'Os do mar', de Paco Paz, o que esconde a terra, o mar e as xentes rinlegas

'Os do mar', de Paco Paz (Belagua) © Belagua

A novela mora no pequeno porto e arredores do pobo costeiro, entre as súas xentes rinlegas o autor escorrega unha sorte de historia onde mestúranse adxectivos coma suspense, policial ou pasional, e que nos conta a desaparición dun vello mariñeiro na zona, caso que chegará ata os ouvidos do xornalista Roi Díaz

Mentres gozaba das miñas vacacións ben merecidas (afirmo eu), xa na recta final deste verano, reparei no medio da miña viaxe por terras asturianas na natureza salvaxe, máxica e misteriosa propia das terras do norte de España. Falo desa atmosfera inconfundíbel que xorde da profundidade dos bosques, do romper das ondas do mar contra as pedras afiadas, desa néboa que se pousa sobre as testas, tan espesa que semella poder acariciarse. Parecen os ingredientes perfectos dun cóctel que sabe a esas historias de misterios, desaparicións e suspense, ¿e non? Esa sensación que tiven coas paisaxes da zona de Mieres é a mesma que me produce A Mariña Lucense, imaxes dunha natureza indomábel.

O mesmo debeu pensar Paco Paz cando decidiu que ía situar a súa historia na costa de Lugo, máis concretamente no pobo de Rinlo. Así a novela mora no pequeno porto e arredores do pobo costeiro, entre as súas xentes rinlegas o autor escorrega unha sorte de historia onde mestúranse adxectivos coma suspense, policial ou pasional, e que nos conta a desaparición dun vello mariñeiro na zona, caso que chegará ata os ouvidos do xornalista Roi Díaz; as estreitas rúas, as tabernas e a salvaxe costa mariñá son testemuña dunha viaxe ata o más recóndito da vida, onde terra e mar son un.

'Os do mar', de Paco Paz (Belagua) © Belagua

O autor pon en valor a beleza natural da costa mariñá e o seu pasado indiano salientando a suá presenza na obra en todo momento, non se trata dunha testemuña máis nesta historia, senón un personaxe clave

O autor pon en valor a beleza natural da costa mariñá e o seu pasado indiano salientando a suá presenza na obra en todo momento, non se trata dunha testemuña máis nesta historia, senón un personaxe clave; tamén dota a narración de precisas descricións para trasladar de maneira fidedigna as cores e incluso o recendo propio do lugar, descricións tan precisas do ambiente súmanse a capacidade para xerar unha atmosfera intrigante que fan que o lector poida sentirse inmerso na acción, sempre o home da man da natureza: “ (…) se encamiñaba cara á entrada daquela vila pequena e salvaxe, feita co cicel do vento e a choiva, labrada en salitre e, polo que comezaba a percibir, vernizada en silencio” (p. 39). As continuas alusións do autor a beleza natural da terra e a súa historia pódese percibir neste relato como unha peza de enfoque didáctico e educativo na que se amosan os tesouros agochados baixo os cantís: “Aquel deserto era verde, tapizado por campos de millo, prados, algunha liña de ordenadas plantancións de piñeiro e eucalipto (…) A Roi aquel panorama lembroulle os prados irlandeses que vira dez anos atrás (…) A paisaxe era unha chaira que dunha beira se deitaba cara ao mar en forma de cantís, e da outra ía erguéndose ata o monte Comado (…) E, de novo, Roi cavilaba mesa idea: a mesma paisaxe, a mesma arqueoloxía, nun anaco de terra separado doutro, irmán cultural e paisaxístico, polo ligante do longo mar, frontera e camiño ao mesmo tempo” (p. 64). Outro exemplo da forza das descricións da terra que mestúranse cos elementos e as súas xentes: “Os seus pensamentos viaxaban lonxe, cavilando sobre que estrañas circunstancias o levaran ata aquela vila calada e salvaxe, feita de auga, mar e silencio” (p. 75).

Atopamos outro dos grandes valores desta novela nunha atmosfera moi conseguida grazas a unha prosa coidada, precisa sobre o terreo e a xente que habita no espazo onde acontece a acción

Paco Paz non só ten como obxectivo achegarnos a historia que toma lugar no pequeno pobo de Rinlo, pois o autor sitúa a Galicia no centro e entende que sen ela non tería sentido ningún esta historia. Atopamos outro dos grandes valores desta novela nunha atmosfera moi conseguida grazas a unha prosa coidada, precisa sobre o terreo e a xente que habita no espazo onde acontece a acción, que o autor coñeza con exactitude o ambiente a retratar é un factor positivo, así se debuxa o suspense notablemente sobre o pobo de Rinlo a través de elementos cos que xoga o autor como o clima, a terra ou as xentes que poboan estos lares: “Algo tiñan que acochar estes vilegos. Esa actitude era algo máis que a proverbial desconfianza dos galegos…” (p. 80).

A narración adoece de falta de acción nalgúns tramos da historia. Isto non pode distanciarnos na valoración xeral dun debut máis que positivo do autor Paco Paz na narrativa, e que expón un valor novo e prometedor cara o futuro

A narración adoece de falta de acción nalgúns tramos da historia, de tal maneira nalgúns capítulos suspéndese de maneira temporal o ritmo da trama central para darlle un descanso ao lector con momentos que non fan avanzar a historia e que tampoco semellan especialmente destacábeis nun plano lúdico, polo que o lector pode atopalos sobros. Tamén débese mencionar que a novela no seu termo final deixa preguntas sen resposta e cabos por atar perdendo a posibilidade de pechar cunha historia máis redonda, case deixando un recendo no que o final precipítase tendo en conta que durante boa parte do libro, a trama vaise cocendo a fogo lento.

Todo isto non pode distanciarnos na valoración xeral dun debut máis que positivo do autor Paco Paz na narrativa, e que expón un valor novo e prometedor cara o futuro. Mentres tanto, como lucense de berce que é o modesto autor deste artigo, non podo facer outra cousa que sentir agarimo polo último traballo de Paco Paz.
 

'Os do mar’, de Paco Paz, Belagua Ediciones, 2024

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.