Os relatos sobre a historia recente do nacionalismo

Ana Pontón e Martiño Noriega amosan o acordo asinado entre BNG e Anova asinado o domingo 14 de xaneiro de 2024 CC-BY-SA Praza Pública

Unha das novidades rexistradas na recente campaña foi o acordo presentado por Ana Pontón e Martiño Noriega -en representación do BNG e de Anova- en virtude do cal, a organización que encabeza o que foi alcalde de Santiago solicitaba publicamente o apoio ás candidaturas do Bloque

Unha das novidades rexistradas na recente campaña á Cámara lexislativa galega foi o acordo presentado por Ana Pontón e Martiño Noriega -en representación do BNG e de Anova- en virtude do cal, a organización que encabeza o que foi alcalde de Santiago solicitaba publicamente o apoio ás candidaturas do Bloque para os comicios celebrados o pasado 18-F.

Mais alá do comprensíbel interese electoral común de ambas formacións, a escenificación dese acordo suscitou outras interpretacións que sobordaron a dimensión estritamente conxuntural do mesmo. Diversas análises destacaron, sobre todo, a idea de que BNG e Anova cicatrizaban a ferida xurdida despois da Asemblea de Amio (no comezo do ano 2012) co abandono do que, daquela, era o "Encontro Irmandiño" e a posterior conformación da coalición AGE -entre Anova e EU- para concorrer ás eleccións galegas do outono de 2012. Como é sabido, esta coalición -encabezada por Xosé Manuel Beiras- acadou un resultado sorprendente (9 escanos), superando os resultados obtidos polo BNG (7 actas parlamentarias).

 Diversas análises destacaron, sobre todo, a idea de que BNG e Anova cicatrizaban a ferida xurdida despois da Asemblea de Amio

Para que se puidera falar dun sólido reencontro entre estas dúas ponlas nacionalistas debería existir un relato compartido sobre aquela relevante ruptura. Certamente, o sucedido na referida Asemblea de Amio foi o pano de fondo sobre o que se elaboraron os posicionamentos posteriores de todas as partes involucradas. A UPG -o grupo gañador na confrontación rexistrada nesa Asemblea- entendeu que era necesario forzar a máxima polarización interna para clarexar as supostas confusións nas que estaba instalada unha parte do corpo organizado do BNG. A rápida saída do Encontro Irmandiño certificou, aparentemente, a eficacia da dinámica promovida pola UPG. En calquera caso e a partir dese momento, nalgúns segmentos nacionalistas, Beiras pasou a ser considerado como un "cabalo de Troia" do "españolismo" de esquerdas e todos os seus seguidores mereceron o cualificativo de "traidores".

Para que se puidera falar dun sólido reencontro entre estas dúas ponlas nacionalistas debería existir un relato compartido sobre aquela relevante ruptura

A "sensu contrario" o inmediato éxito electoral de AGE foi avaliado, polo grupo de Anova, como a demostración práctica do acerto que tiveran abandonando o Bloque poucos días despois do remate de Amio. Confirmábase, segundo a súa visión, que existían sectores significativos na esquerda social que agardaban outra estratexia por parte do nacionalismo existente e que apoiaban unha oferta unitaria cunha parte da esquerda estatal.

Esa estratexia de Anova mantívose -nas súas premisas fundamentais- durante mais de dez anos. Nas eleccións municipais de 2015, nas xerais dese mesmo ano (e na repetición posterior) e nos comicios galegos do outono de 2016, esta organización formou parte das Mareas municipais e do que se chamou "En Marea" (que obtivo a condición de segunda forza precisamente nesa cita electoral). O proceso de división e autodestrución vivido por ese conglomerado orixinou un forte desgaste electoral nos anos 2019 e 2020 e a conseguinte perda das posicións institucionais hexemónicas acadadas nalgúns concellos e na Cámara do Hórreo.

É posíbel establecer un relato unificado entre o actual BNG e Anova sobre o período histórico transcorrido entre os anos 2012 e 2024? Dende un punto de vista teórico, un achegamento consistente requiriría da existencia dun conxunto de reflexións autocríticas de certa envergadura por parte de todos os protagonistas. Polo que coñecemos até o momento, non é realista pensar na verosimilitude desa versión compartida nun prazo curto. Pode construírse esa unificación discursiva no futuro? Podería ser factíbel se ambas partes consideraran que iso é necesario para asegurar un nivel maior de coincidencia nas ideas e nas ferramentas organizativas.

O risco desta falta de reflexión no ámbito das elites políticas é que se poden repetir vellos erros e carencias aínda que ocorran en contextos parcialmente diferentes. Algo que se debería ter en conta no seo do corpo organizado do nacionalismo galego

Como é sabido, a Asemblea de Amio certificou a maior división rexistrada no corpo organizado do nacionalismo durante o século XXI. As tres correntes principais que dispuñan da grande maioría dos apoios internos (UPG, Encontro Irmandiño e "Mais Galiza") non foron quen de atopar liñas programáticas e fórmulas organizativas que mantivesen e mellorasen a singular combinación de unidade e pluralismo que estaba no cerne da conformación da identidade do BNG como forza política. A partir dese momento, explicitaronse diversos relatos dos sectores participantes naquela disputa interna para explicar e/ou xustificar os motivos das diverxencias e as súas consecuencias organizativas. Constatado o feito de que, a día de hoxe, segue sen existir unha versión común do sucedido entre os participantes daquel disenso, é pertinente formular unha pregunta: resulta necesario buscar ese relato compartido no eido do universo político nacionalista ou esa tarefa debe ficar, exclusivamente, nas mans daquelas persoas que, nos ámbitos académicos, estudan e interpretan os acontecementos históricos?

A tendencia dominante na actividade política só concede importancia a aquilo que poda reforzar a conquista de maiores espazos de poder no tecido institucional. Xa que logo, a análise do pasado, mais ou menos recente, fica nas mans das persoas que dedican o seu labor profesional ao estudo da historia. O risco desta falta de reflexión no ámbito das elites políticas é que se poden repetir vellos erros e carencias aínda que ocorran en contextos parcialmente diferentes. Algo que se debería ter en conta no seo do corpo organizado do nacionalismo galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.