A literatura pode repetirse moito máis que a historia, a diferencia é que non temos o compromiso de aprender dela. Ou temos que deixar de suscribir unha das partes desas dicotomías tan gravadas á lume das que costa desprenderse. Falar de onte, ou de hoxe mesmo, decindo, resumidamente ,que este é o peor dos tempos, a idade da loucura, das tebras e da desesperación.. Eu engadiría que este é o tempo das metades. Nesta metade do ano, nestas ogallá foran douradas medianías, o que ven instalarse é a mediocridade . Lendo as novas, vendo a tele, tuiteando, unha xa non sabe se é espectadora da agonía ou de El Mundo Today. Di alguén que “unha vez existiu un estado de dereito”. O triste é lembralo como esa xuventude insultante que exhiben as fotos da época da universidade e das excursións sen final.. Algo que habita neses agochos da memoria que non nos atrevemos a rescatar, e perdón polo inadecuado da palabra. E non pensen que non estou tentada de de engadir :”e o que virá”. Os auténticos xogos da fame comezarán agora :eses xogos non tanto de tronos como de maletas para empaquetar a doente dignidade.
Podemos escribir unha fábula inconclusa e recoller do que se fala en moitos bares, na rúa, nos ascensores. Nos bares se falaba moito da preguiza dos empregados públicos, dos cafeliños e os periódicos. Agora se vai falando máis da condición mileurista no funcionariado, non moi coñecida por todos. Ese mileurismo antes desprezado e agora case mítico.
Nos ascensores se pregunta moito polas familias, polos enfermos, polos dependentes. Voltar a esa infancia de berce adulto precisa do sacrificio, emocional e económico, de ter disponibles as vintecatro horas do día. Sen maior protección que a organización familiar. Ser considerados un problema menor é a peor das invisibilidades.
Pero o que indigna e produce arrepío dos últimos recortes é esa consideración de parados de longa duración coma uns preguizosos que buscan unha precariedade voluntaria
Do paro, vaia perogrullada, xa se fala en todas partes. Pero o que indigna e produce arrepío dos últimos recortes é esa consideración de parados de longa duración coma uns preguizosos que buscan unha precariedade voluntaria: que espabilen. A vella pedagoxía de letra con sangue.
Se todo esto do que falo non te roza é que aínda non viñeron a por ti. Podemos seguir a construir un laberinto individual de supervivencia ou cultivar ese perigoso pensamento de ir asumindo, contentándonos e tragando con todo. Ou moito peor: pensar que somos mellores porque non nos tocou. Outorgarlle a estes tempos salvaxes que estamos a vivir a natureza da normalidade é unha forma máis que pasiva de rendición. Benvidos ó desastre.