Os dereitos do persoal das administracións publicas son garante dos dereitos da cidadanía

Nestes últimos días estanse a producir mobilizacións na Universidade de Santiago de Compostela. Os estudantes péchanse porque lles recortan dereitos e servizos mentres lles soben as taxas e os impedimentos para acceder ao ensino superior. Os traballadores e traballadoras do Sistema Universitario Galego, PAS e PDI a punto de estoupar nun conflito fronte a uns orzamentos que liquidan sen contemplacións a Universidade Pública que coñecemos. Para que queremos unha mocidade formada se ao final van ir rendibilizar esa formación polo mundo adiante? Pensarán os cranios privilexiados que nos gobernan.

Para que queremos unha mocidade formada se ao final van ir rendibilizar esa formación polo mundo adiante?

Como deixou dito Aldo Cammarota, liberal anticomunista nada sospeitoso de veleidades esquerdistas: “Un dos máis serios problemas do mundo actual é que moitas persoas cren que, porque estudaron, non teñen que pensar”. En definitiva todo leva á mesma concepción dunha sociedade sometida sen recursos para construír o ascenso á liberdade. Así pois o descenso á servidume proxectase incluso na universidade.

O goberno da universidade compostelá representa un bo exemplo engadindo un conflito interno, torpe e inoportuno, co seu Persoal de Administración e Servizos; asumindo a servidume a unha normativa que modifica substancialmente as condicións de traballo sen intentar adaptala a través da negociación coa vontade de que resulte o menos gravosa posible. Fai unha prolongación vertical da servidume colaborando no recorte de dereitos. Xa se sabe, quitar dereitos para chegado o caso substituílos por favores.

Hoxe os traballadores e traballadoras dos Servizos Públicos, os da universidade tamén, practican unha especie de autocensura á hora de reivindicar os seus dereitos. Temen non ser comprendidos pola cidadanía

As mobilizacións do PAS da USC son polo dereito a negociar as súas condicións laborais, un dereito fundamental de traballadores e traballadoras en xeral. A modificación unilateral das condicións de traballo non se fai para mellorar os servizos ou coma unha medida máis de aforro, é un paso máis no linchamento dos dereitos do persoal das administracións públicas, unhas medidas exemplificantes encamiñadas a recortar cada vez máis os dereitos de traballadoras e traballadores en xeral.

A campaña constante de desprestixio do persoal traballador dos Servizos Públicos, e dos Servizos Públicos en si, non é inocente, ten unha importante colaboración do poder mediático e ten dado uns extraordinarios resultados. Hoxe os traballadores e traballadoras dos Servizos Públicos, os da universidade tamén, practican unha especie de autocensura á hora de reivindicar os seus dereitos: xornada de traballo, días de asuntos propios, condicións das baixas por enfermidade, etc. Temen non ser comprendidos pola cidadanía. Porén, non só teñen dereito a mellorar as súas condicións, teñen obriga de enfrontarse solidariamente á insaciable avaricia acumulativa do sistema, e moito máis nos Servizos Públicos, onde se referenciaron sempre os demais sectores e onde se garanten os dereitos fundamentais da cidadanía. Un persoal sen dereitos é un persoal submiso. Ademais, a cidadanía ten que saber, que recortando servizos públicos non se abaratan custos para diminuír o déficit, contrátanse a empresas privadas gastando máis. Non están racionalizando nin practicando ningún tipo de austeridade; eliminando da estrutura dos servizos públicos vultos de sebo, están amputando órganos sans e fundamentais. Non lle van diminuír o salario por enriba do 5% a persoal con niveis moi altos, vanlle diminuír o salario maioritariamente a mileuristas.

Non están racionalizando nin practicando ningún tipo de austeridade. Non lle van diminuír o salario por enriba do 5% a persoal con niveis moi altos, vanlle diminuír o salario maioritariamente a mileuristas.

A Universidade Galega foi a primeira universidade do estado en ter unhas Normas de Xestión propias e en ter un Convenio Colectivo do Persoal Laboral propio. O seu compromiso sindical e profesional converteu a administración da universidade galega nun referente. Foron anos de loita e conquistas que nos levaron non só a mellorar en condicións e salario ao persoal, tamén a prestixiar a institución poñendo a administración ao servizo dos usuarios e non da xerarquía universitaria.

O seu compromiso sindical e profesional converteu a administración da universidade galega nun referente

Hoxe, máis ca nunca, é fundamental a unidade dos distintos sectores das tres universidades galegas, para defender a Universidade Pública, para defender a autonomía e un orzamento co que poida subsistir e para defender, tamén, os dereitos do seu persoal porque os dereitos do persoal das administracións públicas son garante dos dereitos da cidadanía.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.