Os papeis de Panamá ou a montaña pariu un rato

Pode parecer sorprendente que trate con aparente menosprezo unha información sobre fortunas ocultas no paraíso fiscal de Panamá. Novas que dende fai varias semanas veñen facilitando diferentes medios de comunicación e opinión galegos i españois. Moi especialmente La Sexta e El Confidencial que teñen a exclusiva sobre os chamados “Papeis de Panamá”. Non é menosprezo senón que esa información non me colle de novas.

Nembargante, paréceme positivo que os cidadáns teñan información de cómo os grandes bancos, as grandes empresas e moitos políticos esconden as súas grandes fortunas en territorios, que se chaman paraísos fiscais –ou centros off-shore-, para así non pagar impostos no seu propio país. Uns territorios off-shore que resultan imprescindibles para manter e estender a fraude a grande escala que facilita a mundialización neoliberal (*)

Porque fraudes como os que descobren os papeis de Panamá non serían posibles sen que se deran unha serie de feitos que a continuación detallarei. Feitos que poñen en evidencia que actos como os que “descobren” os papeis de Panamá están moi, pero moi estendidos por todo o mundo. Tanto que o que aqueles ensinan –por certo, unha mostra selectiva do que realmente se esconde en Panamá- non é mais que unha pequena gota no océano da corrupción mundial.

Empecemos por explicar que estes fraudes a gran escala son posibles por que hai territorios, como Panamá, que son paraísos fiscais. Un paraíso fiscal é un territorio, recoñecido legalmente a nivel internacional, que da total liberdade aos que depositan os seus cartos nos seus bancos, para que residan ou non no seu territorio e operen ou non na súa moeda segundo queiran, que garanta o total secretismo das operacións e que outorga grandes privilexios fiscais. Territorios que, grazas a estas características, vense identificados xustamente con actividades de evasión e fraude fiscal a grande escala e incluso con actividades ilícitas de branqueo de capitais e de financiación do terrorismo. Territorios nos que o secreto bancario e norma e lei, xa que toda a súa actividade bancaria está sometida ao secreto bancario mais estrito e a negativa a facilitar calquera información as autoridades de calquera outro país. Un secreto que afecta tanto a identidade dos clientes, como aos depósitos e os movementos. Territorios cuxo peso nos mercados financeiros medra día a día: calcúlase que os activos depositados actualmente nos paraísos fiscais superan a cifra dos 11 billóns de dólares –mais dun terzo do PIB mundial-.  Territorios onde tódolos grandes bancos occidentais teñen filiais para, apoiándose no secreto bancario, axudar ao lavado e branqueo deses diñeiros.

Estes paraísos fiscais que, como iremos vendo, proliferan a ámbolos dous lados do Atlántico Norte          –Estados Unidos e Unión Europea- vense favorecidos pola desregulación dos mercados financeiros que trouxo a mundialización neoliberal. Unha desregulación que veu acompañada dunha total liberalización das transaccións a nivel nacional e internacional, sen control de cambios nin límites as entradas e saídas de capital. Unha desregulación que supón a carencia de normas e controis que fai moi difícil que os estados sexan quen de intervir, xa non digamos regular, estas operacións. Que permite a libre circulación de grandes capitais dun lugar a outro do mundo. Que derivou nun control moi deficiente polos estados do mercados financeiros como tivemos ocasión de comprobar coa recente crise bancaria (2008).

Unha circulación de grandes capitais e fortunas que se ve facilitada e intensificada, en tempo e forma, polo gran desenrolo que teñen as redes de interconexión tecnolóxica, entre operadores e mercados, grazas a acelerada evolución de internet: telecomunicacións avanzadas, sistemas interactivos de información, ordenadores de todo tipo e potencia conectados entre si en redes permiten procesar toda a información e tomar decisións en tempo real.

Un grande enramado montado polos estados occidentais –con Estados Unidos e Gran Bretaña a cabeza- e a súa grande banca para que as grandes fortunas mundiais se poidan mover libremente e esconderse das autoridades fiscais respectivas. Estados que crearon os seus propios paraísos fiscais, que lexitimaron o secreto bancario e que aprobaron a total liberalización e desregulación dos mercados financeiros. Velaí que resulte bochornoso escoitar e ler como, diante da publicación dos chamados “papeis de Panamá” e o escándalo que elo supuxo, os principais dirixentes políticos de occidente parezan lamentarse.

Como pode B. Obama, actual presidente dos USA, criticar ao goberno panameño por permitir que o seu pais sexa un paraíso fiscal cando nos Estados Unidos tres dos seus estados –Delaware, Nevada e Wyoming- son paraísos fiscais onde as familias estadounidenses mais ricas teñen depositadas –escondidas- as súas fortunas co beneplácito do seu goberno?. Que dicir da innombrable troica (FMI, CE, BCE) cuxos directivos aparecen con frecuencia vinculados claramente a operacións ilícitas de branqueo de diñeiro e uso de paraísos fiscais?: non fai moito tempo saíu a luz pública que os presidentes da Comisión Europea –o liberal J.C. Juncker- e do Eurogrupo –o socialdemócrata J. Dijsselbloem- crearan o maior enramado de fraude fiscal coñecido en Europa, para beneficio de grandes capitais europeos o que supuxo un fraude as arcas públicas de varios miles de millóns de euros. Operacións para as que utilizaron os paraísos fiscais de Holanda e Luxemburgo. Que dicir do FMI no que os tres (3) últimos directores xerentes -os liberal/conservadores R. Rato e C. Lagarde e o socialdemócrata D. Strauss-Kahn- están imputados por delitos fiscais con paraísos fiscais -Suíza, Xibraltar, Luxemburgo -  polo medio?. 

Como pode D. Cámeron, primeiro ministro británico, escandalizarse de Panamá cando a City de Londres que el protexe e mima é un dos principais paraísos fiscais do mundo contando ademais con Xibraltar e as Illas do Canal da Mancha como paraísos fiscais nos que os británicos ricos poden esconder tranquilamente as súas fortunas?. Que credibilidade pode ter a señora A. Merkel –e o seu ínclito Ministro federal de Finanzas, W. Schäuble– que sabe como baixo o seu goberno as grandes fortunas alamanas seguen escondendo os seus diñeiros nos paraísos fiscais de Suíza e Liechtenstein?, cando o seu propio partido –CDU- tivo contas secretas en paraísos fiscais que escondían donativos multimillonarios, como puxo en evidencia o chamado “caso Flick”, o maior escándalo de suborno da recente historia de Alamana?.  Non sabe por caso o presidente de Francia, o socialdemócrata F. Hollande que as grandes fortunas francesas esconden os seus diñeiros nos paraísos fiscais de Mónaco, Bélxica e Luxemburgo?, que fai para evitalo e para que aquelas cumpran coas súas obrigas fiscais?. Para rematar esta longa lista, de estados e gobernos occidentais, que podía estenderse deica o infinito, que dicir do presidente español, M. Rajoy, cuxo partido (PP) e un número inxente dos seus directivos e responsables aparecen involucrados en incontables operacións de corrupción, branqueo e lavado de diñeiro, para as que os paraísos fiscais de Suíza, Luxemburgo e Andorra son, entre outros, refuxios seguros.

Velaí as evidencias de cómo o enramado que descobren os papeis de Panamá está moi estendido por todo o mundo e, moi especialmente, nos Estados Unidos e na Unión Europea. Un enramado montado a beneficio das grandes fortunas e capitais, para o que a grande maioría dos gobernos de oriente e occidente actúan de garantes e cuxo obxectivo central é axudar a aquelas a evadir o fisco dos seus propios países. Grandes fortunas que, como expuxen antes, no so proceden de operacións de dubidosa legalidade senón que tamén poden proceder do tráfico de armas, o narcotráfico, o crime organizado e/ou de fortunas acumuladas grazas, onte e hoxe, a sanguentas ditaduras –Indonesia, Filipinas, Chile, Uganda, España, Grecia, Rusia, China, Georgia…- como moi ben documentou e probou o exparlamentario suízo e actual vicepresidente do Comité Asesor do Consello de Dereitos Humanos de Nacións Unidas,  J. Ziegler.

Unha grande montaña de corrupción e fraude na que Panamá é apenas un rato parido por esa montaña.

(*). Os que queiran saber mais sobre paraísos fiscais recoméndolles tanto a lectura dun libro  do meu querido amigo Juan H. Vigueras (“Los paraísos fiscais”. AKAL Economía Actual) como tamén o número de abril de TEMPOS NOVOS.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.