Os soberanismos galés, irlandés e escocés fronte á extrema dereita británica

Nacións que compoñen o Reino Unido ©

O vindeiro 7 de maio Escocia e Gales celebran cadansúas eleccións nacionais para elixir cadanseu Parlamento, canda o territorio da Irlanda do Norte para elixir o seu. E esta primavera imos asistir a unha xornada que non é unha mera cita coas urnas, senón un auténtico test de resistencia das democracias plurinacionais fronte á pulsión dun autoritarismo recentralizador que, baixo o disfrace do "populismo de rúa", ameaza con devalar as costuras institucionais do Reino Unido

O vindeiro 7 de maio de 2026 Escocia e Gales celebran cadansúas eleccións nacionais para elixir cadanseu Parlamento, canda o territorio da Irlanda do Norte para elixir o seu. E esta primavera imos asistir a unha xornada que non é unha mera cita coas urnas, senón un auténtico test de resistencia das democracias plurinacionais fronte á pulsión dun autoritarismo recentralizador que, baixo o disfrace do "populismo de rúa", ameaza con devalar as costuras institucionais do Reino Unido. A irrupción de Reform UK, a marca electoral de Nigel Farage, nas eleccións territoriais de Gales, Escocia e Irlanda do Norte, non debe lerse como un fenómeno illado, senón como o síntoma dunha desafección profunda que as opcións soberanistas están chamadas a canalizar cara a parámetros de radicalidade democrática, fronte ao supremacismo excluínte de Farage.

En Gales, a situación ten unha relevancia singular. Os nacionalistas do Plaid Cymru, liderados por Rhun ap Iorwerth, conseguiron o que parecía unha quimera: situar o debate non xa no terreo da identidade simbólica, senón na xestión alternativa fronte ao esgotamento dun laborismo galés que, logo de décadas de hexemonía, amosa signos de clarísimo devalo. Varias enquisas recentes sitúan ao soberanismo galés por riba do 35%, converténdose no muro de contención principal contra un Reform UK que busca captar o descontento das zonas post-industriais. O Plaid Cymru opera aquí como un "soberanismo do benestar", opoñendo á retórica divisiva de Farage un proxecto de reconstrución dos servizos públicos e unha soberanía fiscal que impida que Gales sexa o patio traseiro dun Westminster á deriva.

Pola súa banda, na Escocia o Scottish National Party (SNP) do first minister John Swiney, a quen todas as enquisas sitúan como primeira forza e a poucos escanos da maioría absoluta, ---aproveitando o devalo dos laboristas--- enfronta o reto de blindar o Parlamento de Holyrood contra a penetración dunha dereita radical que nega, por definición, a propia existencia da nación escocesa. Malia que o SNP transite por un período de redefinición estratéxica logo da era Sturgeon, a súa forza reside na identificación da institución parlamentaria coa vontade de autogoberno. O autoritarismo de Farage, que propugna unha sorte de "centralismo panbritánico" sen matices, choca frontalmente coa cultura política escocesa, moito máis achegada ao contrato social europeo. O SNP freará a Farage dende a afirmación de que o único antídoto contra o autoritarismo metropolitano é a plena capacidade de decisión. Haberán ter en conta os soberanistas escoceses, porén, da necesidade de vencellar continuamente no seu discurso os valores da independencia e do reintegramento na Unión Europea co benestar económico na loita polo voto nos sectores obreiros que historicamente votaron laborista e aos que arestora se dirixe o supremacismo extremista de Farage. No horizonte, a medio prazo, a reclamación dun segundo referendum de independencia (indyref2) se as forzas pro autodeterminación (SNP, os verdes e a escisión soberanista Alba) quitan unha maioría absoluta no Parlamento de Holyrood.

O substancial e continuado devalo dos conservadores e laboristas, a progresión do Reform UK e a fortaleza relativa dos soberanistas galeses, escoceses e irlandeses permite prognosticar que é moi probábel que sexa o dique das nacións o que free a extrema dereita de Farage o vindeiro maio. Se non o fan os soberanistas non haberá quen a pare

Máis complexo, se cadra, é o escenario na Irlanda do Norte. Alí, o Sinn Féin de Michelle O’Neill ten ante si a responsabilidade de manter a estabilidade dunhas institucións de poder compartido que o discurso do Reform UK —aliñado co unionismo máis extremo— ameaza con dinamitar. O Sinn Féin, hoxe partido de goberno e primeira forza, actúa como o garante dunha nova normalidade e onde o autoritarismo de corte populista non ten cabida. A súa estratexia de "pragmatismo republicano" habería ser quen de neutralizar Farage ao centrar a axenda na vivenda e na sanidade, demostrando que a unidade da illa se constrúe desde a eficacia e non desde o conflito estéril que o líder do Reform UK tenta sementar con todas e cada unha das súas accións e intervencións. No horizonte a medio prazo a posibilidade dun referendum de integración da Irlanda do Norte na República de Irlanda, que volva reunificar toda a illa, consonte co previsto para o efecto nos Acordos do Venres Santo de 1998.

O substancial e continuado devalo dos conservadores e laboristas, a progresión do Reform UK e a fortaleza relativa dos soberanistas galeses, escoceses e irlandeses permite prognosticar que é moi probábel que sexa o dique das nacións o que free a extrema dereita de Farage o vindeiro maio. Se non o fan os soberanistas non haberá quen a pare.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.