Os incumprimentos de Pedro Sánchez

CC-BY-SA Praza Pública

Conversei demoradamente este 24-S en Compostela con dous referentes da avogacía a nível europeo: o compostelán Evaristo Nogueira e máis o barcelonés Jaume Alonso-Cuevillas. Parolamos a respecto de que moitos políticos e non poucos xuices reducen o respecto polos dereitos humanos a meras cuestións formais, cando non eivas para administrar xustiza ou resolver problemas sociais, sen se decatar que non hai convivencia democrática posíbel que non se alicerce no basamento dos dereitos da persoa, no basamento da liberdade.

Denunciaba con toda a razón Evaristo Nogueira que o Goberno do Estado tiña esquecido a súa promesa de derrogar a pena da prisión permanente revisábel (PPR), imposta no seu día pola maioría absoluta do PP no Congreso e no Senado (2011-2015) contra da opinión do resto das forzas políticas. Esta promesa integrábase na súa axenda lexislativa das dúas eleccións estatais de 2019, como non podía ser doutro xeito, se atendemos que a maioría do Congreso aprobara en xaneiro de 2018 unha proposición de lei orgánica do PNV (decaída logo da convocatoria das eleccións de abril de 2019) para reformar o Código Penal e suprimir unha sanción que atenta contra dos principios constitucionais do carácter resocializador e rehabilitador das penas e supón na práctica o cárcere eperpetuo. PPR absolutamente ineficaz e innecesaria, cando Galicia e o Estado presentan moi baixos níveis de criminalidade en comparanza con outros Estados da Europa e o mundo e cando, ao abeiro do moi rigoroso Código Penal español, calquera asasinato ten garantido penas entre 25 e 30 anos, que poden chegar até 40 no caso de ser executados por grupos terroristas ou da criminalidade organizada. 

Mais o certo é que a derrogación da PPR non é o único grave incumprimento da axenda lexislativa deste Goberno de coalición PSOE-Unidas Podemos. Velaí a permanencia no noso Dereito da reforma da lei de seguranza cidadá do PP (a chamada “lei mordaza”), que limita arbitrariamente os dereitos fundamentais de libre reunión e demostración pública. Ou a vixencia dun delicto totalmente alleo ao Dereito Penal comparado europeo como a sedición, que fixo posíbel as desaqueladas e inxustas penas sofridas polos presos políticos cataláns e determinou o rexeitamento polos Tribunais alemáns e belgas das euroordes redixidas polo Tribunal Supremo para obter a extradición de Carles Puigdemont e doutros soberanistas cataláns exiliados.

Pedro Sánchez, coa pasiva aceptación de Unidas Podemos, incumpre a súa axenda lexislativa de dereitos humanos. Velaí que os partidos que lles apoiaron para a investidura de xaneiro de 2020 haberían esixir o seu cumprimento.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.