Os dereitos de todas

Non é unha cuestión de tolerancia ou de respecto. É unha cuestión de dereitos. Toda persoa ten dereito á súa dignidade e a non discriminación, polo tanto, non entendemos como a golpe de 2020, continuamos a ter que loitar por algo que debería ser tan sinxelo pero que, en vista do estado da cuestión, segue a ser tan complicado. Por que a tantas persoas lles molesta que outras persoas podan ser quen realmente son? 

Vemos con carraxe como sectores ultra católicos e fascistas cuestionan os dereitos LGTBI+, así como cuestionan a igualdade de dereitos das mulleres. Por máis que se lles escoite berrar o contrario, as mulleres trans son mulleres; o matrimonio homosexual é un matrimonio; e o feminismo é necesario para todas e non unha “ideoloxía de xénero”. 

Entendemos que todas as que queremos que o mundo avance compartimos os mesmos ideais de cooperación, de solidariedade e respecto. Se queremos facer do planeta un lugar mellor temos que procurar vivir en harmonía con nós mesmas, cas que nos rodean e co entorno. Para alcanzar estes obxectivos, sen dúbida, temos que colaborar, que tecer redes duradeiras para poder enfocar e distinguir aos nosos inimigos reais: o capitalismo e o fascismo que se disfrazan hoxe de “dereitas alternativas”. Só poderemos alcanzar as nosas metas se nos unimos e construímos unha gran alianza baseada na aceptación de nós mesmas, coas nosas diferencias e cos nosos corpos, singulares e irrepetibles. Ningunha de nós precisa encaixar en patróns estéticos e socioculturais alleos. 

Precisamente por todas estas razóns debemos rexeitar a LGTBifobia onde queira que se agoche. Debemos ser contundentes á hora de tomar medidas que condenen todas as agresións e vulneracións de dereitos que sofren estas persoas. Non pode ser que un 72% de persoas do colectivo en Europa teña que ocultar a súa condición sexual no ámbito laboral para non ser obxecto de burlas, acoso ou discriminación. Tampouco concibimos que se continúe a patoloxizar a transexualidade. 

En EQUO Galicia sabemos a crecente necesidade de pór en práctica unha serie de medidas que sirvan ao cambio e, polo tanto, temos moi claro que nunca negociaremos acordos de gobernos con forzas que non defendan os dereitos humanos nin participaremos en iniciativas parlamentarias que atenten contra as persoas que forman parte da comunidade LGTBI+ nin que fomenten o odio ou a discriminación. Reclamaremos que se poña en práctica un protocolo de atención as vítimas de agresións. Do mesmo xeito, perseguiremos as terapias de conversión e daremos garantía de asilo ás persoas do colectivo LGTBI+. Queremos crear un marco normativo e regulamentario que sexa garante dos dereitos humanos na que encadraremos a nosa proposta de Lei Galega de Identidade de Xénero na que todos os colectivos serán escoitados.

Temos que ser conscientes de que estas redes afectivas e de apoio se tecen dende a infancia polo que entre as nosas medidas incluímos a creación dun programa galego de educación obrigatoria sobre diversidade afectiva, sexual e identitaria para previr o bullying en todas as súas facetas e, especialmente, no ámbito do acoso escolar por LGBTIfobia. Tamén incluiremos talleres sobre novas masculinidades e fomentaremos que a diversidade sexa aceptada e respectada.

Sen dúbida, os medios de comunicación inflúen na transmisión dunha mensaxe de inclusión para todas, polo que, a Xunta de Galicia debería facer todo o que estea na súa man para que a televisión e a radio públicas difundiran máis contidos nos que os propios colectivos xestionaran a súa imaxe e que contribuiran a visibilizar a estas persoas nas súas reivindicacións. Un paso importante neste eido sería o uso dunha linguaxe inclusiva, que nos representara a todas.

Queremos que Galicia sexa un lugar onde todas as persoas sexan respectadas para que a discriminación, as agresións e o rexeitamento queden no pasado e haxa un consenso social sen fisuras do que nos podamos sentir orgullosas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.