Dicía Niklas Luhmann que o que sabemos sobre o mundo en que vivimos sabémolo a través dos medios de comunicación. Os medios filtran a nosa percepción: o que nos mostran non é o mundo, senón unha imaxe do mundo. Por iso é esencial que os xornalistas, sobre todo os máis influentes, sexan conscientes da súa enorme responsabilidade. Este é sen dúbida o caso de Fernanda Tabarés e o seu pequeno equipo de xente moza, que, coa idea de que nunha democracia é tan importante a saúde das institucións como o nivel da opinión pública, nos ofreceron durante varias temporadas, de luns a xoves, un programa de debate feito en Galiza que afrontou moitas das cuestións de ámbito galego, español, europeo e internacional que máis lle interesan á cidadanía. Con rigor pero sen pedantería, con vehemencia pero sen estridencias, con seriedade pero tamén con humor, un amplo abano de persoas cualificadas foron invitadas a sentar ao redor dunha mesa branca para contrastaren as súas opinións. Aquela mesa captou rapidamente a atención de miles de persoas até converterse no centro do debate político de maior audiencia do país.
Gabriel A. Almond lembraríanos agora que as diversas correntes de pensamento político están, en realidade, sentadas ante mesas separadas. Á dereita e á esquerda élles moi difícil conversar, xa que, para empezar, manexan aparatos conceptuais que poden ser incompatíbeis entre eles. Aínda así, Vía V demostrou que a contraposición de ideas é fundamental para unha democracia de calidade. Os opinion makers conservadores máis afamados, como Xosé Luís Barreiro ou Roberto Blanco, e os representantes máis sobranceiros da esquerda, como Pilar García Negro, Manuel Lago ou Lourenzo Fernández Prieto, tiveron que pór a proba a súa erudición, a súa lucidez e a súa brillantez en lides que amosaron maneiras opostas de abordar a realidade. Contribuíron así a que un medio como a televisión puidese cumprir –e hai que salientar isto, porque por desgraza é algo infrecuente– coa máis importante das súas funcións: a de (in)formar.
Canta xente coñecía, por exemplo, a impresionante figura do guerrilleiro antifranquista Camilo de Dios antes de que Vía V nolo presentase nunha entrevista memorábel? De feito, o programa veu encher o oco deixado polas canles privadas e tamén públicas –gobernamentais, propiamente– e ofreceu un servizo polo cal moitos cidadáns xa se cansaran de esperar. De aí que a súa recente desaparición, que nos fixo ver que o diálogo apaixonado pero cordial está na cerna da cultura democrática, nos deixase orfos dunha tribuna de referencia. A Fernanda Tabarés, xornalista pata negra e exemplo de autonomía e honestidade profesional, e ao seu magnífico equipo de colaboradores, que son a proba de que o país cría grandes talentos que só precisan unha oportunidade, debemos agradecerlles máis de seis anos de boa televisión, e desexarlles, polo ben deles e o de toda a cidadanía, que teimen no seu compromiso e que poidan regalarnos novas aventuras. E ademais, e sobre todo, que así sexan –e nos fagan– felices.