Os chinitos

Tomando un viño cunhas amizades no bar Chavolas, en pleno centro do Casco Vello, nunha taberna con tradición e lembranzas desde os anos 60, e que agora iniciou outra travesía cun patrón experimentado que leva o barco por mares substanciosos, comezou a mostrarnos a súa bodega onde aparecían viños de alta calidade e prezo que, segundo nos dixo, saborean maiormente as familias chinesas viguesas que visitan o seu comedor.

Non só comen e beben do mellorciño, senón que os multimillonarios chinos descubriron Galicia e están comprando as industrias e negocios tradicionais vigueses. Por citar algunhas: Ence, produtora de caldeiras e útiles para barcos, xa hai anos que está nas súas mans; as Conservas Albo, unha das fábricas de conservas pioneiras na cidade, onde tantas mulleres pasaron de rogar peixe ou seren carrexonas desde o Berbés, o porto pesqueiro, a coñecer o ritmo e o tempo do traballo proletario, a promover folgas sen a axuda da patronal, ou conseguir garderías nalgúns dos lugares de traballo para teren máis protexidas as crianzas. Aquela conserveira, con tres xeracións en Vigo pasou a ser agora da pesqueira Sanghái Kaichuang, por 60’9, e terá sede en Hong Kong.

De comezos do s.XX son tamén os estaleiros vigueses, fundado polos cataláns, onde construían os barcos precisos para  a pesca, base dunha florecente industria que fixo medrar a cidade. Os estaleiros tamén teñen sona de seren os mellores na construción naval do mundo. E aquí chega un famoso millonario chino, para comprar por 72 millóns os estaleiros Rodman. O Centro comercial Gran Vía tamén pasou a mans chinesas.

Deixo para o final a sorpresa maior. O CITIS Group compra o Club Celta de futbol por 150 millóns de euros. O Celtiña, a referencia de todos os siareiros vigueses, desde os avós e trasavós, un sinal de identificación, con ese nome tan pondaliano, onde cantan “Ondiñas veñen, Ondiñas veñen, ondiñas veñen e van…”tamén pasa a mans de Wang, un gran multimillonario de procedencia humilde, que usa sentencias de Confucio para adoutrinar os seus colaboradores. Agardamos que faga o mesmo cos xogadores do equipo, e lles inculque moral para que non sigan as malas prácticas de Ronaldo. O seguidor de Confucio parece querer demostrar que se pode ser un capitalista honrado. Porén, o seu compatriota Sam Pa, que tamén veu negociar á nosa ría co seu espectacular Iate, foi detido por corrupción polo Partido Comunista e encóntrase no Cárcere. 

Hai que ver a cabeceira de A Voz de Galicia do día 11, para comprobar o ben que debuxan a insignia do Celta o alumnado dunha clase infantil de Shanghai, adestrados polo profesor galego que lle dá aulas. Unha nova e asiática xeración de afeccionados. Alguén dubida de que vivimos no mundo global?

Nada cambiará no referente ao espectáculo futbolístico. O diñeiro non ten emocións nin afectos. Que se lucre Mouriño ou Wang nada cambia. A afección o que quere é ver xogar e gañar o equipo.      

Unha das cousas que menos me gustaba facer, cando nena, nos anos da ditadura, era postular, ou sexa pedir para un colectivo que estaba atrasado e famento no mundo. Un deles eran os chinos. Metíanche na man unha gran cabeza de louza con riscos chineses que tiña unha abertura para introducir moedas, un cabezón-peto. Con el cumpría percorrer as rúas acosando os transeúntes:  “Algo para os chinitos”.
Ai, o mundo! A evolución! Cantas voltas dá!

Aquí non se queren enteirar. Ulos os donos da Parroquia, os fillos de Breogán, os soberanistas, … os que teñen encarcerada a Lingua. A ver cando se decatan de que ademais de atrasados, super- conservadores, son ridículos!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.