Os lumes de California, a 'serpentina' e Altri

Grandes lapas nun incendio en Galicia CC-BY-SA Adega

Tras a vaga de lumes forestais de California en 2024 os científicos que examinaban os solos queimados sorprendéronse ao atopar concentracións elevadas dun metal canceríxeno, o cromo hexavalente, culpábel de cancros de pulmón, asma e inflamación de tecidos

A listaxe dos danos consecuencia do lume forestal é longa: ecolóxicos, económicos, emocionais, patrimoniais, de despoboación, paisaxísticos, etc. Non é por botar máis leña ao lume pero hai máis. Tras a vaga de lumes forestais de California en 2024 os científicos que examinaban os solos queimados sorprendéronse ao atopar concentracións elevadas dun metal canceríxeno, o cromo hexavalente, culpábel de cancros de pulmón, asma e inflamación de tecidos. A presenza de cromo na súa versión trivalente é habitual e inofensiva, especialmente en zonas con solo serpentínico, rocha metamórfica resultado da alteración das rochas ultramáficas nun proceso exotérmico que consume auga e libera calor. O nome “serpentina” vénlle da semellanza da textura da rocha coa pel das serpes, se cadra tamén por unha toxicidade que fai que poucas especies de flora se adapten a ela.

O cromo hexavalente era o produto poluínte que centraba o proceso xudicial de Erin Brockovich, o exitoso biopic do ano 2000 protagonizado por Julia Roberts que lle valeu un Oscar. O filme baséase na demanda que a Erin Brockovich real interpuxo no seu día contra a Pacific Gas and Electric Company polo envelenamento da auga de consumo humano en Hinkley, California, non lonxe de Hollywood. A compañía empregara o cromo hexavalente como supresor barato da corrosión nas súas instalacións e vertera centos de millóns de litros de auga contaminada a balsas improvisadas desde as que se filtrou ao subministro doméstico. A empresa viuse forzada a un acordo cos demandantes e pagou unha indemnización ás persoas enfermas polo cromo por valor de 650 millóns de dólares de 1993. Desde aquela Hinkley foi abandonado e converteuse nunha aldea fantasma.

 

É o cambio climático, estúpido

O cromo hexavalente pode producirse industrialmente ao someter a altas temperaturas o cromo trivalente provocando a súa oxidación. Nun incendio no monte pódense acadar ata 1000º C, especialmente nos lumes que se denominan de sexta xeración

O cromo hexavalente pode producirse industrialmente ao someter a altas temperaturas o cromo trivalente provocando a súa oxidación. En 1985 producíronse 150.000 toneladas e aínda hoxe as restricións no seu uso baten coa conveniencia industrial que aportan, especialmente na fabricación de aceiro inoxidábel, e cos intereses do maior produtor mundial, os EUA. Á marxe da industria, cando un solo con presenza de cromo trivalente coincide cun lume forestal, as temperaturas elevadas necesarias para o proceso químico descrito están servidas. Son necesarios 390º F, ou 200º C, para catalizar as reaccións químicas que operan a transformación, nun incendio no monte pódense acadar ata 1000º C, especialmente nos lumes que se denominan de sexta xeración, máis virulentos e de duración máis longa, favorecidos polos efectos dun cambio climático que se manifesta en fenómenos extremos como as chuvias abondosas que fan medrar a maleza nos montes, seguidas de períodos de sequidade tamén extrema que transforman esa maleza en combustíbel, tormentas con lóstregos que prenden as lapas e temperaturas e ventos récord que as trasladan e complican a extinción ou a fan inviábel.

En California recóllense os restos de construcións, automóbiles ou maquinaria queimada e sotérranse en vertedoiros especiais. Nada diso se fixo en Galiza, pese a ter ardido durante semanas o vertedoiro de inertes de A Rúa, con residuos da fabricación de automóbiles, que provocou unha nube tóxica na comarca de Valdeorras

Os incendios de California respondían a estas características e coinciden cunha área xeográfica especialmente rica en solos serpentínicos. Conseguintemente, en cromo trivalente. Canto máis virulento e máis duradeiro o lume, máis facilidade para que o cromo hexavalente se degrade a po ou micropartículas transportábeis polos ventos e inhaladas polas persoas, ata a 150 km de distancia, sexan depositadas en ríos dos que se deriva o consumo humano de auga ou en terras de cultivo que constitúen o primeiro elo da cadea trófica. Aínda así, alomenos en California recóllense os restos de construcións, automóbiles ou maquinaria queimada e sotérranse en vertedoiros especiais, dada a súa perigosidade pola presenza de baterías, plásticos, computadoras, pinturas con chumbo, illamentos de amianto ou o noso coñecido, o cromo hexavalente.

Nada diso se fixo en Galiza, pese a ter ardido durante semanas o vertedoiro de inertes de A Rúa, con residuos da fabricación de automóbiles, que provocou unha nube tóxica na comarca de Valdeorras. A resposta da Xunta: que se ocupe o concello, está no seu termo municipal. En California mesmo chegaron á conclusión de que habería que recoller a terra queimada da superficie, ata unha cuarta, e soterrala igualmente nun vertedeiro de residuos perigosos, medida en suspenso polo seu alto custo e porque as manobras de extracción, transporte e almacenamento serían igualmente contaminantes. Os residentes de Calabasas, entre eles unha chea de celebridades, volveron pórse en contacto con Eric Brokovich, a auténtica, tamén veciña de Calabasas, para que defenda a súa causa.

En Galiza encóntranse dous dos tres principais afloramentos de serpentina na Península Ibérica, un deles na Serra da Capelada e outro en Terras de Melide e Serra do Careón, isto é, nin máis nin menos na zona cero do emprazamento previsto para que Altri se instale e semente de eucalipto a bisbarra, a especie máis proclive aos lumes forestais

O problema en California agrávase pola coincidencia dos lumes coa presenza das terras serpentínicas, xusto concentradas nese estado da costa oeste e no seu veciño Oregón, polo tanto aquí non temos nada que temer, non é? Pois vai ser que depende. Xa me diredes se non é o demo que en Galiza se encontran dous dos tres principais afloramentos de serpentina na Península Ibérica, un deles na Serra da Capelada e outro en Terras de Melide e Serra do Careón, isto é, nin máis nin menos na zona cero do emprazamento previsto para que Altri se instale e semente de eucalipto a bisbarra, a especie máis proclive aos lumes forestais. A presenza abondosa da serpentina e o cromo trivalente nas canteiras de Mibasa, en Bandeira, ou as de Amosa e Martín, en Vila de Cruces, está estudada e certificada profusamente por edafólogos e técnicos mineiros. Se as plantacións de eucalipto van adiante e o lume prende, xa podemos ir buscando o teléfono de Erin Brokovich porque o de Altri, o da Xunta e o de Pepe Blanco, van estar comunicando.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.