Os torturábeis

Os torturadores de Guantánamo precisan, cada vez máis, de médicos para que os encadeados non morran. Mesmo algúns médicos axudan directamente na tortura. Eses médicos, por súa vez, precisan de avogados, pois xa se ten cuestionado o seu papel de cooperación. É que, se ben os torturadores poderían estar legalmente protexidos (aínda que soe incríbel), quen sabe se esa protección se estende aos médicos. Por fortuna para eles, son xa moitos os avogados que teñen desenvolvido toda unha doutrina para a xustificación legal da tortura. Non sendo estritamente necesario, finalmente, a eses médicos e aos avogados que os defenden, viranlles ben filósofos que fornezan sólidos argumentos que xustifiquen moralmente a tortura, o auxilio médico á tortura e a súa defensa legal. Quizá alguén xa estea escribindo Bioética para torturadores.

Non sendo estritamente necesario, finalmente, a eses médicos e aos avogados que os defenden, viranlles ben filósofos que fornezan sólidos argumentos que xustifiquen moralmente a tortura

Non está demostrado que os golpes da policía democrática doan menos que os da policía ditatorial. Coa tortura pasa un pouco a mesma cousa. Mais os países que se reclaman democráticos ofrecen algunhas particularidades que merecen ser salientadas. Unha vez pasada a fase da negación airada dos feitos (etapa na que, contra toda evidencia, se atopa o Reino de España) e do indulto aos torturadores as raras veces nas que son condenados, Guantánamo está a servir como símbolo da emerxencia dun novo xeito de afrontar xurídica e moralmente o feito da tortura. Xa non se trata da súa ocultación moderna, mais tampouco da súa exaltación exemplarizante premoderna. Búscase a súa normalización chamémoslle, provisoriamente, postmoderna.

Xa non se trata da súa ocultación moderna, mais tampouco da súa exaltación exemplarizante premoderna. Búscase a súa normalización chamémoslle, provisoriamente, postmoderna

O torturador é un funcionario, non un monstro: un funcionario. Iso é o que nos lembraba Fermín Muguruza na súa participación no disco Veintegenarios de Albert Pla. E nisto consiste a normalización. Un pouco no estilo –non na magnitude- do funcionario Eichmann que retrataba Hannah Arendt para falar da banalidade do mal. Agora, ademais, coa limpeza que supón o uso de métodos científicos no que antes se confiaba á artesanía. Coa garantía de sentírense apoiados, non só polo poder estatal, senón tamén por unha cadea de expertos que certifican esa limpeza do proceso no que cada un se limita a facer o seu traballo, incluíndo, como temos visto, o do médico, o do avogado e mesmo o do filósofo. A normalización da tortura implica tamén a súa xuridificación, isto é, xa non o seu rexeitamento xurídico como viña sendo innegociábel, mais a súa limitación polo dereito. A tortura é limitada por parte do dereito: xa non é prohibida, senón apenas limitada. Mais por iso mesmo é convertida en aceptábel e lexítima dentro deses parámetros. Pioneira nisto foi a Comisión Landau que en 1987 en Israel establece como lexítima a moderada presión física.

A normalización da tortura implica tamén a súa xuridificación, isto é, xa non o seu rexeitamento xurídico como viña sendo innegociábel, mais a súa limitación polo dereito. A tortura é limitada por parte do dereito: xa non é prohibida, senón apenas limitada

A idea de moderada presión física é a perfecta expresión das estratexias semánticas de normalización da tortura, aquí a través do eufemismo. Mais non é a única, como sabemos. Os detidos son combatentes ilegais para non outorgarlles protección xurídica. Ou, nunha estratexia similar, agora para os médicos que participan nas torturas, os prisioneiros non son pacientes nin doentes, polo que segundo este discurso non sería necesario respectar o xuramento hipocrático.

Antes dicía que a normalización da tortura é postmoderna. Esta caracterización xustifícase porque se ten afirmado, con certo sentido, que o dereito moderno –desde logo no eido do dereito penal- constrúese entre outras cousas sobre o rexeitamento da tortura. Poderíamos insistir, nesta liña, sobre a humanización do dereito penal como base da modernidade xurídica e como elemento esencial na xénese dos dereitos humanos. Mais tamén hai que dicir que isto só é unha parte da verdade. A parte que funcionaba, mal que ben, simbolicamente polo menos, nas metrópoles. Non, en cambio, no mundo colonial e –despois- postcolonial. 

Graham Greene retrata a un xefe da policía de Batista que ten ben claro que a poboación baixo a súa xurisdición divídese en dous grupos: os torturábeis e os non torturábeis

Na súa novela de 1958 O noso home ha Habana, Graham Greene retrata a un xefe da policía de Batista que ten ben claro que a poboación baixo a súa xurisdición divídese en dous grupos: os torturábeis e os non torturábeis. Entre estes últimos, naturalmente, non está o protagonista, un inglés vendedor de aspiradoras e aspirante a espía. O cinismo dese torturador é abraiante, mais capta perfectamente a liña abisal que o colonialismo impuxo deica os nosos días. Os torturábeis son tamén os invisíbeis, os negados, os ninguén dos que fala Galeano. Por iso –a partir desta invisibilidade- é plausíbel o relato da tortura como anomalía xurídica na modernidade.

Na realidade, a liña divisoria entre torturábeis e non torturábeis ten servido ben aos seus propósitos porque o que marca é a posibilidade da deshumanización. Os outros non son coma nós, por iso son torturábeis. Claro que a liña é móbil. Paul Preston ten observado no libro O holocausto español como moitas das barbaridades cometidas polo bando franquista na guerra civil supoñen a aplicación na península de prácticas ben ensaiadas nas guerras coloniais de África. Mais o feito de se trasladaren á península ten a ver con todo un traballo previo de deshumanización simbólica (e neste senso de equiparación ao colonizado) das masas campesiñas e obreiras, levado a cabo pola retórica dereitista nos seus cotiáns ataques á República. A liña divisoria é móbil, pero sempre serve para marcar un outro deshumanizado, animalesco, non individualizado e monstro ameazante. Torturábel, ao cabo.

Paul Preston ten observado no libro O holocausto español como moitas das barbaridades cometidas polo bando franquista na guerra civil supoñen a aplicación na península de prácticas ben ensaiadas nas guerras coloniais de África

A normalización contemporánea da tortura válese tanto da vella estratexia de deshumanización do outro como da nova, consistente na redefinición semántica e normativa (a lexitimación por sometemento a dereito). Como dicía o poema de Erich Fried: “Quen avogan polas guerras sen malos tratos, polas execucións sen crueldade, polas condenas sen execución, polo encadeamento sen maltrato, polos interrogatorios sen torturas, polas torturas sen danos permanentes, pola explotación sen consecuencias graves... Benditos sexan sen bendición ou malditos sexan sen maldición”. Sexan malditos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.