Os moi exclusivos embigos de Torra e Rajoy

Joaquim Torra, o novo president da Generalitat de Cataluña, non é simplemente un nacionalista conservador. Presenta trazos reaccionarios, se consideramos a súa admiración por Estat Català, o partido independentista con milicia paramilitar de seu que durante a II República amosaba unha indisimulábel afinidade co fascismo. A hispanofobia de Torra parece alimentarse da lenda negra e é despectiva, elitista e mesmo supremacista. Torra vive a mestizaxe cultural do seu país –lingüística, en particular– cunha incomprensión, cun medo e cunha dor tan grandes que provocan nel un rexeitamento sumamente agresivo –e perigosamente próximo, no seu extremismo, ao etnicismo e mesmo ao racismo e á xenofobia– de todo o que non casa coa idealización romántica e esencialista da catalanidade. Dá igual que a inmensa maioría dos cataláns se recoñezan nunha identidade complexa catalá-española. España é unha imposición, e ante a patria hai que escoller.

Como presidente do Goberno de España, a axenda de Mariano Rajoy é claramente centralista e conservadora. Lembremos, por exemplo, a reforma educativa do ministro Wert ou a lei mordaza do ministro Fernández Díaz. Rajoy é un señorito nacionalcatólico, un elitista que hai tres décadas defendía o determinismo biolóxico, tan doadamente asociábel co racismo. Na liña dos franquistas Gonzalo Fernández de la Mora e Luis Moure Mariño, consideraba falsa a idea de que as persoas somos iguais, porque é a estirpe a que nos determina en esencia. A desigualdade é natural, orixinaria, está inscrita no código xenético. En consecuencia, existe tamén unha orde social natural xerarquizada, que é incompatíbel coas envexosas, demagóxicas e despóticas demandas de igualdade social, política e económica. A ditadura igualitaria acabaría co respecto aos mellores.

Que é o que comparten Torra e Rajoy neste plano ideolóxico profundo? Basicamente o elitismo e mais as inclinacións ultranacionalistas e reaccionarias. Non é excesivamente difícil atopar nexos entre Torra, Rajoy e o populismo fanático que nestes momentos causa estragos en Gran Bretaña, no leste de Europa ou nos EUA. Torra ignora que non hai unha maioría cidadá independentista e Rajoy ignora que hai unha ampla maioría cidadá a prol dun referendo. Se estes dous personaxes xa case caricaturescos son os máximos responsábeis políticos catalán e español, dos cales depende a solución da peor crise constitucional que lembramos, podemos confiar en que van desactivar a dialéctica entre unilateralismo e represión, en que van moderar os seus discursos, tender pontes, negociar? Podemos imaxinalos falando de cidadanía, de tolerancia, de convivencia, de solidariedade?

Deberiamos ser quen de agradecer o regalo que nos fai o destino con estes dous individuos, cuxo pensamento posúe un gran poder explicativo. Agora sabemos que fariamos ben en afastarnos de tanto impostor inconsistente, de tanto cínico salvapatrias, e en achegarnos ás opcións inequivocamente democráticas. En Galiza, se aínda nos interesa a construción nacional, cómpre revisarmos a nosa admiración miope polo independentismo catalán; e se desconfiamos do autogoberno, ollo co unionismo ultramontano.

Porque algún día, os embigos exclusivos e as caras de cemento que hoxe protagonizan esta frívola e indecente ópera bufa ibérica comparecerán ante a historia para responderen da súa criminal irresponsabilidade.

Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.