Otegi vs El Cid

Arnaldo Otegi Dominio Público Praza Pública

A Brunete mediática supurou brume estes días pola entrevista ao coordenador xeral da segunda forza política basca no programa nocturno da canle informativa da tele pública estatal. Houbo chamadas ao boicot, alegatos en memoria das vítimas do terrorismo e explícitas soflamas que vinculaban a aparición televisiva do líder abertzale cun apoio á investidura presidencial de Pedro Sánchez.

Porque o certo é que a coalición (legal, pacífica e democrática) que representa Arnaldo Otegi, aliás de 1254 edís, 39 xunteiras forais, 25 parlamentarias autonómicas, 1 eurodeputado e 2 senadoras ten 4 deputadas nas cortes españolas. Ai é nada, e sen embargo non parecen razóns suficientes para merecer uns poucos minutos na (repito) canle informativa da tele pública estatal, (e engado) minoritarísima e carente de influencia, cunha audiencia que non chega ao 1%.

Otegi, que a ollos do común da comunidade internacional xogou un papel determinante na desaparición de ETA, segue a ser para a dereita española un perigoso terrorista inválido para se dirixir á opinión pública através dos medios de comunicación so pena de poñer en quebranto el sistema de liberdades democráticas del que nos hemos dotado en un estado social y de derecho al amparo de nuestra constitución… e toda esa barrila que coñeces tan ben coma min.

Á mesma hora, no denominado prime time televisivo, por volta das 10 da noite, a segunda canle de TVE agasallábanos coa proxección de El Cid, protagonizada por un afanado Charlon Heston e unha Sophia Loren rechumida e xélida. Non é que estexa eu en contra da emisión do filme, básicamente porque si creo na liberdade de expresión, e na democracia, e na cultura… e nun senfín de cousas que me diferencian dos ayatolas españois. Pero quizáis, talvez, se cadra, sería boa cousa unha notiña introductoria, un breve prólogo, uns apuntes sintéticos, non pido xa un documental ou unha noite temática, non. Pero a ver, nunha sociedade democrática minimamente sá non está de máis contextualizar e informar á cidadanía de que o que se vai proxectar pola televisión pública estatal é unha película propagandística da última ditadura fascista de Europa que gobernou o estado español durante catro décadas.

A ninguén se lle escapa o privilexiado das relacións entre os Estados Unidos e a España de Franco, intensificadas nos anos álxidos da guerra fría, que culminaron coa sinatura dos tratados de amizade e cooperación rubricados en Madrid no 1953 e que cimentaron unha colaboración que, aliás do político, militar e económico, abrangueu o ámbito social e cultural. Asi chegouse á expresión máxima do amor trasatlántico no apoteósico recibimento que Franco tributou a Ike Eisenhower no 1959, curiosamente o ano no que comezan os traballos de producción do filme de Anthony Mann.

Que El Cid é unha peli facha non é unha afirmación lixeira ou gratuíta; hai soporte documental (oficial) que o testemuña de xeito irrebatíbel e a maiores (como diría o outro) os feitos son teimudos: botouse man do enlace yanke de cabeceira en cuestións cinematográficas para o réxime, Samuel Bronston, sobriño de Trotsky e propagandista activo da Cruzada; “en España se respira una paz sin histerismo” relataba meloso cando no extranxeiro lle preguntaban pola dictadura franquista.

Sendo como é a cinta un compendio de trolas históricas ao servizo da España eterna, non lle interesaba á dictadura que figurara capital español como parte produtora da cinta, porque xa sería dar o cantazo demasiado. E aí estaba o bó de Sammy que nun plis-plas enxendrou El Cid como unha producción italonorteamericana, resultando a cousa moito máis discretiña a ollos do universo mundo.

A ditadura non só aplicou gustosa as exencións fiscais habituais estabelecidas no momento para este tipo de películas, non. Decretouse a cesión e uso gratuíto de todos cantos espazos públicos e privados precisasen, mobilizouse poboación civil por iniciativa gubernativa para facer de extras e empregáronse recursos técnicos, loxisticos e humanos (soldaditos de España) para a realización do filme. Por se fora pouco, o estado franquista declarou a El Cid “película de interés nacional” e por suposto Juan Carlos de Borbón que daquela (como agora) era un home libre, visitou a rodaxe.

Ven agora a pregunta do millón: Despois de ausumir o custo da producción de El Cid, cal foi a seguinte película que, neste caso con finanzamento directo estatal, rodou Samuel Bronston na España de Franquito? Tic, tac, tic, tac… un maravilloso documental chamado, (pásmese señora) El Valle de los Caídos.

Pódese facer unha avaliación do valor artístico da peli, e sería un debate apaixoante. Mais pódese facer tamén unha avaliación do valor histórico da peli, e abrir asi a porta a unha avaliación política dun filme que (non é que o diga eu, e que o dixo a propia ditadura) foi unha arma publicitaria do franquismo.

Pero a estas alturas da película (sic.) o sorprendente non é que Franco se currase un bo rollito cos americanos e a cambio de venderlles a súa propia soberanía para perpetuarse no poder estes lles fixeran películas molonas. Non, o que resulta vergoñento é que estas películas se difundan e incorporen ao imaxinario colectivo, á cultura popular, á grella dunha tele (pública!!) sen a máis mínima contextualización, como se fose “normal”. Imaxina alguén que as produccións audiovisuais nazis rodadas por Riefenstahl ou Frentz ao ditado de Hess, Goebbels ou o propio Adolfo sexan emitidas na Alemaña actual sen a máis mínima advertencia. Pois España, aplícate el cuento.

Pero non, Spain is different: editoriais radiofónicos, tertulias, portadas xornalísticas, preguntas en roldas de prensa, a bó seguro que o tema chegará ao parlamento… por unha entrevista ao referente dunha forza política legal, pacífica e democrática que votan 350 000 bascos.

Jimena, por el Rey Alfonso, por Dios y por España!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.