Esta coincidencia favorece que se formule unha interrogante a respecto das semellanzas e diferenzas entre ambos casos
Tal e como está a situación no territorio xudicial, non cabe alegar sorpresa por case nada do que sucede nese eido. A coincidencia temporal do xuízo no Tribunal Supremo contra Abalos, Koldo e Aldama polos presuntos delitos cometidos na adquisición de máscaras na pandemia do COVD coa vista oral que se está desenvolvendo na Audiencia Nacional pola chamada operación Kitchen é unha desas circunstancias chamativas que pode alimentar especulacións sobre a eventual concorrencia dunha vontade de condicionar o impacto mediático dos casos que se están xulgando.
En calquera caso, esta coincidencia favorece que se formule unha interrogante a respecto das semellanzas e diferenzas entre ambos casos. Semella que existen indicios da presenza efectiva dun denominador común: a utilización irregular e fraudulenta de recursos públicos en favor de intereses privados. A partir desta constatación resulta pertinente sinalar as singularidades distintivas. Mentres no Supremo se está a analizar o presunto enriquecemento de dous cargos do Ministerio de Transportes e dun comisionista, na Audiencia Nacional estudase a veracidade dunha operación ilegal promovida dende o ministerio do Interior do goberno de Rajoy para eliminar probas comprometedoras contra dirixentes do PP como consecuencia do caso Gürtel.
Procesos penais como o que agora protagoniza o ex-ministro Abalos xa se viviran na década dos anos 90 do pasado século, na fase declínante dos gobernos de Felipe González. As figuras de Luis Roldán e Mariano Rubio exemplifican algúns dos episodios de corrupción que deterioraron gravemente a reputación ética do que pasaba por ser o principal referente electoral da esquerda procedente do antifranquismo. A posterior chegada da equipa de Aznar ao cimo da Administración central do Estado abriu a porta a unha sucesión de casos de grande transcendencia que propiciaron, finalmente, o triunfo da moción de censura presentada por Pedro Sánchez na primavera do ano 2018.
Se Abalos pode ser cualificado como un xestor público sen escrúpulos que buscou o enriquecemento sen que o PSOE fose quen de controlar a súa traxectoria, os procesados na operación Kitchen foron perfectamente conscientes de que estaban desenvolvendo actividades ilegais que cuestionaban os fundamentos básicos do Estado de dereito que tiñan a obriga teórica de salvagardar
O que se está substanciando na Audiencia Nacional ten menos precedentes na recente historia xudicial e política do Estado español. Tal vez, o único caso que presente algún parecido resida nas derivadas penais -certamente poucas- tramitadas en relación coa existencia e actividades dos GAL. A gravidade dos feitos investigados é indiscutíbel: autoridades gobernamentais do PP ordenando actuacións de funcionarios policiais dirixidas a destruír probas incriminatorias contra máximos dirixentes dese partido. Noutras palabras: a "privatización" dunha parte do aparello do Estado en favor dos intereses dunha elite política involucrada en diversos episodios de corrupción económica. Se Abalos pode ser cualificado como un xestor público sen escrúpulos que buscou o enriquecemento sen que o PSOE fose quen de controlar a súa traxectoria, os procesados na operación Kitchen foron perfectamente conscientes de que estaban desenvolvendo actividades ilegais que cuestionaban os fundamentos básicos do Estado de dereito que tiñan a obriga teórica de salvagardar.
Mais diferenzas para calquera persoa que observe a marcha dos xuízos: a maxistrada que preside o tribunal da Audiencia Nacional mantén un estrito control sobre as intervencións das testemuñas comparecentes invocando reiteradamente os discutíbeis limites discrecionais (entre outros, a non imputación de Mariano Rajoy e Dolores de Cospedal) fixados no seu día por Manuel García Castellón, instrutor da causa e vello coñecido na maxistratura pola súa participación en sumarios contra dirixentes de Podemos e políticos independentistas de Cataluña. En troques, na Sala do Penal do Tribunal Supremo (esa poderosa instancia na que destaca a presenza de Manuel Marchena e que recentemente emitiu unha inxusta sentenza condenatoria de Alvaro García Ortiz, o ex-fiscal xeral do Estado) practicase unha ampla permisividade a respecto das declaracións que emiten as persoas citadas diante desa Sala.
A cristalización do círculo vicioso da xudicialización da política e da politización da xustiza outorga unha vantaxe ao labor concertado do binomio que conforman a dereita xudicial e a dereita política. Certamente, non son bos tempos para as persoas e as organizacións que asumen a defensa cabal dos valores democráticos
Mentres os dirixentes do PSOE asisten con impotencia e preocupación aos eventuais efectos do "caso Abalos" nas complicadas expectativas electorais que se debuxan para Andalucía, Feijoo e a súa equipa practican, sen pudor, unha case insuperábel dualidade declarativa: apúntanse a teoría de que M. Rajoy non sabía o que ocorría no Ministerio do Interior do seu goberno e na secretaría xeral do partido mentres apoian incondicionalmente a un delincuente confeso como Aldama, postulando unha rebaixa na petición de condena para tratar de evitar o seu ingreso no cárcere.
A cristalización do círculo vicioso da xudicialización da política e da politización da xustiza outorga unha vantaxe ao labor concertado do binomio que conforman a dereita xudicial e a dereita política. Certamente, non son bos tempos para as persoas e as organizacións que asumen a defensa cabal dos valores democráticos.