Di Mayor Oreja, que é un exotismo do pasado ao que só airean de cando en cando nese reducto da pluralidade informativa chamadoTelemadrid, que Otegi pode ser o vindeiro lehendakari. E resulta que ten razón, por unha vez. Desde o cese definitivo da violencia de ETA Euskadi cambiou tanto que xa calquera cousa é posible. O PNV e o PP chegan a acordos nas Deputacións e na política fiscal; o PSE e Bildu achéganse en cuestións económicas, e ata nos municipios pode ser que o PP e Bildu voten a mesma cousa.
O País Vasco é agora un cadrado, con catro forzas políticas que poden combinar de xeito diverso en función do tema que se aborde. Xa non é nacionalistas-constitucionalistas, coma na última década, e o eixo esquerdas-dereitas colle peso. O PNV quere castigar aos socialistas por se ter atrevido a botalos de Ajuria Enea, e no PP manda xente de dereitas, pero civilizada, que tratan de saír do furado onde os metera o ex ministro Sandokan.
A paz soñada é unha realidade, e o cambio social é difícil de describir. Neste contexto, no campo nacionalista hai unha loita evidente pola hexemonía. A esquerda abertzale está de volta para ficar aquí, e quere a achega duns obxectivos que non son os mesmos ca os do PNV, por moito sotaque soberanista que collera o partido na etapa de Ibarretxe. Bildu/Amaiur xa goberna ducias de concellos, entre eles Donosti, a Deputación de Gipuzkoa, e ten sete asentos no Congreso. Agora quere a lehendakaritza. E ademáis teñen posibilidades.
O PSE non vai recoller os froitos do seu paso polo Goberno vasco: xestionar a crise (aínda que aquí o impacto é moito menor ca en España, cunha taxa de paro do 10%) e o feito de estar atado polo PP desdibuxou o descurso tradicional socialista. O PP está en proceso de mudanza pero aínda necesita tempo para penetrar en capas do País que xamais conectaron coa herdanza de Aznar. E o PNV precisa definirse dunha vez por todas: a marcha de Ibarretxe coincide cunha perda de poder institucional (o Goberno vasco e dúas Deputacións) que obriga a reorientar a praxe política. A prioridade xa non é o dereito de decidir, senón demostrar que son serios e de confianza. A man de Íñigo Urkullu aguanta firme a corda dunha formación á que non se pode minusvalorar.
E aquí chega a esquerda abertzale con varios socios (EA, Aralar, Alternatiba) dispostos a conformar un polo soberanista que ruba, desde o goberno, a onde ETA nunca chegou con sangue e Titadyne: á independencia pola vía escocesa. Arnaldo Otegi aínda mantén un magnetismo absoluto, e a proposta de Amaiur conecta cos seus votantes tradicionais e con moita xente nova que vai cansa dos políticos profesionais. Amaiur (co nome que sexa finalmente) pode gañar as eleccións autonómicas do 2013 (se non hai adianto electoral, algo non descartable), e o candidato Otegi pode convertirse en lehendakari. Si, Otegi aínda está no cárcere, pero supoñemos que non por moito tempo. Non se pode manter o contrasentido de que a persona que máis traballou pola fin de ETA estea entre reixas por colaborar con ETA. A xustiza en España xa non pode dar máis turradas desta caste.
O PNV no ten cabeza de cartel, aínda, pero colle peso a opción de Urkullu como home de consenso e confianza. Así que a escena pode ser apaixoante: Patxi López, Antonio Basagoiti, Íñigo Urkullu e Arnaldo Otegi loitando pola presidencia vasca. Euskadi non é país de maiorías absolutas, polo tanto os acordos poselectorais darán ou quitarán chaves. Non sei quen gañará, pois as cousas estarán moi axustadas, pero si me atrevo a aventurar que o Parlamento vasco dos próximos catro anos vai ter unha maioría nacionalista esmagadora, que andará polo 70%. Ao PP máis lle vale abandona as estratexias tipo Intereconomía con Euskadi, ou acelerará as ansias independentistas. E non só ao PP, España debe entender que hai varias sensibilidades e identidades neste país. Internamente xa están aprendendo a convivir. Esta Euskadi é outra. Vide comprobalo.