Fagamos un gran exercicio mental e imaxinemos que acabamos de rematar a carreira de cardioloxía, esa á que tanto nos custou poñerlle fin e que por motivos administrativos non podemos exercer debido á redución de prazas que fai esvaecerse toda esperanza en traballar naquilo para o que tanto nos esforzamos. Imaxinen que ao estudar esa carreira, indirectamente ábrense as portas para si poder opositar a prazas doutros corpos da sanidade pública Galega, como poden ser os centros de saúde na especialidade de médicos de familia. Anos máis tarde, cando xa temos as nosas vidas estabilizadas, a pertinente Consellería abre un proceso de concurso de traslados onde os que teñan a titulación poden pedir destino definitivo desde un centro de saúde cara un quirófano dun hospital calquera do país, a pesares de non pertencer ao mesmo corpo da rama sanitaria, máis a Consellería procede igualmente. Concursamos, adquirimos o destino e tomamos posesión no servizo de cardioloxía dese hipotético hospital despois de levar anos sen realizar esa tarefa. Tomamos posesión, por exemplo un luns, e o martes danos o aviso de que mañá mércores entramos en quirófano para operar a corazón aberto. Si. Si. Como están lendo. Sen unha etapa de adaptación para que refresques o aprendido na facultade, sen volver facer prácticas en quirófano con corpos doados á medicina, temos que poñernos diante dun paciente para operalo. Pois isto leva acontecendo desde fai cinco anos no noso país, só que debemos trocar o termo “hospital” por “conservatorio de música”. Xa sei que resulta esaxerada a comparación descrita. Estamos falando da vida (física) das persoas. Máis en certa medida non o é tanto xa que co tema dos concursos de traslado na educación, tamén estamos a xogar coa vida das persoas. Neste caso coa vida formativa e/ou educativa.
Para centrarnos directamente no asunto, débese saber que desde fai cousa de catro-cinco anos a consellería de educación, coa axuda, e grazas as medidas tomadas desde Madrid coa chegada do ilustrísimo señor Wert, vén masacrando aos profesores de música de Secundaria, reducíndolle as horas de docencia. Estas sufriron tal recorte que a solución foi poñer a estes profesionais a dar aulas doutra materia, aínda que non tiveran a capacitación necesaria. -non deixa de ser certo que con eses recortes, nese momento moitos interinos quedaron na rúa e non todas e todos as/os compañeiras/os doutros corpos mostramos a necesaria solidariedade-. Os que non foron obrigados a dar esas “outras” materias, abríuselle unha porta para poder escoller traslado a un conservatorio de música. Entenden agora o de pasar dun centro médico de medicina familiar a un hospital?
Ben sei que dar luz pública a este problema é realmente arriscado. A animadversión non vai tardar en aparecer. Máis aquí non se fala de que ninguén estea incapacitado para dar clases nun conservatorio, nin viceversa (ao igual que moitos médicos de familia tamén teñen o coñecemento para entrar en quirófano). O que estamos a tratar é de que os corpos administrativos-profesionais son distintos, por iso as oposicións son distintas. Do que estamos a falar é de, no caso de querer trasladalos -e xa non entro en si se fai de xeito legal ou ilegal, xusto ou inxusto-, polo menos fora necesario unha obrigada adaptación ao corpo. Que fora obrigado recibir unhas mínimas horas de prácticas para poñerte ao día e así poder enfrontarse de súpeto a un Mozart, a un Beethoven, a un Strauss, á impartición de linguaxe musical, a ser pianista acompañante, a alumnos de 5º ou 6º de Grao Profesional que teñen un dominio do instrumento xa moi elevado, etc. Resumindo con outras palabras. É un suicidio pedagóxico que un titulado en música, que ensina de xeito xeneralizado, poida pasar como do día a noite, a dar aulas de música de xeito especializado como se fai nun conservatorio. Isto só o permiten aqueles que por “calidade educativa” entenden a cantidade de millóns que van aforrar ou/e gañar.
Outro dos problemas que hai enriba da mesa é o absoluto abandono dalgúns dos sindicatos maioritarios do ensino, os cales carecen de independencia para enfrontarse a esta situación ao verse obrigados a especular sen ningún miramento, e así non correr o risco de perder un alto número de afiliados. E o que a moitos realmente nos preocupa, é que os que somos compañeiros e compañeiras poidamos converternos en adversarios, rivais ou inimigos por culpa da nefasta xestión do publico da nosa Consellería de educación.
O desexable sería que houbera alguén que supera explicar que isto non beneficia a ninguén, que uns e outros somos moi necesarios para a educación e que nos necesitamos entre nós, fortes e unidos. O desexable sería que se volveran recuperar as horas de música perdidas en Secundaria. Lamentablemente os que poden, non queren facelo. Así pois, o 20 de outubro e o 14 de decembro, un/ha xuíz/a do Xulgado de Compostela terá que ditaminar quen leva a razón. O que non fai falla que dite ese/a xuíz/a é que o ensino público leva anos nun estado de coma profundo, e cando falamos de ensino público xa non existen corpos, nin disciplinas, nin escalas profesionaisadministrativas que clasificar. Aí, todos somos doentes en busca dun/ha bo/a cirurxiá/n ou dunha boa menciña.