Garden un exemplar dos xornais destes días e os links das webs porque son días históricos. Iso si, recomendo gardar os da prensa madrileña e tamén a catalá para poder contrastar como se contou desde un lado e desde outro esta crise de Estado.
A crise de Estado consiste en que nolo roubaron. Ou poida que xa nunca o tivemos e agora caeron todos os panos tras os que se ocultaba a nada
Ou ben pode resultar que non ocorra nada. E entón o mundo aí fóra terá que preguntarse se España nalgún momento abandonou a historia e a vida mesma transformándonos os habitantes deste reino en meras sombras ou imaxes nunha pantalla, onde nada doe, onde nada ocorre realmente e onde nada é real. Poida que cruzásemos o espello e xa esteamos todos tras a pantalla de plasma.
A crise de Estado consiste en que nolo roubaron. Ou poida que xa nunca o tivemos e agora caeron todos os panos tras os que se ocultaba a nada.
Particularmente, creo que o máis sanguento do que vivimos é a realidade que Cáritas nos mostrou fugazmente hai un par de días, xa desapareceu das noticias e non é motivo de crise política: a miseria. Esta política produciu e produce miseria e a exclusión social dunha parte da poboación, é dicir que o Reino de España expulsou cidadáns. Previamente expulsouse da realidade do Reino, da asistencia sanitaria e os servizos sociais, por centos de miles de persoas que non tiñan os papeis en regra. Habitamos un país que se encolle e pagamos un estado que abandona as persoas que ten obrigación de protexer.
Pero iso o sistema político trágao, glup, con bastante tranquilidade. A estas alturas na vida social e política española o decisivo non é a cuestión social senón a cuestión nacional.
Así pois, a crise de Estado non vén da inxustiza social pero non crean tampouco que vén da cuestión catalá, iso é o que se nos mostra en relevo
Así pois, a crise de Estado non vén da inxustiza social pero non crean tampouco que vén da cuestión catalá, iso é o que se nos mostra en relevo. A contradición nacional entre España e Catalunya podería ter evolucionado doutros modos, non tiña por que chegar a este conflito. Abondaría con que no seu momento se tratara nas Cortes con consideración o Estatut, en lugar de pasarlle o cepillo, e que o Tribunal Constitucional non negase, por un voto, o recoñecemento nacional que os cataláns se fan a si mesmos. Eses manifestantes reclamando democracia en Barcelona, como en Hong Kong, é unha cidadanía que se mobiliza por democracia, non "algaradas callejeras" como di o home do plasma, e merecen respecto e atención pero ao ser rechamantes e de tanto relevo ocultan o esencial, que está en oco e oculto en sombra: o Estado español, o que pagamos todos, foi privatizado por unha facción política. É seu.
Ao ser rechamantes e de tanto relevo ocultan o esencial, que está en oco e oculto en sombra: o Estado español, o que pagamos todos, foi privatizado por unha facción política. É seu
O Estado é seu como seu é o individuo que preside o Tribunal Constitucional, Francisco Fernández de los Cobos, un exmilitante do PP que cre, entre outras cousas, que os cataláns son onanistas, obsesionados co diñeiro e insolidarios (Alguén lembra que un maxistrado chamado Pérez Tremps foi recusado polo PP por emitir opinión sobre o estatuto catalán?). Seu é quen preside o Consello de Estado, José Manuel Romay Beccaría, o protector de Rajoy, quen o colocou nesa presidencia irregularmente por medio dunha chapuza xurídica. Seus son os poderes do Estado e por iso haberá informes secretos da policía contra quen se enfronte aos amos do Estado, por iso aparecerán informes da axencia tributaria oportunamente que liquidarán publicamente os antiespañois, por iso o Fiscal Xeral do Estado avisará os sediciosos habitantes de provincias traidoras. Desde Pujol ao último xogador de fútbol dun equipo catalán serán carne de noticia. Seu é o Ministerio de Asuntos Exteriores coas súas embaixadas, loitando corpo a corpo no estranxeiro contra unha administración inimiga, a catalá, até o extremo de censurar a presentación dun libro e advertindo a outros países das maldades catalás.
E en todo momento sobrevoaron ameazas de usar a forza, ou sexa a policía e o Exército. O presidente dunha comunidade autónoma, La Rioja, chegou a avisarlles de que "aqueles que se cren que son máis que os demais e que poden botar pulsos e ameazas morrerán". Non dimitiu nin foi procesado e tampouco ninguén lembrou que se el ocupa ese posto, presidente dunha comunidade autónoma, é porque no seu día os cataláns loitaron por recobrar a autonomía política, esa autonomía que logo se estendeu a todo o Estado, incluída a Rioxa.
O Estado é seu de arriba abaixo. Así que se fose necesario, e así o creron, presidencia do Goberno enviará a alguén a Andorra a presionar a banca e ao xefe de gabinete a pór en danza a unha nora do expresidente da Generalitat. Parece evidente que os sumidoiros do Estado, que mencionou González hai anos, conectan directamente con Presidencia.
Todos os medios de comunicación madrileños forman cada día coas súas armas a punto para disparar a visión do Goberno contra o que chaman "o desafío" ou o "órdago" soberanista
E todos os medios de comunicación madrileños forman cada día coas súas armas a punto para disparar a visión do Goberno contra o que chaman "o desafío" ou o "órdago" soberanista.
Nos últimos anos a fusión entre o poder económico, o político, o xudicial e o mediático foi vertixinosa. Demostráronnolo estes días con velocidade e unanimidade, en cuestión de horas o Consello de Estado e o Tribunal Constitucional asinaron o que xa o Goberno anunciara ou ditaminara: a consulta do parlamento catalán é un referendo ilegal. Xa non hai dúbidas nin discrepancias, velocidade e unanimidade servida puntualmente polos medios de comunicación. O Estado non mostra físgoa nin saída.
Parte da posesión que o PP de Rajoy mantén sobre o Estado é posible porque a súa estratexia conseguiu en radicalizar o conflito e non deixarlle saída, anulando politicamente o PSOE e someténdoo ás súas regras. O atrapado que está evidenciábao José Bono hai uns días acusando a Pasqual Maragall de sentar a base da secesión. E non é unha situación fácil, o PSOE pode denunciar a Pujol e envolverse na rojigualda para conservar a imaxe de partido de Estado pero non poderá selo porque sen os votos de Catalunya é imposible que goberne.
O PSOE pode denunciar a Pujol e envolverse na rojigualda para conservar a imaxe de partido de Estado pero non poderá selo porque sen os votos de Catalunya é imposible que goberne
Como se chegou a esta situación en que o Estado manifestamente é do PP? Pola utilización tan astuta como implacable da cuestión nacional que deseñaron Arriola e Rajoy.
A dereita española é nacionalista, sabe que para gañar e ostentar o poder necesita que existan os outros nacionalismos interiores e que necesita vencelos. Por iso comezou unha estratexia con boicots e recollidas de firmas contra Catalunya e o posterior recurso do Estatut ante o Constitucional, conseguiu acurralar e atrapar a sociedade catalá contra unha parede. Cando a crise esmagou o anterior goberno e chegou esa estratexia con Rajoy á Moncloa foi cando o Estado español comezou a deixar de ser definitivamente un Estado para a sociedade catalá.
A dereita española é nacionalista, sabe que para gañar e ostentar o poder necesita que existan os outros nacionalismos interiores e que necesita vencelos
Esa facción política que enfronta o Estado con todos os seus medios a Catalunya conseguiu que a maior parte da sociedade catalá xa non recoñeza o Estado español como seu. Rajoy, que invoca a lei e a Constitución, di que é o Presidente tamén dos cataláns, pero a inmensa maioría dos cataláns non o cren. Se a soberanía política en democracia baséase no recoñecemento e a aceptación dos gobernantes é evidente que non é presidente dos cataláns. Máis ben veno como o seu carcereiro.
E é que patrimonializar o Estado como o fixeron ten un custo, que o Estado deixe de ser democrático. O Estado democrático debe ser de todos, tamén dos pobres e dos onanistas. E tamén dos cataláns.