Os papeis de Amio

Xa sei que os sisudos analistas cargaron o carro no choque de egos (que os houbía) e na grande distancia ideolóxica entre as estremas (que era moita); pero, a comezos do 2012, nin os egos estaban mais inchados ca antes, nin as distancias agrandaran mais

Tiven acceso ó informe interno das pescudas sobre a Desfeita de Amio do ano 12 ( o Black Weekend, que lle chaman os pighos bloqueiros do barrio de Chelsea) e, como adoita facerse nestes casos, vou filtrar á prensa as conclusións mais sobranceiras e un fachuco de fotocopias para darlle un chisco de credibilidade á felonía. Xa sei que os sisudos analistas cargaron o carro no choque de egos (que os houbía) e na grande distancia ideolóxica entre as estremas (que era moita); pero, a comezos do 2012, nin os egos estaban mais inchados ca antes, nin as distancias agrandaran mais. Xa que logo, algo novo tivo que acontecer para facer estoupar a sempre fráxil, pero resistente, pax nacionalista. O informe cociñado pola prestixiosa Teresa Lisbon, do CBI (California Bureau of Investigation), conclúe que foi unha serie de fallos organizativos en cadea o que propiciou o desastre final; que ditos fallos, illados e por si sós, non tiñan por que ser perigosos, pero xuntos e concatenados podían dar no que deron ou mesmo na fin do mundo, tal e como predicían os cálculos maias para ese mesmo ano.

O primeiro fallo foi a data. A quen se lle ocorreu montar unha xuntanza amigable en Xaneiro? No medio e medio da invernía, o mais probable é que faga frío ou chovan chuzos de punta, ou as dúas cousas á vez

O primeiro fallo foi a data. A quen se lle ocorreu montar unha xuntanza amigable en Xaneiro? No medio e medio da invernía, o mais probable é que faga frío ou chovan chuzos de punta, ou as dúas cousas á vez. E a meirande parte da nómina nacionalista, agora nunha idade provecta, está mais para invernos de chocolate quente e lume de cheminea, que para aventuras á intemperie ou desafíos extremos. Eu mesmo dou fe que en Amio, na fin de semana do 29, bufou un nordés xeado e inmisericorde, mais propio das estepas siberianas ca dun clima atlántico de toda a vida. Os organizadores alegaron na súa defensa que non lles quedara outra, que o probable adianto das eleccións autonómicas facía imposible adiar o conclave ata os primeiros soles primaverais, e que ese fora o motivo da escolla. Vaia por deus, ho! Mal empezamos!

O segundo fallo foi o lugar. A que instruído cerebro se lle ocorreu celebrar o encontro nas instalacións do mercado de gando de Amio? Se xa sabiamos con case total certeza que o tempo ía ser malo, o mais lóxico sería procurar un espazo quente e acolledor. Pero non, semella que as cousas que comezan mal aínda poden empeorar, e nesa liña escollemos un enorme mercado de gando, que para aqueles de vos mais pighos, évos algo así coma os hangares da  Luftwaffe na segunda guerra mundial. Era este o sitio mais aquelado para intercambiar ideas e tomar posicións, cos pes quentes e a cabeza fría? Xúrovos que o único recanto do mercado onde se alcanzaban os 10 ºC era nos arredores da barra da cantina, e case todo era calor humano. Os organizadores alegaron que non atoparon outro sitio onde meter 5000 persoas. Mais lles valera rifar os asentos e convocar só a metade. Para que tanto aseamblearismo se arriscas a integridade física da xente asambleada?

O terceiro fallo en cadea foi o propio resultado da partida. Cando a vitoria é avultada, a resignación é unha resposta natural e incluso che dan gañas de felicitar ó gañador; pero non hai cousa mais frustrante ca perder polos pelos

O terceiro fallo en cadea foi o propio resultado da partida. Cando a vitoria é avultada, a resignación é unha resposta natural e incluso che dan gañas de felicitar ó gañador; pero non hai cousa mais frustrante ca perder polos pelos. E iso foi o que pasou. Os organizadores alegaron neste punto que o resultado das votacións era a expresión da vontade libre dun proceso democrático e que eles nada podían facer. Outra vez a voltas coa democracia, vállame deus! O conto da democracia está ben para tempos de paz e mar calma, pero cando a propia organización corre perigo de esnaquizar, a supervivencia está antes e por riba da democracia. E que podiamos facer? Homepordeus!, que o “pucheirazo” non só é un pucheiro moi grande, almas cándidas! Se subides á tarima e cantades, por exemplo, “Jorquera 70 – Aymerich 30”, os que votaron a Carlos, aínda coas constantes vitais baixo mínimos, marcharían outra vez co rabo entre as pernas e non pasaría a cousa a maiores. Pero como o resultado foi 51-49, os destemperados carlistas entesaron o rabo e fuxiron en desbandada monte abaixo, coma xovencas en flor aguilloadas por un exército de tabáns.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.