Os empresarios multimillonarios e a filantropía

CC-BY-SA Praza Pública

A total liberdade de capitais que garanta a mundialización neoliberal facilitou que grandes empresas do Norte puideran trasladar as súas factorías a estados do Sur aproveitando así as vantaxes dos custos comparativos: salarios moitos mais baixos, xornadas mais prolongadas, ausencia de dereitos laborais, etc. Unhas vantaxes que lle permiten obter zumarentas ganancias e facer multimillonarios aos seus propietarios e dirixentes. Neste movemento de capitais estas empresas mostraron sempre preferencia por aqueles estados (China, Bangladesh, Marrocos, Etiopía, Guatemala, Honduras.) que son ditaduras ou cando menos democracias moi deficientes de tal xeito que a tranquilidade laboral está garantida pola ausencia da negativa conflitividade que tanto abonda nos estados do Norte.

Claro está que tal deslocalización tamén favorece aos consumidores de tales estados que poden así mercar produtos manufacturados a moi baixo custo (low cost). Todo son vantaxes para os cidadáns do norte. Que importa que polo camiño estas grandes multinacionais, aproveitando a súa grande capacidade competitiva, vaian esnaquizando no seu estado de orixe o sector manufactureiro correspondente (confección, automoción, informática….) eliminando tanto o pequeno comercio como as empresas competidoras que non poden acadar a súa dimensión nin, xa que logo, competir en prezos?. Son danos colaterais o mesmo que os/as traballadores/as do Sur cuxas condicións laborais en moitos casos seméllanse a escravitude. Neste caso e como non saen nos medios de comunicación e opinión do Norte …. non existen. 

A mundialización neoliberal tamén trouxo aparellada, por caso, o segredo bancario e os paraísos fiscais. Un segredo bancario que permite que grandes fortunas como estas co apoio e o asesoramento dos grandes bancos, e tamén de responsables políticos colegas, podan manter a súa fortuna en secreto e trasladala con total liberdade a territorios (off-shore) con escasa ou nula presión fiscal. Territorios que poden estar tanto no Sur (Illas Caimán, Bahamas, Liberia, Panamá, As Antillas …) desta economía mundial neoliberal como mesmo no Norte (Andorra, Xibraltar, Luxemburgo, Liechtenstein, Holanda, Suíza, Malta ….). Poden así evitar a abafante presión fiscal de moitos estados do Norte especialmente daqueles que teñen tentacións progresistas e son teimudos cos empresarios que son innovadores, triunfadores, líderes ….. puta envexa propia de mediocres!.

Para mellor funcionar estes empresarios multimillonarios contan con toda unha batería de expertos financeiros que inventaron –teñen moito inxenio- unha serie de sofisticadas operacións fiscais e comerciais que lles facilitan o movemento seguro e rendible dos seus capitais a nivel internacional. Así aparecen operacións como, por caso, o dobre irlandés ou o sándwich holandés que permiten, mediante unha parada e fonda nos estados referidos, onde estes empresarios multimillonarios crearon empresas, para adaptarse a unhas normas comerciais e fiscais moito mais suaves e flexibles, o branqueado deses capitais que logo dun percorrido por algúns paraísos fiscais, nos que contan tamén con empresas filiais a pesar de que estas non teñen nada que ver coa actividade central da empresa matriz, poden volver ao país de orixe lavadiños e frescos. Poden volver eludindo o pago de impostos no estado no que realmente se xeraron os ingresos.

Que nos seus estados de orixe –Norte- os gobernos respectivos aducen problemas fiscais (escaseza de ingresos) para financiar vellos e caducos estados de benestar?. Que nos estados nos que cubican as súas factorías –Sur- hai miseria e nenos/as que pasan fame? En ámbolos dous casos, que culpa teñen eles?. Son empresarios intelixentes non misioneiros. Pero dado que non poden evitar ter o seu corazonciño mostran que tamén son humanos e ademais persoas sensibles a filantropía. Así destinan unha parte importante das súas fortunas, ganadas limpamente como explicaba anteriormente, a financiar proxectos que benefician a maioría da xente especialmente aos que teñen menos recursos (por caso, a compra de aparatos sanitarios moi custosos que logo regalan a sanidade pública respectiva, o financiamento de escolas da infancia, a creación de liñas de axuda a persoas sen fogar …….).

Claro que os hai mal pensados e denuncian que con estas operacións estes empresarios multimillonarios ademais de estar poñendo “pequenos curatos no cancro” que eles mesmos crean tamén sacan beneficios pois recuperan, mediante desgravacións fiscais importantes, unha parte moi relevante (>30%) da doazón. Sempre houbo borrallentos e mal pensados!. Afortunadamente hai gobernantes, que son sensatos e recoñecen o auténtico espírito filantrópico destes multimillonarios.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.