Os cataláns decidirán

Hai poucos anos tiven a honra de representar este País dende un cargo público. No decurso dunha tensa negociación co Goberno do Estado correspondente, en Madrid, un vedraño alto cargo do Ministerio de quenda, con bastante acritude espetoume “Gallego, tú te has tomado en serio eso de la autonomía. Es inadmisible que queráis negociar de Gobierno a Gobierno y en el futuro, sea quien sea el partido de Gobierno en Madrid, no se os va a permitir”.

Unha ampla maioría de cataláns, hai cinco anos, non eran soberanistas. Mais agora viraron os ventos e semella que nada vai ser igual ca antes

A actitude do Madrid político co Estatut de Catalunya que foi aprobado polo 90% do Parlament, rebaixado polas Cortes e ratificado pola cidadanía catalá en referendo foi exactamente á do alto cargo do conto. Que os cataláns aproban unha ampliación do seu autogoberno? Tentémola desprestixiar na rúa, na opinión pública e, se é o caso, xa virá o Tribunal Constitucional a lles avisar de que isto da autonomía non vai de verdade en serio, que todo Estatuto  vai depender cada vez máis do que se decida en Madrid. Tras da vaga soberanista atópanse centos de milleiros de cataláns que confiaron nun novo marco de relacións co Estado até que se lles dixo que non, que a solución futura non era máis autogoberno e mellor financiamento, senón probabelmente menos e peor e que Catalunya, votase o que votase, non sería nunca suxeito da decisión colectiva, que sempre dependería do bipartidismo monopolizador do  réxime de Madrid.

Unha ampla maioría de cataláns, hai cinco anos, non eran soberanistas. Mais agora viraron os ventos e semella que nada vai ser igual ca antes. En dous anos haberá referendo en Escocia, mentres Flandres camiña cara á  súa soberanía. A Unión Europea, o Reino Unido e o Reino de España aceptarán o que decidan flamengos, cataláns ou escoceses, sen axitar a pantasma dun veto á adhesión de novos estados na UE absolutamente impracticábel. É cousa só de tempo.

 

Os 85 primeiros do profesor Alonso Montero.

A lingua e cultura deste País teñen unha grande débeda co traballo monumental de Don Xesús

O 24 deste mes Ribadavia nomeará fillo adoptivo ao profesor e académico Alonso Montero, coincidindo cos seus primeiros 85 anos de idade. A lingua e cultura deste País teñen unha grande débeda co traballo monumental de D. Xesús, dos primeiros na tarefa de que o galego desfrutase de mil primaveras máis e non se cumpriran os prognósticos sobre a súa extinción que el mesmo escribiu no seu lendario Informe dramático sobre a lingua galega de 1973.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.