No núcleo do poder europeo real sitúase a European Round Table of Industrialists (Mesa Redonda Europea de Empresarios, ERT polas siglas en inglés) da que forman parte os 50 presidentes executivos das empresas europeas máis importantes. Fundada en 1983, desde o seu nacemento foi un actor fundamental no deseño da Unión Europea e do mercado común. Xoga un papel central na promoción das políticas económicas neoliberais.
En febreiro de 2010 publicou un relatorio destinado a guiar as mudanzas políticas da UE no que propuña a privatización da sanidade, reformas na seguridade social e nas pensións e flexibilizar o mercado laboral. Tamén apelaba a que os Estados membros asinasen o Pacto de estabilidade e crecemento que limita o déficit das administracións ao 3 por cento do PIB, recomendando cortes no gasto público. As súas propostas convertéronse en Lei. A ERT fai parte da estrutura do poder que goberna, desde a sombra, as sociedades capitalistas. Dos 50 membros da ERT máis de 20 están relacionados co sector financeiro, unha evidencia máis do rol hexemónico das finanzas no réxime de acumulación do capitalismo neoliberal. Un antigo funcionario do Departamento do Tesouro estadounidense escribiu en 2011 no Financial Times que os mercados financeiros se converteron nun “súper- goberno global que posúe o poder de destituír réximes afianzados... forzar a austeridade, rescatar bancos e outras mudanzas políticas maiores e que deixando á parte as armas nucleares se converteron na forza máis poderosa na terra... De facto, os mercados do século XXI son moito máis poderosos que calquera líder gobernamental”.
A ERT é só un dos poderes non democráticos que gobernan a Unión Europea. Os pobos europeos, e nomeadamente os do sur, cada día máis conscientes da expropiación da democracia, exploran camiños para recuperar a soberanía. O Día Europeo de Acción convocado para o 28 de maio é un paso na articulación das loitas en espazos supranacionais e supraestatais. Desde o Comité PlanB-Vigo organizamos unha xornadas os días 20 e 21 de maio para reflexionarmos sobre a restitución da democracia e a soberanía popular en Europa. Convidamos todas as cidadás e cidadáns viguesas a partillar connosco esa reflexión.