Os convenios colectivos: cabezas de turco da crise

Ao goberno do PP moléstanlle as garantías mínimas sociais coma os convenios colectivos sectoriais, que regulan as condicións laborais nas empresas do sector sen convenio colectivo propio, de empresa, que o mellore. Só a ignorancia ou a pura ideoloxía neoliberal poden converter estes convenios colectivos sectoriais en obxectivos a eliminar para este goberno do PP ao servizo dos intereses económicos especuladores. Cando se ouven cousas como que "os convenios sectoriais, negociados á marxe das empresas ao que llos aplica, son inaplicables polas vantaxosas condicións laborais que outorgan ás persoas traballadoras afectadas", enténdese que o que se quere é confundir, e aproveitarse desa confusión. Os convenios sectoriais, provinciais, autonómicos ou estatais conteñen condicións laborais que só son mellores que o propio Estatuto dos Traballadores, que é o chan, o mínimo no que a condicións laborais refírese no noso país. 

Cando se ouven cousas como que "os convenios sectoriais, negociados á marxe das empresas ao que llos aplica, son inaplicables polas vantaxosas condicións laborais que outorgan ás persoas traballadoras afectadas", enténdese que o que se quere é confundir

A súa negociación é un proceso dificilísimo, mesmo en épocas de crecemento. As respectivas patronais aprovéitanse de escasa posibilidade de presión que se pode exercer para reclamar melloras en cada negociación deses convenios, xa que eses convenios aplícanse sobre as empresas máis pequenas, sen representación dos traballadores na maior parte dos casos, e cun poder case omnímodo dos seus propietarios, que non sempre acreditan a capacidade mínima para a xestión empresarial. Estamos a falar de salarios que non superan os 1.000 euros en xeral, e que para os postos máis cualificados apenas superan eses 1.000 euros. E así ocorre cos demais dereitos, que apenas se consegue mellorar o previsto no Estatuto dos Traballadores. Quen considera que os convenios colectivos sectoriais son un problema, como lle ocorre ao PP, o que realmente pretende é poder aplicar directamente o Estatuto dos Traballadores en calquera empresa e en calquera circunstancia.

A reforma laboral xa permitía todo tipo de descolgues e inaplicaciones dos convenios sectoriais, mesmo de empresa. Sen ser necesarias as perdidas, só con prever unha diminución nos beneficios

A reforma laboral xa permitía todo tipo de descolgues e inaplicaciones dos convenios sectoriais, mesmo de empresa. Sen ser necesarias as perdidas, só con prever unha diminución nos beneficios. Pero faltáballes a guinda de poder suprimir o mantemento das condicións do convenio colectivo, sectorial ou de empresa, mentres dura a súa negociación, o que se coñece como ultraactividade. Ultraactividade que non leva revisión salarial mentres dura a negociación salvo que se pacte, e que o PP xa a sinalou como obxectivo a cobrarse, recollendo a idea da peor patronal e dos seus ideólogos neoliberais de referencia.

Antes do trámite parlamentario, a reforma laboral puña caducidade a esa ultraactividade, e se non había acordo na negociación do convenio colectvo antes de 2 anos, nese momento perderíase a ultraactividade, podéndose aplicar o Estatuto dos Traballadores en lugar do convenio sectorial. Agora, e froito do acordo do PP e da súa escisión en Asturias, o Foro de Alvarez Cascos, eses 2 anos redúcense a 1 ano. Podédesvos imaxinar cal vai ser a actitude das patronais que negocian eses convenios colectvos sectoriais, que sen esas prerrogativas favorables xa forzaron o alongamento das negociacións como maneira de presión.

Co que permitirá a reforma laboral convalidada no Parlamento non vai haber maneira de alcanzar acordos na negociación deses convenios sectoriais, xa que as peores patronais van preferir aplicar o Estatuto dos Traballadores, que non perder o tempo negociando un convenio

Co que permitirá a reforma laboral convalidada no Parlamento non vai haber maneira de alcanzar acordos na negociación deses convenios sectoriais, xa que as peores patronais van preferir aplicar o Estatuto dos Traballadores, que non perder o tempo negociando un convenio que tamén poderán incumprir case a capricho. Co tempo, a seguinte ocorrencia será eliminar o Estatuto dos Traballadores, e negociar individualmente as condicións laborais, cuestión xa reclamada polos mesmos que nos levaron á crise polo seu desmedido afán especulador.

É evidente que a mobilización en contra da reforma laboral se manterá e intensificará a partir do seu empeoramento parlamentario

A reforma laboral antes do seu tramite parlamentario xa gañou na súa contra un período de mobilización importantísimo, con xornadas de manifestacións masivas e coa folga xeral do 29 de marzo secundada tamén masivamente. É evidente que a mobilización en contra da reforma laboral se manterá e intensificará a partir do seu empeoramento parlamentario. A cidadanía cada vez é máis consciente de que quen nos gobernan queren facernos pagar varias veces a crise, e aproveitala para impornos as súas receitas neoliberais e especuladoras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.