Os lumes e os límites do diálogo social

Bombeiros forestais da BRIF de Laza, na extinción du incendio, este mes de setembro CC-BY-SA Brif Laza

A previsión das condicións meteorolóxicas e o coñecemento dos diversos contextos sociais e estruturais da economía rural facían que os máis espelidos, entre eles o director xeral de montes, anunciasen en diferido que aquilo xa “era visto”

Dous dos espazos naturais máis emblemáticos do sur e sueste do país arderon sen contención posíbel en apenas tres días fatídicos. A previsión das condicións meteorolóxicas e o coñecemento dos diversos contextos sociais e estruturais da economía rural facían que os máis espelidos, entre eles o director xeral de montes, anunciasen en diferido que aquilo xa “era visto”.

Non imos falar do que pasou no Xurés. Hai razóns para pensar que puido ser un motivo distinto ao que hai detrás dos lumes do denominado Macizo Central. Mais no fundo encontramos a mesma pasividade e despreocupación. Da igual que unha tropa de excursionistas de fin de semana acceda ao val glaciar do río Homem, reserva integral no Parque Nacional da Peneda-Gerês, polo val das Sombras, na que foi en tempos reserva integral do Parque Natural do Xurés e onde se orixinou o foco de ignición.

Nos lumes de Sabuguido (Vilariño de Conso), Cernado e Paradela (Manzaneda), Queixa (Chandrexa), Gabín (Montederramo), Camba (Laza) e Rebordechau (Vilar de Barrio) existe moi probabelmente coincidencia de intereses e un conxunto de persoas ou interesados que comparten insensibilidade e falta de escrúpulos

Por contra, nos lumes de Sabuguido (Vilariño de Conso), Cernado e Paradela (Manzaneda), Queixa (Chandrexa), Gabín (Montederramo), Camba (Laza) e Rebordechau (Vilar de Barrio) existe moi probabelmente coincidencia de intereses e un conxunto de persoas ou interesados que comparten insensibilidade e falta de escrúpulos. Carece de importancia o contexto ou a orixe do conflito. A falta de diálogo ou a despreocupación institucional non xustifican un alarde deste calibre.

Pegar lume ao monte escollendo os lugares a mantenta, tratando de que coa súa propagación queimase a serra toda ou porcións enormes dela, asumindo a posta en perigo de aldeas, persoas e propiedades para lograr un lucro a curto prazo ou para demostrar que quen manda na serra está lonxe dos despachos oficiais, debe ser tomado moi en serio. Porque, non esquezamos:

  1. Quen queima así despreza a comunidade na que vive e vive no convencemento de que ten o poder real nas súas mans.
  2. Quen queima así despreza a vida do operativo de extinción e da veciñanza afectada, ademais da da fauna e flora e do conxunto dos recursos naturais dun patrimonio que é de todos os galegos.
  3. Quen queima así non é a primeira vez que o fai, xa é a terceira en dez anos.
  4. Quen queima así non pode percibir a máis mínima reacción ou actitude de comprensión ou minimización dos feitos.
  5. Quen queima así debe ser perseguido con toda a forza e determinación da sociedade e a xustiza, sen deixar ningún resquicio ao remorso.
  6. Unha batalla como esta só se gaña cando se demostra pola vía dos feitos o imperio da lei e da xustiza e se remata coa existencia de territorios francos gobernados por caciquiños locais.

 

A Xunta do PP non só non fará cumprir a lei prohibindo o pastoreo nas zonas queimadas durante dous anos, senón que facilitará remolques de sementes para converter os queimados en pastizais, como aconteceu en 2011

Convén salientar estas reflexións antes de comprobar como, unha vez máis, a Xunta do PP non só non fará cumprir a lei prohibindo o pastoreo nas zonas queimadas durante dous anos, senón que facilitará remolques de sementes para converter os queimados en pastizais, como aconteceu en 2011. Será porque o custe económico do operativo de extinción é estratosférico, o dano ambiental terríbel e a visualización da necesidade de medios aéreos se fai máis evidente, co conseguinte impulso de novos contratos con empresas do sector. Ou será tamén que a vella garda caciquil destas montañas ten muito que contar e poucas gañas de calar. Do PP podemos esperar iso e máis. Agora, da oposición esperamos unha resposta contundente para esixir a erradicación destas prácticas. Non pode haber ningunha clase de diálogo nestas circunstancias.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.