Os tempos son chegados

Francisco Conde, o conselleiro de Economía e Industría botou a lingua a pacer este domingo que pasou no ABC. O titular da entrevista poñía na súa boca estas palabras: “Galicia estará en primeira liña, turrando de España cando comece o crecemento. “ Ala! Os carros turrando dos bois, chovendo cara arriba e os cans pillando moscas a petadas. E de aí a que os tolleitos anden, os cegos vexan e miña nai bote a voar, hai o canto dun euro”. Seica o mundo virou do revés. Mira que xa teño unha idade provecta e debía estar mais que afeito ás toleadas dos políticos; pero cando penso que xa teño todo visto e escoitado, chega outro esbardallando e faime regalar os ollos abraiado.

Son consciente de que un político é un comercial do Partido e ten que botar moito por ela para vender o produto. Pero entre a estrita descrición técnica da aspiradora e afirmar que transmuta o po recollido en pebidas de ouro, é de supoñer que haxa un termo medio, digo eu, que nos anime a mercar sen perder por completo a nosa racionalidade. Cunha Renda Per Cápita e salario medio inferiores á media estatal (en 2010, só Canarias presentaba un salario mais baixo), cun sector naval mirando para o aire, un sector pesqueiro en permanente reconversión, un sector gandeiro xa sen marxe de beneficio e un sector industrial feble e de carácter residual. Xa que logo, u-las nosas vantaxes estratéxicas? U-los nosos puntos fortes, señor Conde? Por que dixo vostede o que dixo, cando a EPA do mes de Xullo cantaba que o paro descendera en todo o Estado agás en Cantabria, La Rioja e GALIZA? Sabe vostede algo que os demais non?

U-las nosas vantaxes estratéxicas? U-los nosos puntos fortes, señor Conde? Por que dixo vostede o que dixo, cando a EPA do mes de Xullo cantaba que o paro descendera en todo o Estado agás en Cantabria, La Rioja e GALIZA?

Como vai ser que o Conselleiro é home reservado e non me vai contestar, terei que atar cabos eu pola miña conta se quero chegar a algures. Nestas foi que lembrei a prédica do Comisario Europeo de Asuntos Económicos e Monetarios, un tal Olli Rehn. Días antes da entrevista do conselleiro Conde no ABC, o Comisario da CE remexera na ferida española cun artigo no seu blog, no que recomendaba a España baixar os soldos un 10 por 100 e seguir os pasos de Irlanda e Lituania para reactivar a economía e saír da crise. Daquela pensei o que moi seguro tamén moitos de vós: “Ala, outro listo que sabe o que hai que facer cos salarios dos demais, outro experto funcionario de 23.000 euros mensuais pontificando sobre a necesidade de baixar os de 1000 a 900”. Claro, como a pertenza á Unión impídenos acudir a unha devaluación monetaria e o empresariado español so sabe aumentar a produtividade a costa do traballo, a única alternativa que nos queda para baixar custes e competir interna e externamente é unha devaluación salarial. E por que só un 10 por 100, señor Rehn? Xa postos, por que non ir a unha quita do 20 ou do 30 por 100, e así facernos coa produción intensiva en man de obra de Turquía, o norte de África, a India, China … etc. Daquela, Citroen e General Motors ampliarían as súas producións de Vigo e Zaragoza; as fábricas téxtiles volverían botar fume nas beiras do río Hombre en Béjar e as granxas de vacas do Deza e da Terra Cha encheríanse de máquinas de coser para darlle feito ás demandas universais do grupo Zara. E o persoal que sobrara, a roular polo ancho mundo adiante. De volta no paraíso dos 60. O soño europeo dos fondos FEDER chegara á súa fin.

Se a saída da crise española está na baixada dos salarios un 10 por 100, pois mira que ben, traballo que xa temos feito os galegos

Logo de baixar a copa de herbas en dous grolos longos e farturentos, fun recuperando ós poucos a presenza de espírito e a capacidade analítica que me caracteriza; e nesas xuntei as declaracións do Conselleiro galego coas do Comisario europeo e vin un facho de luz no cabo do túnel. Se a saída da crise española está na baixada dos salarios un 10 por 100, pois mira que ben, traballo que xa temos feito os galegos. No ano 2010, o salario medio español era de 22.790 e o galego 20.242; ou sexa, un 11% por debaixo. Agora si entendo as palabras do Conselleiro e vexo claro que Galicia vai ser a locomotora da economía española. Se me permitides un símil biciclista, Galiza amosaralle a roda traseira a Euskadi, La Rioja, Madrid e Cataluña; diralles “Poñédevos en fila tras miña e seguídeme (se dades) que vos vou abrindo o aire mesto da crise”; e nos pinganillos das orellas soarán as notas do dylaniano Times They Are A Changing. Síntoo polos vascos, rioxanos, madrileños e cataláns, afeitos a comandar o pelotón español dende tempo inmemorial; pero semella que para Galiza os tempos son chegados e agora tócalles a eles chupar roda. Que non foi sen tempo, todo hai que dicilo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.