Ningunha estratexia tendente a conter a expansión da extrema dereita vai ter posibilidades de éxito se non se deseña polo menos para un marco rexional, que no noso caso sería o da Unión Europea. Se algo estamos a aprender nos últimos anos é que a Unión non pode darse por sentada, máxime cando os nacionalpopulismos están a organizarse contra as “elites en Bruxelas”. Europa só poderá ser fiel a si mesma se impulsa unha gobernanza socialdemocratizada que asegure os dereitos laborais e sociais da cidadanía, controle racionalmente a inmigración e o asilo con procedementos humanos e garantistas e avogue pola sustentabilidade ecolóxica do planeta, e só será viábel se se federaliza e se dota así dos recursos institucionais democráticos que protexan os intereses da cidadanía no capitalismo globalizado. De feito, os Estados cédenlle cada vez máis soberanía a unha Unión que, porén, non se dota do correspondente aparato constitucional. É dicir: os espazos políticos estatais sofren unha “despolitización” que non se suple cunha “repolitización” do espazo político europeo. O baleiro así creado, orfo de todo debate público aberto, é o que a extrema dereita se ofrece –con éxito– a encher.
Precisamos, alén dos grandes arranxos institucionais, unha educación política e unha cultura do recoñecemento do outro e da solidariedade. Podemos sentirnos galegos e europeos se non nos situamos, con coraxe cívica, de parte dos máis vulnerábeis? Pero para isto debemos tomar conciencia, xa na escola, de que a democracia necesita cidadáns informados, reflexivos e responsábeis, que pensen no ben común e teñan en conta as consecuencias a longo prazo das súas decisións. Aos partidos políticos correspóndelles un papel central, mais a cidadanía non pode renunciar á mobilización. A democracia deféndese na familia, no contorno social, na rúa e na urna. Os bystanders, mesmo cando constituén unha “maioría silenciosa”, son, no mellor dos casos, politicamente inertes.
Coa irrupción da extrema dereita no campo político, os partidos conservadores atópanse subitamente colocados nunha situación delicada. Se queren articular maiorías de goberno poden verse abocados a pactaren co nacionalpopulismo. Obviamente, poden renunciar a ese apoio e contribuír así a un cordón sanitario ao redor de partidos como Vox. Pero está por ver que esta estratexia non contribúa, malia a súa edificante intención, a alargar a base electoral do populismo reaccionario, que tería o pretexto perfecto para afondar no seu oportunista discurso anti-establishment.
Do que non cabe dúbida é de que todo debate político coa extrema dereita debe partir, no noso caso, do programa de Vox. Lembremos o importantísimo documento Hacer España grande otra vez. Non tardaremos en ver interlocutores extremistas que se presenten, por pura conveniencia táctica, como “moderados” e “dialogantes”. Pois ben: deben ser desenmascarados decontado, dado que sempre van apoiar o programa da súa formación. Neste sentido, ademais, os partidos democráticos non deberían renunciar a incorporar á súa estratexia comunicativa elementos narrativos altamente emocionais con que captar a atención dos segmentos cidadáns que constitúen o celeiro de votos da extrema dereita.
Finalmente, non podemos descartar, por contraintuitivo que pareza, os efectos positivos de confrontarmos o nacionalpopulismo con responsabilidades institucionais concretas que poñan de manifesto a inconsistencia do seu pensamento e o desacrediten. Vox móvese moi ben na oposición, difundindo gratis et amore as súas solucións sinxelas e radicais. Outra cousa é ter que negociar, chegar a acordos e, polo tanto, ceder e comprometerse publicamente con solucións nunca totalmente satisfactorias.
Todas estas directrices de actuación poden parecer inxenuas e pouco realistas, puro wishful thinking. Despois de todo, cando reflexionamos sobre o populismo reaccionario temos máis preguntas que respostas. Que é, de onde provén, quen son os seus votantes e cales as súas perspectivas electorais? Así que non debe estrañarnos se tampouco sabemos como enfrontarnos a el. Pero hai algo que non ignoramos: que o neoliberalismo é un irresponsábel experimento de enxeñaría social e un sistema de xestión do capitalismo incompatíbel coa democracia; e que o populismo reaccionario medra moito nun contorno de degradación política e destruturación social, e non precisamente con propósitos virtuosos. Colocamos a democracia nunha situación desesperada e agora agardamos que se salve, porque –e isto é o máis importante de todo o que sabemos– é unha das conquistas máis brillantes da humanidade, e non preservala –non defendermos a liberdade– é o erro máis grave que os cidadáns podemos cometer.