O pasado xoves 25 de maio cumpríronse 224 anos da chegada de Alexander von Humboldt á Coruña. O científico chegou na carruaxe que comunicaba Madrid con Galicia polo Camiño Real, tras pasar por As Nogais, Lugo, Guitiriz e Betanzos. Após doce días de viaxe, o vehículo rematou o seu percorrido na entrada da rúa Real herculina, fronte a Casa de Correos que alí se erguía.
Unha parella científica
Na carruaxe viñan dous homes novos, de 29 e 25 anos, Alexander e o seu colaborador, Aimé Bonpland. Un botánico do que o prusiano diría nunha carta remitida desde A Coruña o 4 de xuño a un amigo íntimo, Johann Karl Freiesleben: “Un bo home pero que desde hai seis meses xa non me emociona, é dicir, teño unha relación meramente científica con el”.
Os pasaxeiros baixaron cunha voluminosa equipaxe que incluía numerosos instrumentos científicos. Con esa pesada carga percorreron a rúa Real, na que se atopaba –no número 24– o lugar onde se hospedarían na cidade: o café-fonda “León de Oro” de Francisco Bernetti.
Na cidade herculina permanecerían ata o 5 de xuño, intensos días presididos polo nerviosismo. Xornadas que precederon á exploración que Humboldt realizou entre 1799 e 1804 polos territorios dos actuais Colombia, Venezuela, Cuba, Ecuador, Perú e México e unha visita a Estados Unidos. Esa expedición americana converteu ao prusiano nunha das figuras da Ciencia máis destacadas da historia.
A Coruña por casualidade
Desde moi novo o alemán tiña a intención de realizar unha expedición por países distantes. Un obxectivo favorecido por estímulos como a lectura das descricións das illas dos Mares do Sur de Georg Forster e a xira europea que realizou con este en 1790. O feito é que Humboldt elaborou numerosos proxectos de viaxes, que colleron pulo a raíz da morte da nai en novembro de 1796.
Unha serie de circunstancias fortuítas fixeron do porto coruñés o punto de partida da expedición do científico. O prusiano pensaba partir de Francia para ir á costa africana pero iso non foi posible e xurdiu a inesperada viaxe a España como lugar de tránsito. O segundo feito imprevisto foi a positiva recepción e apoio do Goberno e da Coroa ao seu proxecto, de tal forma que a intención inicial (paso a Africa) mudou e apareceu América hispana como destino. E unha terceira circunstancia fortuíta foi que o porto polo que estaba prevista a saída da expedición, Cádiz, atopábase pecho ao tráfico marítimo pola guerra cos ingleses, mentres o da Coruña –con algunhas complicacións– permanecía aberto e tiña conexión directa con América.
Ao bordo dun ataque de nervios
Malia as expectativas previas, cando Humboldt chegou a Coruña recibiu unha mala nova: “atopámonos con que este porto estaba bloqueado por dúas fragatas e un terceiro barco inglés”. A limitación afectaba a numerosos buques, entre eles os encargados de trasladar os correos a América, nos que Alexander contaba embarcar.
O científico prusiano era de seu unha persoa hiperactiva e algo desacougado, como el mesmo recoñecía nos seus escritos: “Inquedo, axitado, e sen poder gozar nunca dalgo que rematara, non son feliz senón emprendendo cousas novas e facendo tres cousas á vez”. A estadía na Coruña constata ese perfil, agudizado pola situación de impaciente espera.
A primeira razón da ansiedade era a incerteza sobre o momento da marcha. Algo que tiña que ver co que acabamos de comentar, o bloqueo do porto e o risco de que o barco fose apresado por un buque inglés. Un temor ben xustificado, cada mes saía do porto coruñés un buque-correo cara á Habana mais o do mes do maio, o Alcudia, aínda permanecía na baía; por outra banda, o barco que partiría en agosto, o Amalia, caería en mans do navio de guerra británico Argos. Contribuía á incerteza a necesidade de dispoñer das condicións meteorolóxicas para que aqueles buques de vela puideran emprender a travesía. O 28 de maio Humboldt contemplou unha forte tormenta na cidade e os días seguintes recibiu alarmantes novas dos oficiais do barco, quen lle informaron da posibilidade de teren que agardar semanas para dispoñer de ventos favorábeis.
Coidamos que a esas circunstancias se engadía outra que tamén incidía nas présas e nervios do futuro explorador. Referímonos á preocupación pola estabilidade dos seus apoios políticos en Madrid. Cómpre lembrar que o prusiano obtivera un permiso cunhas condicións excepcionalmente beneficiosas grazas aos seus contactos con relevantes diplomáticos estranxeiros, como o representante de Saxonia (Phillipe de Forell), con científicos destacados, como José Clavijo (director do Gabinete de Historia Natural de Madrid) e importantes políticos, como Mariano de Urquijo. Este, que exercía de xeito temporal o cargo equivalente a primeiro ministro, tiña un perfil moi singular e só gobernou entre febreiro dese ano 1799 e fins de 1800.
Determinar a posición xeográfica de Ferrol
Humboldt chegara un sábado e, agardando para facer as xestións de embarque, aproveitou o domingo 26 para calcular a posición xeográfica de Ferrol. O cálculo realizouno desde A Coruña porque nese momento descoñecía os plans de embarque cara a América, os días que debería pasar na cidade herculina, e ignoraba que visitaría Ferrol o mércores seguinte.
En primeiro lugar, fixou a hora do mediodía na Coruña con relación á de París. Levaba consigo o tempo da capital francesa nun cronómetro construído por Louis Berthoud, o número 27; modificouno segundo o erro que supuña tiña o cronómetro pola viaxe desde Madrid. Corrixido o instrumento, calculou a diferencia entre o mediodía coruñés e o de París, o que traduciu en distancia. Fixada a posición de Coruña con relación á capital francesa calculou a de Ferrol partindo de que a distancia da Torre de Hércules a esa localidade era de 10´20¨. Ese día o prusiano coñeceu o vello faro romano restaurado había moi pouco tempo, mesmo indicou que baixou ata o mar nas rochas da zona, examinando algas e moluscos.
Pendente do embarque
O luns 27, xa útil a efectos laborais, a actividade de Humboldt estivo dirixida ao asunto prioritario que o trouxo a Coruña, as xestións para embarcar canto antes cara América. O primeiro paso, obrigado para todo pasaxeiro, era acudir ao Xulgado de Arribadas, o organismo que entendía das viaxes a América e Filipinas, dende o control da pasaxe ata a inspección da chegada da prata. O xulgado herculino estaba preto da fonda onde Humboldt se hospedaba, na mesma rúa, no edificio da Aduana (actual Sub-delegación do Goberno).
Ao Xulgado de Arribadas accedeu o científico co seu pasaporte, o que acadara en Madrid o 7 de maio, moi axeitado para os intereses do explorador, quen era consciente da súa fortuna e así llo comentou a Christian Friedrich Gödekind, “Imaxínese que sorte” (3 xuño). Nese pasaporte –que hoxe se conserva no Museo Nacional de Ecuador– figura a parte coruñesa, a anotación concedendo permiso para que puidera embarcar “en el primer buque de Bandera nacional, que se les proporcione para transportarse a cualquiera de los Puertos de ambas Américas que les acomode para emprender su comisión”. Texto asinado por Francisco de Mella, pois era o xuíz do Xulgado de Arribadas da Coruña. E contén unha breve nota de Rafael Clavijo indicando que o científico tiña un camarote asignado no buque Pizarro: “Concedido de Cámara en el Pizarro”. Como vemos, o principal contacto de Humboldt na Coruña, Rafael Clavijo, o responsable dos Correos Marítimos na cidade, xa se movera.
Visita a Ferrol
Realizada a xestión para o embarque e asignado o buque, Humboldt enfrontouse con días de espera. Nese estado de ansiedade, o 29 de maio realizou unha viaxe – preparada por Clavijo– a Ferrol, importante base naval e o principal complexo científico-industrial do Noroeste español nese tempo. Alexander explicou como na travesía ao porto desa cidade realizou algunhas experiencias sobre a temperatura da auga do mar, “por medio dunha sonda termométrica de válvulas”. Deixou escrito que “Non ofrece Europa enteira tan extraordinario fondeadoiro [Ferrol] en razón da súa avanzada posición no interior das terras”.
O mal estado do mar fixo que os buques ingleses abandonaran neses días a zona de bloqueo do porto coruñés. Mais o tempo mudou e a saída do Pizarro tivo que pospoñerse. O científico aproveitou eses días. Así, recolleu e preparou plantas procedentes dos “fermosos vales de Galicia”, que, esaxeradamente, di que non foran ata entón visitados por ningún outro naturalista.
Elaboración de escritos
Unha das principais ocupacións de Humboldt na estadía coruñesa consistiu na preparación de abondosos e valiosos escritos, documentos claves para entender os seus obxetivos, perspectivas e contactos. Rematou a redacción e enviou corenta e tres cartas e realizou anotacións no seu Diario. Tamén finalizou a redacción dun singular documento, o seu “testamento literario”, un escrito elaborado na previsión dalgunha desgracia que pudera ocorrer na viaxe, en cuxo caso debía ser publicado, como indicou, entre outros a Dietrich Ludwig Gustav Karsten en carta de 5 de xuño. No manuscrito sintetizaba a súa principal contribución científica ata ese momento. Escolleu como tema para ese testamento o traballo sobre a composición e disposición dos estratos "Parallelismus der Schichten". Pretendía demostrar como a inclinación das capas de sedimentos que recobren a superficie terrestre é semellante en todo o planeta.
El Pizarro e Cagigas
No proceso do embarque entrou en xogo o capitán do buque El Pizarro que ía trasladar a Humboldt a América. Sobre o barco existía certa confusión, pois con ese nome houbo diversos buques-correo, mais hoxe sabemos que era unha fragata. Tampouco estaba moi claro o nome do capitán, que identificamos como Juan Miguel de las Cagigas Castillo (1755-1824), cántabro de Escalante. Residía, coa familia, no segundo piso do número 122 da rúa de San André, nun edificio con un baixo e dúas plantas que Cagigas mercara.
A marcha
O 5 de xuño de 1799, ás 14 horas, a fragata El Pizarro lanzaba o canonazo que anunciaba a saída e levantaba áncoras. Semellaba que os nervios remataran o seu asedio ao prusiano mais non foi así. Unha virada de El Pizarro á altura do desaparecido castelo de Santo Amaro creou alarma entre a pasaxe. E xa en alta mar continuou a preocupación pola posible irrupción de navíos ingleses, polo que no buque pasaron a noite sen luces para non seren vistos. Ninguén dixo que o camiño cara a inmortalidade fose doado e plácido.