O pasado 12 de novembro celebrouse en Lugo unha interesante Xornada de Literatura Oral Tradicional, dedicada nesta ocasión á medicina popular, á que asistiron un centenar de persoas, sobre todo do mundo da docencia. Vai xa pola novena edición este evento tan importante para a recuperación da nosa cultura popular. Detrás está a perseverancia e a intelixencia do escritor Antonio Reigosa, principal impulsor destes encontros e da enciclopedia virtual Galicia Encantada. Puiden coñecer o interesante traballo que está a realizar a xornalista Ana Lois (Palabras Secretas), quen leva anos filmando ritos e tradicións que están a piques de desaparecer. Tamén puider apreciar a profunda sabiduría de persoas como Carmiña Prado, que coñece as herbas e as súas propiedades mellor que ningún profesional. Eu tamén participei nesta xornada, facendo unha reflexión en voz alta sobre a figura do curandeiro e a súa relación coa medicina oficial. Este é un breve resume do falado:
A medicina, tal como hoxe a coñecemos, non existiu sempre. Ben pola contra é unha actividade máis ben moderna que, no noso contorno, ten pouco máis dun século de historia. En Galicia existiu sempre a medicina popular. Ata ben entrado o século XX era unha comunidade eminentemente rural; os seus habitantes residían en pequenos núcleos de poboación mal comunicados ou illados. Os médicos estaban nas cidades ou nas principais vilas cabeceiras de comarca. Non sempre era doado, para a xente das aldeas, desprazarse na busca da axuda destes profesionais, pola distancia ou por razóns de tipo económico.
A pesar dos avances da ciencia no século pasado, as xentes de Galicia acudían con frecuencia aos curadores locais para librarse de certos males. Existía mesmo unha certa desconfianza sobre as bondades da medicina oficial. Como dixo García-Sabell: “O enfermo só cree ao médico capacitado para dicirlle o que ten, pero non para curalo”. Na Galicia rural, sobre todo entre a xente de maior idade, aínda perviven dous tipos de doenzas diferenciadas: as que “son de médico” e as que “non son de médico”. Os curandeiros e menciñeiros; as sabias e as meigas; os arresponsadores e os ensalmadores; os compoñedores e as parteiras xogaron un papel moi importante na atención á saúde das xentes de Galicia. Mesmo existen males, que non deberíamos ignorar, que seguen a formar parte da cultura colectiva deste pobo: o tarangaño, a caída da paletilla, o mal de ollo, o mal de aire.
O doutor Lis Quiben escribiu un libro onde recolle toda esa cultura popular. Destaca que a medicina tradicional fundaméntase sobre tres piares: a maxia, a relixión e a fitoterapia. Se ben hai prácticas e rituais que están instaladas no pensamento máxico e carecen absolutamente de rigor, noutros casos sorprende a correcta utilización de certos remedios antes de que fosen bendicidos polo coñecemento científico. Cómpre saber de onde vimos porque nos axudará a entender como vive a doenza a xente do noso pobo. Todo ese pouso cultural persiste nas profundidades do ser colectivo, aínda que, desde a altura do século XXI, nos parezan cousas da prehistoria. Non é así. A min levantáronme a paletilla sendo neno, e tamén recordo a miña avoa andando de xeonllos arredor da igrexa da Virxe Peregrina. Non me quixo dicir por que estaba ofrecida, pero de seguro que era por alguén de nós ou por algún animal da casa.
A medicina oficial na primeira metade do século XX estaba pouco desenvolvida. Os médicos estaban nas vilas grandes e nas cidades. Coa chegada da Seguridade Social (en 1942) naceu a asistencia ambulatoria en España. O médico de cabeceira daquel tempo era un home que pasaba consulta no seu domicilio, facía compatible a práctica privada coa pública e visitaba os pacientes nas casas cando era preciso desprazándose a cabalo por montes e descampados. Facía de todo: desde partos a compoñer osos, desde arrancar moas a suturar feridas. Cando o caso superaba as súas posibilidades ou coñecementos aconsellaba acudir aos especialistas da cidade. En medio século a evolución foi formidable.
Hoxe o médico de familia é, maioritariamente, unha muller nova que pasa consulta nun Centro de Saúde. Dedícase en exclusiva á sanidade pública, utiliza a historia clínica e ten ordenador na consulta. O avance científico, tecnolóxico e farmacolóxico, xunto coa mellor formación dos profesionais fai que o médico de familia actual sexa máis resolutivo que o de hai sesenta anos, se ben a práctica cotiá pode resultar menos heroica e máis convencional. Mais tamén é certo que houbo unha certa deshumanización da práctica médica: o profesional céntrase máis nos datos que na persoa (ao contrario do que facía o curandeiro). Unha consulta pode rematar sen que exista contacto entre profesional e paciente, nin sequera visual. Cómpre restaurar o trato humano na práctica asistencial. Porque o paciente non é unha máquina que se avaría senón unha persoa que sufre e ten medo. Temos que aprender a realizar unha “medicina baseada na afectividade” (Albert Jovell). A palabra pode ser máis curativa que os fármacos.