Desde que Pedro Sánchez e Pablo Iglesias chegaron o pasado 12 de novembro ao preacordo de coalición para formar Goberno, asistimos a unha ofensiva de réxime que preconiza a fin de España como a coñecemos. Fuga de capitais, afundimento da economía, ruptura da nación … Editoriais e faladoiros que un día tras outro nos advirten da apocalipse. A materialización deste acordo na investidura de Sánchez escenificou a volta do discurso da Anti-España, cunha dereita tirada ao monte e un ambiente parlamentario que non se vía no noso país desde os anos trinta do século pasado.
Desde que Pedro Sánchez e Pablo Iglesias chegaron o pasado 12 de novembro ao preacordo de coalición para formar Goberno, asistimos a unha ofensiva de réxime que preconiza a fin de España como a coñecemos
No Novo Testamento, as 7 trompetas son o contido do sétimo selo, o que nos leva ao fin dos tempos. Saraiba, lume, meteoritos, lagostas demoníacas, exércitos de demos e por último os sete anxos coas sete copas da ira de Deus.
Neste relato hispánico con tinguiduras de traxedia, os trompetistas son outros: a CEOE, o Círculo de Empresarios, bispos, cardeais e, como non?… Ana Rosa Quintana. A popular presentadora televisiva chegou a pedir un referendo para consultar á xente o pacto PSOE- UP. Non pediu o mesmo, en cambio, cos gobernos de Almeida e Ayuso coa extrema dereita de VOX.
Entre a nosa clase política, os trompetistas están entre os autonomeaados “constitucionalistas”. A dereita, desde o histrionismo de Rosa Díez comparando aos votantes socialistas cos alemáns que miraban para outro lado cando saía o fume das chemineas dos campos de exterminio nazis, pasando polo fascismo de Abascal, que chama a unha insurrección popular o 12 de xaneiro (se hai disturbios a recente doutrina do supremo podería procesalo por sedición, aínda que dubidamos que se lle aplique o mesmo raseiro que aos políticos independentistas); Herman Terstch foi aínda máis lonxe, pedindo unha intervención militar. Casado recuperou o seu relato de felóns e traidores á patria, de bos e malos españois, sen caer en conta de que os supostos antiespañois son maioría en España; pero talvez a máis sincera foi Cayetana Álvarez de Toledo, estrañando os anos de chumbo de ETA, nos que podían utilizar politicamente ás vítimas para pechar calquera indicio de debate sobre o modelo territorial, lembrando ao Uribismo colombiano, que tentou por todos os medios acabar cun proceso de paz que atacaba á liña de flotación do seu discurso político. Capítulo aparte merece o de Arrimadas, que fixo un chamamento ao transfuguismo desde a tribuna do Congreso, coa esperanza dun Tamayazo de última hora, só lle faltou ensinar o maletín.
A crise da socialdemocracia europea vén da man do seu xiro a posicións liberais e os únicos que resistiron o envite son os que comprenderon que a súa supervivencia depende de retornar a políticas progresistas
Segundo a teoría elitista de Schumpeter sobre a democracia, o ben común e a vontade popular non existen realmente, a democracia é unha ficción para o goberno das elites, este é o modelo dos trompetistas ibéricos da apocalipse. Este modelo crebou en 2011 co 15M, a crise de representación levou por diante o bipartidismo imperfecto turnista e sumiunos nun bloqueo político, por mor da incapacidade do vello por asumir o escenario actual e comprender que os vellos consensos están crebados e son necesarios outros novos.
A crise da socialdemocracia europea vén da man do seu xiro a posicións liberais e dos seus pactos coa dereita, os únicos partidos europeos deste espectro que resistiron o envite son os que comprenderon que a súa supervivencia depende de retornar a políticas progresistas, chegando a pactos á súa esquerda; así o entendeu Costa en Portugal, a Sánchez fixéronlle falta catro eleccións xerais en catro anos para comprendelo.
O goberno PSOE- UP é unha luz de esperanza para as clases populares, que xa pagaron a factura dunha crise provocada polos excesos do capitalismo de casino
En maio de 2013 Cospedal retou con mofa aos movementos sociais a presentarse ás eleccións, o reto non pareceu saírlle demasiado ben. A irrupción de Podemos e as plataformas municipalistas pateou o taboleiro político español e removeu os cimentos dunha cultura da transición que, curiosamente, foi impugnada polas xeracións que foron educadas na mesma e non viviron a etapa anterior.
O goberno PSOE- UP é unha luz de esperanza para as clases populares, que xa pagaron a factura dunha crise provocada polos excesos do capitalismo de casino. Rescatouse aos bancos e deixouse polo camiño á xente, é a hora de darlle a volta á situación e deixar atrás unha década ominosa de recortes en dereitos civís, políticos e sociais. Un goberno de coalición progresista no noso país pode ser o faro que ilumine o camiño na nosa contorna europea e sirva como dique de contención á extrema dereita.
O acordo de coalición trae da man transferencia da AP-9, recuperación do Pazo de Meirás, a mellora da rede ferroviaria, o saneamento das rías ou a mellora das condicións de 18.000 galegos que traballan no sector pesqueiro
Por fin materialízase o que a cidadanía viña reclamando desde fai catro anos nas urnas, aínda que se tentou de todo para evitalo: fiscalía e policía política afinando probas falsas, golpe no PSOE para botar ao seu SX electo polas bases para poñer a outro máis do agrado do establishment, ofensiva mediática dos altofalantes do Ibex-35, e por último, presións do poder económico e empresarial para levarnos a unha repetición electoral que restablecese o equilibrio de poder turnista previo a 2014. Todos os esforzos foron en balde, a cidadanía mostrou a súa tozudez e resiliencia, as cousas xa non volverán ser como antes, por moito que se empeñen.
No que se refire a Galicia, o acordo de coalición trae da man unha serie de compromisos vitais para o país. Transferencia da AP-9, recuperación do Pazo de Meirás, a mellora da rede ferroviaria, o saneamento das rías ou a mellora das condicións de 18.000 galegos que traballan no sector pesqueiro por mor da adhesión ao Convenio 188 da OIT son uns grandes avances. Galicia por fin aparece no centro do taboleiro, e estes compromisos foron posibles grazas a que unha forza política de raíz galega como Galicia en Común, comparte a potencia social, electoral e parlamentaria do proxecto común plurinacional do grupo confederal de Unidas Podemos-En Comú Podem- Galicia en Común.
O conseguido é moitísimo máis do que nunca ninguén arrincou para Galicia; Feijóo non conseguiu nada para a nosa terra nos seis anos do “goberno amigo” de Rajoy, outro galego que mirou moi pouco pola súa terra, do mesmo xeito que un ferrolán, de cuxo nome non quero lembrarme, que en 39 anos ostentando a xefatura do Estado ignorou a Galicia sistematicamente.
O conseguido é moitísimo máis do que nunca ninguén arrincou para Galicia
Para rematar, aos trompetistas da apocalipse e os seus altofalantes mediáticos, que auguran o colapso da economía e o fin dos tempos cun goberno PSOE- UP, dedícolles esta pasaxe da maxistral obra do filósofo francés Michel Onfray “Política do rebelde”, que parece pensado para eles:
“Utopía, dirán algúns cuxos antepasados, hai xa dous séculos, lanzaban as mesmas descualificacións cada vez que alguén falaba de eliminar o colonialismo, a servidume, a escravitude ou o traballo infantil. Os seus berros violentos, que profetizaban o fin da economía, o retroceso secular, a catástrofe monetaria e o afundimento dos mercados, non cesaron de ser desmentidos polos feitos ao longo da historia, a pesar do cal persisten no catastrofismo en canto se trata de xustificar o estado actual das cousas e a marcha do mundo tal como é”.