Seica a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia viuse na obriga de sancionar as empresas leiteiras. Se un escoita as palabras da ministra de Medio Rural relativas ao tema e vendo como se teñen comportado desde tal estamento oficial nos últimos anos, a podemos botarnos a tremer. Coñecendo as manobras destas empresas de preto e vendo a sanción da que son obxecto, non resultaría raro que comezasen a aplicar unha baixada de prezos xeneralizada á súa clientela gandeira destinada precisamente a suplementar as perdas que a sanción lles poda ocasionar. Case que trazándolles o camiño a ministra lanza un aviso que no rural saben de sobra o que significa: Cómpre agarrarse que veñen curvas nos vindeiros meses.
Botamos de menos un ministro igual de comprometido no esclarecemento e persecución destas fraudes que na de procurarlle os buratos nas contas a certos colectivos cidadáns
Con todo, chama a atención: Nun momento coma o presente no que se están a endurecer os castigos no código penal para aquel que delinque e máis para o reincidente, os delitos económicos, cometidos baixo os auspicios das grandes corporacións, gozan do privilexio de segundas (e moitas veces sucesivas) oportunidades. Ver esta sanción ás alturas do conto nas que estamos case poderíamos considerala unha provocación. Botamos de menos un ministro igual de comprometido no esclarecemento e persecución destas fraudes que na de procurarlle os buratos nas contas a certos colectivos cidadáns.
Pero nada disto é novo: As empresas leiteiras veñen caneando a gandeiras/os desde hai anos. A sospeita sobre as prácticas polas que agora son sancionadas, circulou á par da multitude de irregularidades que os colectivos labregos denuncian desde que temos memoria. A falta de control público sobre os prezos do leite (e do resto dos produtos agrarios), a revirada forma de impor estes, o descoñecemento do que se ía cobrar polas entregas cada mes son algunhas das situacións máis habituais que se dan e que, se nada troca, se van seguir dando.
É moi evidente que nun mercado onde existen poucos compradores e nulo control público, as prácticas oligopolísticas convértense en normalidade
É moi evidente que nun mercado onde existen poucos compradores e nulo control público, as prácticas oligopolísticas convértense en normalidade. Se o Ministerio de Medio Rural tivese intención de corrixilo, a constatación destas prácticas deberan abondar para tomar medidas de carácter drástico sobre os mercados agrarios. Porén nun Estado e nunha Galiza onde se renunciou a dotarse de métodos de control legal sobre a economía alimentaria, o impacto neto das sancións impostas por unha Comisión da Competencia non ten practicamente relevancia. Pagarán a multa e pactarán unha nova rebaixa do prezo de recollida que tardará en saberse outros 20 anos. Así repararán as perdas, mentres as gandeiras/os seguen sometidos ás estratexias do Cártel Leiteiro.
O horizonte de liberalización definitiva do mercado leiteiro, a fin das cotas neste 2015, suporá non xa a normalización destes procederes, senón que lles dará cobertura legal. Precisamente o obxectivo que tanto as empresas compradoras como as distribuidoras (súper e hipermercados), levan perseguindo desde sempre. A única avantaxe coa que contaba o sector leiteiro (daquela maneira) que era a de teren garantida a recollida da totalidade do produto, aínda que sen prezo, verase coutada en breves co novo mercado. Xa se escoitaron empresas leiteiras afirmando que podería optarse por unha recollida selectiva ou parcial. Isto é, recollémosche só a cantidade de leite que nos peta ao prezo que nos da a gana. E o resto busca a quen vendelo ou guíndao directamente ao foxo do xurro.
Xa se escoitaron empresas leiteiras afirmando que podería optarse por unha recollida selectiva ou parcial. Isto é, recollémosche só a cantidade de leite que nos peta ao prezo que nos dá a gana
Finalmente explícanse moitas cousas: Os múltiples acordos asinados que remataron en papel mollado nos últimos 25 anos, a futilidade de pactar prezos, contratos e demais, as escandalosas estratexias de márketing empregando leite como reclamo,... A posición de privilexio que posúen nas negociacións, tanto as empresas como a distribución, o control absoluto da maioría do tecido leiteiro xunguido ao nulo compromiso político de Xunta, Estado e Europa, desembocan nos acontecementos sancionados estes días.
Correspóndenos, pois, á cidadanía emitir o ditame que consideremos oportuno, se estamos da beira do tecido produtivo ou se imos continuar sostendo a quen non tivo nin ten escrúpulos
O proceder normal dun estado que se di democrático debera asentarse na protección do que posúe a posición máis feble, en aras de soster a igualdade. Porén, a negativa sistemática a intervir politicamente nos prezos e mercados agrarios, deriva en concreto nos feitos que vimos de coñecer. Vistas as valoracións oficiais, unha cousa debemos ter clara: a situación actual vai manterse sen remudas de ningún tipo. Correspóndenos, pois, á cidadanía emitir o ditame que consideremos oportuno, se estamos da beira do tecido produtivo ou se imos continuar sostendo a quen non tivo nin ten escrúpulos en deixarnos de lado para favorecer as ganancias duns poucos.