Os ilustrados de Tabeirós e Terra de Montes

Os padres Xosé Luís Barreiro, de Terra de Montes, e Roberto Blanco Valdés, de Tabeirós, predican dende hai décadas no altar grande de La Voz de Galicia para todo o País das Marabillas e mais alá. Namentres frei Roberto se desangra en cada palabra coma un cristo crucificado, frei Xosé Luís é mais pícaro e retranqueiro; pero aló no fondo a prédica de ámbolos dous ven sendo a mesma: eles saben o que está ben e o que está mal, o que é bo para eles e mais mellor para todos nós. O público devoto buscamos neles o facho guiador nas escuras e tenebrosas noites desta invernía.  Non son intelectuais, xente inútil de moitas dúbidas e poucas clarividencias; non, eles son predicadores, paroleiros e opinólogos de fortuna, e como tales non lles está permitida a vacilación. Ou sexa, mais ou menos coma min, pero mais feos.

Na misa desta pasada Noitevella tocoulle predicar ao de Forcarei. Falounos dun paraíso terreal situado entre Fisterra e o cabo de Gata, unha democracia avanzada de mares inigualables, clima portentoso e cun índice de desenvolvemento dos mais altos do mundo. “Carallo! Hoxe cargoulle ao mistela ...”, pensei. Pero logo de fitalo un bo anaco e non percibir nel ningún dos síntomas do desvarío etílico, decidín seguirlle a corrente. Se cadra era un conto parabólico deses que tanto nos poñen aos que temos unha certa formación relixiosa, e o mellor era deixalo baduar para mirar a onde quería chegar.

“... aprovechando esta crisis que hemos capeado con bastante fortuna ...” Ufff...padre, quen son eses “hemos” que capearon? Os catro millóns de traballadores que perderon o emprego e seguen aínda a velas vir? Os centos de miles que buscaron sobrevivir na emigración? As miles de familias que perderon o seu fogar? Non sei, padre Xosé Luís, refírese tamén a eses? Ou é que ese “hemos” era un plural maxestático, un agregado macro sen mais? Se cadra só foi un descoido verbal, e no canto de “hemos” quería dicir “algunos hemos capeado con bastante fortuna ...” Así si, padre, así doulle toda a razón; e non só lla dou eu, que pouco importa, senón as cifras oficiais do aumento dos índices de desigualdade social.

“...hemos laminado a líderes como Rubalcaba,  partidos como el PP y el PSOE...” E volta co carallo do “hemos”! Que eu non esmaguei a Rubalcaba, nin o PP nin o PSOE tampouco! A Rubalcaba, se alguén o esmagou, foi a súa idade provecta e maila maioría absoluta de Rajoy, ninguén mais. E os partidos PP e PSOE escaralláronse entre eles e eles sós. Un e mailo outro levan partillando a cociña democrática, zoupándose tixolazos entre si; e agora que apareceron os potes cheos de costra e bechos, resulta que temos que facer coma se nada, coma se os ministros Rato e Matas nunca existiron, nin tódolos tesoureiros de Génova 13, nin os ERES da ancha Andalucía, nin os mil e un Pujoles, Fabras, Granados... Nin o propio Rei Campechano -cabeza visible do sistema- debeu ser nada mais ca un mal soño de finais do século XX. Nada, meus, asubiar e que sigan eles ao mando da cociña, porque senón seica o sistema corre perigo de derrubo. Pero é que só eles saben manexar a cociña democrática? Quen reparte os carnés de mestre cociñeiro? Vostede e mailo padre Roberto?

“...Y en su lugar pusimos un aquelarre que, a base de fuerzas emergentes y jauja populista, ...” O sistema abanea por mor dunha xuntanza de meigas, trasgos e bruxas (un akelarre de toda a vida) que de xeito arteiro conseguiron o favor de moita xente, e cuxo nome non PODEMOS pronunciar na casa de Deus. Pero non fai falla facelo: son forzas emerxentes e jauja populista, que nós xa sabemos quen son. Si, foi o pobo soberano quen falou e os puxo aí, pero ao pobo non hai que darlle sempre a razón, coma aos tolos e trosmas. A nosa é unha democracia avanzada; ou sexa, ben entendida ou como Deus manda. Cando o pobo se equivoca hai que dicilo alto e claro. O voto é libre, faltaría mais, pero con sentidiño, que unha cousa é a liberdade e outra a libertinaxe. En fin, e sen que saia desta praza pública, que a democracia é un así coma quen que inventamos o Roberto e mais eu para que vos deixedes levar, polas boas, polo camiño recto da salvación. Que sorte a nosa, miña naiciña, tervos a vós de torres vixías! Non viviremos anos abondo para pagarvos tanta benaventuranza de balde!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.