Debo empezar recoñecendo a miña impotencia para atopar a lóxica que en materia de política económica, moi especialmente en política fiscal e monetaria, teñen as decisións que adoptan as autoridades que gobernan a eurozona. Unhas decisións que a pesares de levar a continuos fracasos, con recesións e depresións recorrentes, que arrastran grandes custos sociais en materia de emprego, benestar social e igualdade non se corrixen senón que se teima na súa aplicación.
Se as anteriores regras fiscais foron un rotundo fracaso non caben dúbidas de que estas, que ademais se aproban nun contexto político e económico como o actual, volverán fracasar pois seguen sen resolver os auténticos problemas fiscais
A pandemia da COVID (2019) provocaría unha forte caída da actividade comercial a nivel mundial, moi especialmente polo lado da oferta aínda que progresivamente se estendería a demanda. Unha caída na oferta que repercutiría nun alza nos prezos e que sumada a outros problemas –non poucos deles de carácter estrutural- que se viñan agochando no economía mundial farían que se disparara a inflación (2022). Un fenómeno macroeconómico ao que se sumaría o impacto provocado pola guerra en Ucraína (2022) sobre o mercado de cereais ao afectar a unha oferta que estaba cubrindo máis do 40% do consumo na Unión Europea. Una situación de desabastecemento que sería aproveitada polos grandes especuladores para incrementar aínda máis os prezos. Feitos todos eles que porían en evidencia como as causas primeiras de que se disparara a inflación na eurozona –con valores por riba do 10%- estaban no lado da oferta.
Neste marco crítico o BCE (Banco Central Europeo) tira de ortodoxia monetaria e actúa (2022) como si se tratara dun problema no gasto, dunha inflación de demanda. Sube os tipos de xuro, non unha vez soa senón varias, con un impacto brutal: a demanda, consumo e inversión, se debilita aínda máis e se crea na eurozona un escenario macroeconómico de forte caída da actividade, de práctico estancamento (3,4% no 2022, 0,5% no 2023), con Alemaña nun lugar destacado (+1,9% no 2022, -0,1% no 2023) e con un horizonte marcado por un crecente debilitamento económico.
Son os custos da persistencia nuns dogmas totalmente arbitrarios que non teñen ningún tipo de xustificación pero que foron incluídos nunha serie de Tratados que están levando a eurozona de recesión en recesión ao tempo que incrementan as diverxencias e as desigualdades no seu interior
Un horizonte que non afecta aos dogmas. Así o Consello da Unión Europea aprobaba (20.12.2023) un novo marco de regras fiscais que manteñen, con algúns matices, os dogmas dos axustes. Unha decisión que, a pesares de contemplar algúns cambios en relación ao anterior marco, non deixa de sorprender pois si as anteriores regras fiscais foron un rotundo fracaso non caben dúbidas de que estas, que ademais se aproban nun contexto político e económico como o actual, volverán a fracasar pois seguen sen resolver os auténticos problemas fiscais. Si ben é certo que estamos diante de normas máis flexibles non o é menos que se manteñen fóra das necesidades que actualmente demandan as economías europeas como, por caso, as dun forte impulso fiscal –investimentos públicos- e que sementan dúbidas tanto sobre a aplicación de programas estratéxicos tal que o NEXT GENERATION EU como sobre toda a retórica europea dunha transición verde/dixital.
Fracasarán porque seguen sen ter en conta a natureza dos ciclos económicos, parten de premisas falsas, fixan obxectivos de déficit e de débeda non cribles, teiman na senda de priorizalos axustes e pesares dos fracasos anteriores, non teñen en conta a particularidade de cada estado o que incrementará as diverxencias e seguen descansando a garantía do seu cumprimento no Consello e na Comisión o que, dadas as experiencias anteriores, lle resta credibilidade e confianza democrática dándolle un carácter meramente burocrático ao que son problemas políticos.
Son os custos da persistencia nuns dogmas totalmente arbitrarios que non teñen ningún tipo de xustificación pero que foron incluídos nunha serie de Tratados que están levando a eurozona de recesión en recesión ao tempo que incrementan as diverxencias e as desigualdades no seu interior.