Ou berramos xuntas, ou ninguén o fará por nos

De novo xa está aquí Novembro, o mes do ano que peor levo, con diferencia, polas razóns que vou a explicar.

Novembro é o mes “lavaconciencias” por excelencia. Durante uns días, semella que esperta o que durante o resto do ano durme placidamente: A solidariedade, a preocupación e a implicación coa loita pola violencia machista e coas súas vítimas, que retornarán ao seu sono o día vinte e seis, sen mais complicacións e unha vez se baixe o pano dunha función feita con mais ou menos gusto, que non é senón o postureo mais descarado a costa de  tanta dor e de tantas vidas salvaxemente segadas.

Ata esa data, os medios de comunicación recollen as manifestacións, actos e entrevistas nas que participan persoas públicas con cargos mais ou menos relevantes, aspirantes a selo e representantes de institucións, que non dubidan, ademais de aproveitar para ter o seu momento de gloria e tentar medrar mediática e profesionalmente, en pintarnos un panorama optimista, disfrazado de estatísticas e datos presuntamente prometedores que tentan mostrar a sociedade en xeral e as vítimas da violencia machista en particular que a atención e a protección que se lles brinda é esmerada e pouco menos que as blinda contra os posibles ataques do seu agresor.

Anuncios de pactos e solucións case máxicos, alarde de medidas de protección que non se axustan nin de lonxe as que se aplican na realidade, tentan disfrazar por uns días a cruel e dura realidade: Que a nos, as mulleres, nos seguen matando, e que, nos guste ou non admitilo, a violencia machista segue a considerarse unha cuestión secundaria e que, por mor disto, xa acadou un lugar na nosa sociedade, un lugar no que chegou, se asentou, e se normalizou dun xeito tan natural e tan sólido que xa semella que vai ser imposible arrebatarllo, basicamente porque é alimentada e  asentada dun xeito mais firme cada día.

Cóntannos que cando unha muller maltratada acude, sacando o valor de quen sabe onde, a unha comisaría a denunciar ao seu agresor, normalmente despois de sufrir durante moito tempo toda clase de humillacións, vexacións e agresións, de xeito case inmediato se activa un dispositivo pouco menos que milagroso, grazas ao cal se lle vai protexer contra todo intento de agresión, ademais de asegurarlle unha compañía constante nas súas obrigadas visitas aos xulgados e demais trámites derivados da súa denuncia.

O que ninguén nos conta, e que, cando, alentada por estas expectativas, tentando dominar o seu terror, case sempre bloqueada e nun estado psicolóxico e pode que tamén físico sumamente precario e vulnerable, vai ser ela a que teña que demostrar con toda clase de evidencias que o que está a dicir é verdade, porque aquí, xa se sabe, todo se fai rigorosamente polo manual, e o manual non entende de particularidades, nin de sentimentos. É igual para todas e para todos, sen matices, motivo polo cal ao maltratador sempre se lle outorga non soamente a presunción de inocencia, senón que se lle respecta, por riba de todo, o seu dereito a liberdade, malia que sexa unha auténtica bomba de reloxería  susceptible, e sobre isto no hai ningunha dúbida, de estalar en calquera momento.

É a propia vítima a que ten que demostrar a veracidade da súa declaración, aportar as probas que a avalen, e será, aínda así, posta en dúbida, cuestionada, e quen sabe si estigmatizada se non consigue convencer ao seu auditorio. 

Se non hai unhas feridas evidentes, se a malleira non foi de tal calibre que non hai xeito de negar o que é traxicamente obvio, esas medidas de protección das que tanto se fala, pero das que poucas se benefician, posiblemente non chegarán nunca, deixando a vítima nunha situación aínda mais perigosa da que tiña antes da denuncia, xa que, aqueles que se supón tiñan que protexela, non soamente non o fan, senón que a deixan a mercé dun maltratador aínda mais agresivo ao saberse denunciado.

Pero, que mais ten? Quen non lle presta, tendo a obriga de facelo, a atención e a protección a que toda vítima de violencia machista ten dereito, sabe a ciencia certa  que esta omisión non lle vai traer consecuencias.

A mermada  autoestima dunhas mulleres acostumadas a ser desprezadas, ninguneadas, e a aceptalo ademais como algo que merecen, unidas a unha situación de medo prolongada que as esgotou psicoloxicamente, fan que acepten como algo natural e mesmo merecido que se lles deixe aos pes dos cabalos. É esa indefensión aprendida da que tanto se fala, e que, contra toda lóxica e faltando as premisas xa non profesionais, senón da humanidade mais elemental, se encargan de fomentar aqueles que se supón deberían de protexelas.

O resumo de todo isto é sinxelo. Tráxica e tristemente sinxelo.

A violencia de xénero continúa sendo unha cuestión secundaria, e nos, as vítimas, seguimos sen ser tomadas en serio.

Por todo isto, así as cousas, eu quixera, para rematar, facer chegar unha mensaxe a todas vos, mulleres que estades a sufrir non soamente a violencia de xénero, senón a indiferenza daqueles que deberían de protexervos:

Soamente nos queda tomar nos as rendas. Esixir que se nos trate coa dignidade e co respecto que merecemos, non como casos de segunda clase, cando non como sospeitosas ou mesmo culpables dun delito.

Estannos matando, e ninguén semella estar disposto a frear esta barbarie, por eso, mulleres, compañeiras, temos que sacar valor unha vez mais de onde sexa, e berrar xuntas que xa abonda, que non estamos dispostas a tolerar que este desatino continúe, que se xogue coa nosa dor, coa nosa desgraza.

Temos, en definitiva, compañeiras, que berrar todas xuntas, porque, de non ser así, ninguén o fará por nós.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.