"Hai unha guerra de clases, e estámola gañando os ricos" afirmou o inversionista e multimillonario americano Warren Buffett. Os ricos imos gañando (Deusto) é o título que elixiu o profesor Antón Losada para o seu último libro, no que nos advirte de que estamos camiñando, a toda velocidade, cara un novo feudalismo. “Vén a España neofeudal”, afirma no libro, no cal explica como os ricos converteron a crise nunha oportunidade para desmontar o Estado de benestar que se logrou construír no mundo occidental nas últimas décadas.
Non é o primeiro autor que fala do retorno ao feudalismo. O pensador francés Alain Minc publicou en 1993 un texto profético. No seu libro A nova Idade Media (Temas de hoy) xa advertía sobre o crecemento de “zonas grises”, que se multiplican á marxe de toda autoridade, desde a desorde rusa ata o deterioro das sociedades ricas polas mafias e a corrupción, que nos devolven a unha nova Idade Media.. E preguntábase: Canto tempo ten que pasar aínda para que os europeos comprendan que cambiaron un mundo cunha ameaza, pero sen riscos, por un universo sen ameaza, pero con riscos”. Anunciaba esa nova Idade Media, co mundo “inmerso na confusión, a desorde e o retorno ao tribalismo”.
Esta obra centrábase, sobre todo, na análise histórica e ideolóxica, pero Joaquín Estefania, nun libro do ano 2000, O poder no mundo (Plaza y Janés) incidía no mesmo tema desde a óptica económica. Afirmaba que a economía financeira substitúe á economía real, que os donos da mundialización teñen un inmenso poderío, de tal forma que o poder dos intermediarios privados eclipsa ao dos políticos electos. Entre eses intermediarios privados figuran as mafias, infiltradas no empresariado con moita intensidade. Advertía tamén este autor sobre a existencia dunha verdade mediática enfrontada á verdade real, e sobre a crecente tendencia dos medios de comunicación para poñerse ao servizo de intereses mercantís fronte ao dos seus propios clientes (lectores, oíntes, telespectadores).
Nesta liña argumental incide Antón Losada no seu libro Os ricos imos gañando, no que, desde unha visión circular da historia, analiza “a evolución das sociedades capitalistas modernas cara unha orientación neomedieval”. Volvemos a un tempo antigo de criados e servos, de señores e vasallos; a un mundo dominado por élites poderosas que expropian dos seus dereitos a todos os demais converténdoos en súbditos. Advírtenos, tamén, que hoxe o pensamento está patrocinado, e que os donos do mundo son tamén os donos do relato. Eles constrúen e divulgan a súa propia versión dos feitos. “O diñeiro, nos países ricos, patrocina ideas” afirma Losada. Neste tempo de crise só se permite propagar a verdade patrocinada: todo o demais, din os poderosos, é populismo ou demagoxia.
Este texto valente e oportuno débenos animar para construír un relato alternativo que nos permita recuperar a forza colectiva, o espazo da política como terreo de defensa da cidadanía. Temos que ser capaces de axuntar forzas para facer fronte a este capitalismo salvaxe que ameaza con devolvernos á época feudal.