Outono electoral no sur de Europa

O día 20 en Grecia. O 27 en Catalunya. E o 4 de outubro en Portugal. Nas vindeiras tres semanas van ter lugar citas electorais moi relevantes no sur de Europa.

Cabe identificar un elemento común presente nas tres consultas: a incertidume sobre o peso que terá a posición das elites dominantes da UE no comportamento final dos tres electorados

Os tres países teñen tradicións, estruturas e dinámicas políticas suficientemente diferenciadas como para pretender unha análise lineal e indiferenciada dos factores que van condicionar os resultados das urnas. Porén, cabe identificar un elemento común presente nas tres consultas: a incertidume sobre o peso que terá a posición das elites dominantes da UE no comportamento final dos tres electorados. En Grecia e Portugal, as decisións da “troika” teñen sido determinantes na evolución económica e social dos últimos anos e alteraron os vectores habituais nos que se desenvolvía a confrontación entre as distintas forzas políticas. No caso de Catalunya, a singularidade destas eleccións ao Parlament (coñecer o volume de persoas favorábeis e contrarias a unha futura independencia) revaloriza notabelmente a incidencia que poda ter nos votantes do 27-S a posición que manteñen as institucións da UE e o propio goberno alemán.

De xeito mais tácito que expreso, a presión sobre os corpos electorais xa está formulada: vostedes poden votar o que queiran pero se desexan seguir no club selecto residenciado en Bruxelas non deberán apoiar aquelas opcións que non gozan da total aquiescencia dos poderes fácticos comunitarios. Esta foi a lóxica que se aplicou en Grecia a partir do triunfo de Syriza no pasado xaneiro e, agora, é a que pendura sobre o desenlace da consulta catalana. As previsións demoscópicas que se manexan no veciño Portugal non deberían suscitar preocupación nos despachos da UE:mantense a hexemonía dos partidos tradicionais e só cabe pensar no relevo da dereita gobernante por un PS que aceitou os duros programas de intervención deseñados polo FMI, BCE e Comisión Europea. Curiosa asimetría a que se rexistra neste outono electoral entre a beira atlántica e a mediterránea.

A experiencia de Syriza certifica a necesidade dunha dinámica mais ampla na que se impliquen sectores relevantes dos chamados “Estados centrais” europeos

Despois da contundencia exhibida polos dirixentes comunitarios en Grecia, ábrese un período decisivo para saber que marxes de manobra existen para cambiar o actual modelo de construción europea. Estamos ante un conflito que precisa dun proceso de complicidades sociais plurinacionais. Non é posíbel acometer semellante tarefa nun único País. A experiencia de Syriza –mais alá dos erros graves que puideron cometer os seus principais responsábeis- certifica a necesidade dunha dinámica mais ampla na que se impliquen sectores relevantes dos chamados “Estados centrais” europeos. A espectacular vitoria acadada por Jeremy Corbyn nas eleccións internas do Partido Laborista británico alimenta algunha esperanza sobre ese necesario cambio nos vellos aparatos políticos existentes no espazo da UE.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.