“Fai falla un cambio educativo xa”, así de claro se manifestaba hai poucas semanas César Bona, mestre seleccionado entre os 50 mellores do mundo, nunha entrevista concedida a un xornal galego. O certo é que a opinión deste extraordinario mestre, cuxo talento e vocación pola ensinanza son exemplares e están contribuindo notablemente a estimular o interese da sociedade polo ámbito educativo, parece reflexar o sentir dunha parte moi importante do sector educativo que reclama un xiro copernicano nas políticas de xestión educativa levadas a cabo tanto no noso país como na nosa comunidade autónoma. Así, os case catro anos que José Ignacio Wert estivo á fronte do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte caracterizáronse por ser o período da nosa democracia no que a sociedade, e en especial os colectivos relacionados co ámbito educativo, amosaron un maior desencanto e en ocasións indignación coas políticas promovidas dende o Ministerio de Educación. Sen dúbida a aprobación da enésima reforma educativa, a LOMCE, pese á oposición de asociacións de profesores, pais e sindicatos foi a gota que colmou o vaso consolidando o profundo distanciamento entre o goberno e a sociedade.
Este enfrontamento entre cidadanía e goberno representa a pugna entre dúas tendencias opostas: o progreso fronte a involución. Aínda que poida resultar paradóxico, esta circunstancia recorda bastante o acontecido na España do século XVIII, brillantemente descrita por Pérez-Reverte na súa última novela Hombres buenos, na que narra a aventura de dous académicos da RAE que poñen rumbo a París na búsqueda da prohibida Encyclopédie, símbolo da razón e das luces, e que na súa viaxe deberán facer fronte ós obstáculos que a España máis cerril e ignorante se encargará de porlles no camiño. Aquela España de contrastes aseméllase bastante á actual, especialmente no que ó sector educativo se refire, con dúas correntes de considerable forza loitando ambas por facerse paso e evitar o avance da postura oposta.
Existe por unha parte a corrente dos homes bos, que aglutina a unha parte importante do profesorado, así como a familias e axentes sociais que, sendo conscientes das serias deficiencias das que o noso sistema educativo adolece, apostan por unha revolución pedagóxica que nos permita dar resposta ás demandas da sociedade actual. Esta corrente, ó igual que facían os partidarios do progreso na España do XVIII, sustenta a súa postura no pensamento crítico e nas ideas que expertos en educación como Howard Gardner, Daniel Goleman ou Ken Robinson viñeron proñendo nos últimos anos. Pero, como diciamos anteriormente, no noso país está presente tamén a corrente oposta, representada na súa maior parte polo Ministerio de Educación e no caso de Galicia pola Consellería de Educación, que en lugar de escoitar o que intelectuais, profesores e familias teñen que aportar, prefiren mirar para outro lado mantendo a súa postura tradicional, a que reduce a educación a cifras, datos e porcentaxes. Esta postura pechada recorda á de aqueles que no XVIII se opuxeron á entrada das novas ideas procedentes do outro lado dos Pirineos e censuraron todo aquilo que simbolizaba razón, coñecemento e progreso. Aqueles que, como os sectores máis conservadores da Igrexa Católica, vían na Encyclopédie e nas ideas de Voltaire, Rousseau ou Montesquieu unha ameaza ó réxime establecido.
Ante este panorama consola saber que todavía existen homes bos, homes como César Bona e tantos outros mestres, pais e cidadáns honestos que loitan por converter un sistema educativo mediocre nun sistema xusto, de calidade e para todos. Só o tempo nos dirá se os bos gañan finalmente a partida. Iso significará que teremos gañado todos.