Os señoros que venden fume. Lei Valentín Paz Andrade (2014-2019)

A finais do mes de outubro, celebrouse no compostelán Auditorio de Galiza a entretida gala dos premios aRi[t]mar. Proxecto didáctico-cultural desenvolvido pola Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Compostela e que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países.
Durante a gala nomeouse en diversas ocasións a Lei Valentín Paz Andrade, tamén coñecida como a Lei para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.

Unha lei que viu a luz en marzo de 2014, co respaldo de todos os grupos políticos, e que nacía dunha iniciativa lexislativa popular co nome do homenaxeado en 2012 co Día dás Letras Galegas, e que arribara á Cámara avalada por 17.000 firmas. Entre os aspectos que expoñía, ademais de ampliar o ensino do portugués en Galiza, figuraba darlle carácter “estratéxico” á colaboración de Galiza co norte de Portugal, proseguindo a axenda trazada pola Unión Europea, así como favorecer o intercambio recíproco das emisións de radiotelevisión en ambos territorios como unha forma de reforzar os vínculos lingüísticos e culturais comúns. Pero a implementación desta lei polo executivo nunca chegou, algo que non se comentou durante a gala e que puido deixar nas presentes a sensación de que a posta en funcionamento das medidas aprobadas é toda unha realidade.

O nivel de aplicación que nos atopamos da Paz Andrade é ínfimo e testemuñal, tal e como indicaron nunha carta aberta a Núñez Feijóo a inicios do último verán dende: Academia Galega da Língua Portuguesa, Associaçom Galega da Língua, Associaçom de Estudos Galegos e Fundaçom Meendinho. A irrisoria posta en práctica non foi máis aló de medidas provisionais e parciais, que carecen de orzamento e garantía de continuidade, decepcionando unha vez máis as expectativas xeradas. Levar a cabo políticas que non implican desenvolver leis e sen dotación orzamentaria, é un novo brinde ao sol feito polos herdeiros do “cara al sol”, e que tantos anos levan mostrando a súa gran capacidade para facer que fan. E por outra parte, continuar creando teóricas estruturas e producindo supostos programas que nunca saen do institucional e as fotos de rigor entre os principais jhaiteiros metidos a políticos de aquí e acolá.

Uns predecesores dos nosos actuais jhaiteiros que viñan de pasar moitos anos co brazo en alto e prohibindo o galego, e que durante a “transacción” deitáronse unha noite sentindo que ser galego-falante era unha vergoña, para saír da cama a mañá seguinte decidindo que sería unha vergoña non selo. Desa maneira, converteron o galego no símbolo de aceptación da realidade política posfranquista, e converteron o noso idioma na lingua subalterna de prestixio social. Dito doutra forma, a lingua ritual de aqueles que non a falaban, ou a falaban soamente en actos públicos.

Pero os responsables de facer do galego unha lingua cerimonial, xa tiñan claro dende antes do 1983 –ano en que se aprobou a Lei de normalización lingüística- que o galego ritual e que moitas estudiaríamos con posterioridade tiña que distanciarse en todo o posible do mundo da lusofonía, non fora a ser que alguén pensara o que non era. Xa Castelao -dobremente secuestrado na actualidade no Cenotafio da Cultura e no Panteón dos Galegos Ilustres- dentro da súa obra Sempre en Galiza apuntaba: “Pero dentro de Portugal quedounos a metade da nosa terra, do noso espírito, da nosa lingua, da nosa cultura, da nosa vida, do noso ser nacional”.

Acercándonos ao 2019 continuamos igual nesta materia, cuns dirixentes que continúan a ter medo de que pensemos que temos máis ligazón lingüística e cultural con Portugal que co Estado español, o cal comporta un escaso coñecemento dende Galiza do que acontece á outra beira do Miño e viceversa; algo inexplicable a todas luces, ao estar a desaproveitar esa potencialidade para, entre outros aspectos, o noso precario e desvertebrado ecosistema cultural.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.