas nacionais- e a proba está en que os créditos concedidos ata agora a Brasil, Rusia, India e Sudáfrica foron, na súa maioría, en dólares. Os bonos que emite dependen para a súa cualificación das axencias oficiais o que condiciona totalmente os prestamos pola seguinte razón: para que os bonos emitidos non perdan valor deben compartir o punto de vista das axencias de cualificación anglosaxoas e dos fondos de investimento que, como demostran as experiencias, son os do gran capital occidental. Un funcionamento que provoca unha grande lentitude nos reembolsos tal que leva a que os proxectos aprobados e os créditos concedidos sexan escasos de forma que o NDB esta hoxe a cola dos prestamos internacionais segundo o volume de créditos concedidos. Unha situación a que tamén contribúe o feito de que China, o socio mais poderoso e rico, para a a concesión de créditos utilice case exclusivamente aos seus propios bancos. Por todas estas razóns o NDB depende, ao día de hoxe, tanto do dólar como dos mercados financeiros anglosaxóns.

Como se pode comprobar polo sinalado e moi cuestionable que o NBD e o CRA podan considerarse, hoxe por hoxe, unha alternativa financeira ao FMI e o BM. Realmente ese nunca foi o seu obxectivo como tampouco o foi cuestionar as políticas neoliberais como demostra o comportamento financeiro de China, que se está convertendo na principal potencia prestamista a nivel mundial, quen para conceder créditos aos estados do Sur pon as mesmas condicións que o FMI e o BM. Aqueles tampouco cumpren o papel de financiar proxectos dos socios do BRICS especialmente dos que teñen menos ingresos quen apenas teñen recibido prestamos do NBD.

Representantes dos países membros dos BRICS CC-BY-SA GODL-India

Os BRICS están alonxándose con velocidade do dólar e tratando de crear o seu propio sistema monetario que podería incluír unha nova divisa. Unha estratexia, a desdolarización, que cada vez ten mais partidarios entre os países que ven con preocupación a marcha da economía en Estados Unidos e as medidas que adopta a Administración Trump

 

A posibilidade dunha nova orde monetaria

Algúns movementos producidos nos últimos meses puideran levar a pensar que no seno dos BRICS toma corpo a vontade de creación dunha moeda de reserva diferente ao dólar. Resulta aventurado afirmar con seguridade o anterior pero o que si é certo é que os BRICS están alonxándose con velocidade do dólar e tratando de crear o seu propio sistema monetario que podería incluír unha nova divisa. Unha estratexia, a desdolarización, que cada vez ten mais partidarios entre os países que ven con preocupación a marcha da economía en Estados Unidos e as medidas que adopta a Administración Trump. Unha preocupación que lles está levando a buscar reducir a súa dependencia dun sistema de pagos que dominan os Estados Unidos.

Entre os movementos referidos cabe destacar un moi recente (decembro 2025), pendente de confirmación definitiva, relativo a que os BRICS teñen enriba da mesa a posta en marcha da súa propia moeda (UNIT), en principio so para as transaccións comerciais internas. Unha moeda respaldada tanto polas reservas de ouro propias como polas moedas respectivas e que operaría fora do sistema de pagos SWIFT. Como confirmación desta estratexia monetaria de longo alcance subliñar que nos últimos meses se detectaron movementos por parte destes países, especialmente de China, India e Brasil, de compras masivas de ouro (o ouro non pode ser sancionado nin desconectado do sistema de pagos e os BRICS xa controlan colectivamente o 50% das reservas mundiais de ouro que están depositadas nos seus bancos) asi como de activos ligados as materias primas (petróleo, metais estratéxicos). Compras que se acompañan de ventas tamén masivas e aceleradas de bonos e pagares estadounidenses o que lles permite reducir a súa dependencia da débeda pública estadounidense. Pero para avaliar debidamente o alcance desta estratexia haberá que estar atentos aos seguintes movementos.

Haberá que estar atentos por que unha operación monetaria de tales dimensións estratéxicas non está exenta de dificultades. En primeiro lugar pola enorme dificultade que vai supor o crear unha divisa común para países tan diferentes. En segundo lugar por que non está claro o real interese que poden ter países como China, India e Rusia en entrar nunha batalla monetaria con os Estados Unidos. No caso concreto de China hai que engadir que no que parece realmente interesada é en potenciar a súa moeda (renmimbi) que está en auxe nos mercados monetarios e que lle permite non perder o control sobre os tipos de cambio e os movementos de capital. Como Sudáfrica tampouco parece moi interesada so quedaría Brasil como partidaria da desdolarización o que non parece suficiente para finalmente impoñer su criterio ao conxunto dos BRICS.

Incógnitas que poñen en evidencia que, hoxe por hoxe, os BRICS non son no curto prazo unha alternativa ao vello orde monetario mundial. Pero o que si é certo, dado o volume de relacións transaccionais comerciais que poden chegar a realizar en outra moeda distinta ao dólar, poden contribuír a que diminúa a peso desta divisa no comercio internacional (si na década pasada o dólar copaba o 65% das reservas mundiais en divisas, na actualidade a porcentaxe é do 57%). Contribuír a que o liderado dos Estados Unidos, conseguidos a partir de Bretton Woods, estea cada vez mais en cuestión e se avance a un sistema monetario mundial multipolar.

 

 

Non se cuestionan as teses neoliberais para o comercio internacional

No plano do comercio internacional os BRICS tampouco ofrecen unha alternativa diferente ao modelo neoliberal que, por caso, representa a OMC (Organización Mundial de Comercio) senón que, curiosamente, a comparten e defenden.

Unha proba témola, por caso, coa posición dos BRICS fronte as aranceis impostos por Estados Unidos. Non hai unha posición común senón que, como acabamos ver coa India, as negociacións son unilaterais e non como bloque e sempre mantendo unha posición en liña coas teses da OMC. Unha posición que se explica polos intereses de China que, unha vez conseguido o liderado internacional na produción e o consumo, pasou a converterse na grande defensora dos tratados de libre comercio e, xa que logo, contraria ao proteccionismo e as restricións comerciais.

Os BRICS, e moi especialmente China, demostran co seu comportamento comercial e financeiro que, de ningures, son unha alternativa a mundialización capitalista neoliberal.

A crise ambiental

OS BRICS tampouco cuestionan a crise ambiental e o papel que as enerxías fósiles desempeñan no cambio climático. Non podía ser doutro xeito si temos en conta os intereses industriais dos seus membros.

China, o pais líder dos BRICS, ten como unha das súas xoias industriais a multinacional líder mundial na produción de carbón (China Energy) que xunto a Gazprom (Rusia) e Saudí Aramco (Arabia Saudíta) integra a Trinidade dos combustibles fósiles, a maior criminalidade climática a nivel mundial xa que son as maiores emisoras de CO2 a atmosfera.

Como se pode ver tres relevantes membros dos BRIC (China, Rusia, Arabia Saudíta) ocupan un lugar relevante na clasificación mundial da contaminación, un lugar que non queren abandonar xa que longo de formularse unha redución da produción e embarcarse nunha transición ecolóxica estes países o que planean e “inundar o mundo de combustibles fósiles” (carbón, gas, petróleo).
 

Difícil relación co dereito internacional

Mais delicado é analizar a política internacional dos BRIC e a súa relación co dereito internacional, as guerras e a paz. Unha análise que nos permitirá coñecer cales son os reais intereses que moven a coalición e que teñen moito mais que ver coa economía e o comercio que, por caso, cos dereitos humanos, a democracia, a liberdade e a paz.

Un exemplo do anterior témolo, por caso, no posición dos BRICS en relación a guerra en Ucraína e o xenocidio de Gaza. Si en relación ao primeiro dos conflitos os BRICS nunca condenaron a invasión rusa, en relación ao segundo en ningún momento mostraron a súa oposición ao mesmo e moito menos romperon relacións comerciais ou sancionaron economicamente a Israel. Todo o contrario, seguíronlle comprando armas ao estado sionista e vendendo alimentos e combustible. No caso concreto de Exipto, que forma parte dos BRIC, compre sinalar que lle venden o cemento co que Israel constrúe os asentamentos e as colonias en terreos palestinos, lle compra gas e participou na destrución dos toneis que unían a Gaza con Exipto.

Outros membros dos BRICS como, por caso os EAU (Emiratos Árabes Unidos) e Arabia Saudita actúan en Oriente Medio e en Africa como xendarmes de réximes absolutistas represores dos movementos populares como se puido comprobar en Bareim, Iemen, Libia, Sudán, Somalia, Eritrea, Etiopía... axudando militarmente a ditadores e golpistas adoptando unha posición claramente imperialista e represiva de calquera movemento democrático.

No espazo dos BRICS, e moi especialmente para os membros fundadores (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica) a presenza destes dous estados (EAU, Arabia Saudíta) interesa por razóns enerxéticas e financeiras que priman sobre a democracia e os dereitos humanos. Un interese que, incluso, chega a estar por riba do que debería seren a solidaria entre socios. Velaí o sucedido con Iran, socio asi mesmo dos BRIC, que viu como fronte aos ataques militares de Estados Unidos e Israel os seus socios facían a vista gorda.

Dificilmente se podía espera unha posición distinta dos BRICS en relación ao dereito internacional si temos en conta que a maioría dos países que o integran teñen réximes non democráticos cando non ferreñas ditaduras.

Os BRICS non son unha alternativa a economía mundo capitalista, de ningunha das maneiras. Entre os obxectivos dos promotores desta coalición non está o cuestionarse o sistema capitalista senón, algo moito mais modesto, como é o do introducir algúns cambios de posicións na vella orde mundial

Os BRICS, unha alternativa anticapitalista?

Para rematar resulta oportuno facer unha puntualización sobre os BRICS para evitar interpretacións erróneas especialmente dalgúns inxenuos. Os BRICS non son unha alternativa a economía mundo capitalista, de ningunha das maneiras. Entre os obxectivos dos promotores desta coalición non está o cuestionarse o sistema capitalista senón, algo moito mais modesto, como é o do introducir algúns cambios de posicións na vella orde mundial. As probas a prol desta afirmación son contundentes e espero que quedaran claras nos apartados anteriores. 

Cambios que, eso si, son moi relevantes e poden chegar a provocar unha grande muda nas posicións das actuais potencias económicas. Unha nova orde internacional nun sistema mundial que seguirá sendo capitalista pero no que os Estados Unidos xa non serían a única potencia mundial e poida que nin a mais poderosa.

Un asunto que tratarei noutro artigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.