Os escritores e a caloriña

Veño de ler unha noticia inaudita que pouca xente comenta. O escritor Javier Marías acaba de rexeitar o Premio Nacional de narrativa. Non é o primeiro caso, certo, nin sequera é a primeira ocasión en que el mesmo o fai, pero si a de maior transcendencia. A nivel mundial o caso máis coñecido fora o de Sartre co Nóbel, no cinema o de Woody Allen coa Academia de Hollywood. Entre nós, seguramente me falla a memoria porque só son quen de lembrar o de Agustín Fernández Paz nos defenestrados Premios Nacionais da Cultura en 2009.

O escritor Javier Marías acaba de rexeitar o Premio Nacional de narrativa. Non é o primeiro caso, certo, nin sequera é a primeira ocasión en que el mesmo o fai, pero si a de maior transcendencia

Dirán polo baixo os que agora calan que Javier Marías non precisa os cartos, que é un fillo de seu pai e os 35.000 euros que deixa de gañar son para el catro cans. Non o sei. Dirán aínda os máis rastreiros que a perda en diñeiro se compensa coa xogada mediática e que uns teñen unha maneira de saciar a vaidade e sacar a cabeza e outros teñen outra pero todas veñen dar no mesmo, son estratexias. Unha merda!

Pólvora para estes ananos e magnolias para Marías, que sae nos medios dicindo cousas como que un autor non debe refuxiarse nunca baixo o paraugas das institucións, engade que aceptar o premio sería unha falta de vergoña, comprométese a non aceptar tampouco o Cervantes se no futuro llo conceden, cando é un dos candidatos máis claros e así asegúrase que non llo van conceder nunca, e suxire que o ministerio destine os cartos do premio a dotar as bibliotecas públicas.

Que contraste coa maioría que, aquí e acolá, mendiga unha ponencia nun congreso inútil no inútil Gaiás, unha cadeira nunhas xornadas ou nun simposio sobre un clásico, un convite a Frankfurt ou a Buenos Aires...

Que contraste coa maioría que, aquí e acolá, mendiga unha ponencia nun congreso inútil no inútil Gaiás, unha cadeira nunhas xornadas ou nun simposio sobre un clásico, un convite a Frankfurt ou a Buenos Aires... Debo recoñecer que Javier Marías non é un dos meus referentes literarios. É máis, tiven a oportunidade de tratalo persoalmente e non é un home co que me entendese marabillosamente: demasiado à la Henry James.

Se as institucións en xeral merecen ser ignoradas polos artistas, as que hoxe gobernan en España máis, e as que gobernan en Galiza esgotan todos os cualificativos

Se as institucións en xeral merecen ser ignoradas polos artistas, as que hoxe gobernan en España máis, e as que gobernan en Galiza esgotan todos os cualificativos. Un artista galego que acepta homenaxes, favores e palmexadas do presidente ou do cacho-consellería de cultura, argumentando que os poderes públicos representan ao país e non unha ideoloxía concreta e bla, bla, bla... é un artista de corte, un bufón sen gracia, un mantido sen “valor” nos dous sentidos do termo.

O compromiso do cidadán é social e político, maniféstase no grao e na dirección da súa implicación nos conflitos da comunidade. Pola contra o compromiso do artista consiste xustamente no que fixo Marías, en rexeitar o contacto e a protección das institucións

Pero é que Javier Marías non rexeita a quen ocupa as institucións na actualidade por carcas, rexéitaas todas! O cal confunde ao público e aos seus colegas en grao sumo. Por unha parte o seu atrevemento suscita admiración, pola outra receo. A institución desairada maldíceo en privado pero se cadra non tanto coma o fan os seus compañeiros de oficio. Que pretende?

Non podemos responder a iso pero parécenos que o seu xesto é unha das mellores mostras do compromiso do artista que vimos hai tempo. O compromiso do cidadán é social e político, maniféstase no grao e na dirección da súa implicación nos conflitos da comunidade. Pola contra o compromiso do artista consiste xustamente no que fixo Marías, en rexeitar o contacto e a protección das institucións. Chapeau.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.