O equinoccio de outono chegou cheo de pérolas escolares e outras baratezas que testemuñan os devastadores efectos de legalismo ideolóxico na paifoca oligarquía que goberna en Madrid. O Consello de Ministros vén de dar outra virada na operación Cataluña: a teoría das "manifestacións tumultárias" achanta o delito de sedición como figura punitiva que pasaria a ser atribuida as concentracións cidadás do mércores diante da conselleria de Economía da Generalitat e o dias seguintes diante do TSJC e da Ciutat de la Justícia de Barcelona. O cara-lavada Méndez de Vigo, ministro "grande de España" que xurou diante a Biblia e unha cruz de ouro, acrescentaba que utilizarian "todos os medios para que se cumpran as normas dun Estado de Dereito". Entre outros, propagar o medo declarando "materialmente " o estado de excepción en Cataluña ou decretar o control dos Mossos d'Esquadra ás ordes dun coronel, irmao do anterior presidente do TC, que ditou as primeiras sentenzas contra o Procés.
A ficción do "estado de dereito", de brazo dado doutras como "pobo soberano", teñen servido para alimentar a lóxica de goberno e as prácticas políticas que serviran en toda parte na xestación dun pobo suplementar ao que está encarnado no Estado. Alén diso, o devalo dos procesos emancipatorios levou á acomodación da lóxica do sistema oligárquico como única realidade e solución tamén única , o sistema que outorga á minoría máis forte o poder de gobernar e artellar unha maioría e unha oposición espello. O resto, o que fica fora dese contexto dinástico, chámanlle "populismo". Quer como radicalización, quer como populismo, preténdense delinear formas de secesión a respeito do consenso dominante, que no estado español corresponde aos oligarcas administradores cuxa maior gloria ten sido a súa adscripción funcionarial ao Estado e a formulación dun discurso, por veces apocalíptico, que encerra o que Jacques Rancière chama "odio á democracia", quer dicer, á turba tumultuária. Cando o significante democracia se torna un ríxido operador ideolóxico que despolitiza as cuestións da vida pública agochando así a dominación das oligarquías estatais, cando fica fixada a democracia nunha forma de sociedade asimilada ao ditado das oligarquías económicas e o apetite do individuo "democrático" e do "consumidor".
Desde 2012, quen tiver fitado con atención as rebuldeiras manifestacións veciñais e familiares de millóns de persoas en todo territorio falando catalá, castelán, galego ou árabe tería reparado que a cousa ía de "natividades" e "resistencias" e non de accións subversivas ou sediciosas. Porén, a estratexia do medo precisa ir conformando unha estereotipa que reduza esas manifestacións a unha imaxe de radicalización que resulta contodo grotesta e desatinada. Eis o paradoxo de que non haxa suficiente policia- porque seica están na Cataluña porlle surdina a incontrolabel e ubicua potencia de quen parece estar de xoldra e non nunha demorada manifestación política- para protexer aos asistentes da asemblea pola referendo de Podemos en Zaragoza da agresión de centos de ultras. Porque é a creación da imaxe de radicalización quen achega o pretexto de se o goberno español non consigue impor a súa lexitimade é a causa do teimosos humores desas personiñas que atrapallan o tráfego ou ten a teimosa vontade de repartir papeletas. Porque na mofa mediática e no manifesto falsario ignórase que a democracia é antes do mais o confronto de lexitimidades e outras continxencias, esvaramentos e reviravoltas.
Apesar diso, o roteiro autoritario practicado polo goberno español precisa tipificar o exercizo sen exección de liberdade soberana como manifestación "tumultuaria" para que prevaleza a excepción do Estado e a lóxica consensual ( atada e ben atada). Segundo a lóxica xudiciaria de tipificación ex ante da radicalización conformando así a percepción e recepción do acontecimento por vir. Así, facer parte dunha mesa eleitoral, facer campaña a favor dun referendo non constitucional- mas non ilegal- ou participar na organización ou exercer o voto tórnanse actividades susceptibeis de seren delituosas e, portanto, punidas (a tipificación da desobediència e da sedición pode custar inhabilitacións, multas e presión).
Mais cando non hai máis do que unha só realidade que elidindo calquer interpretación só deixa espazo para o mesmo, quer sob a forma da sobreadaptación, quer a repetición das mesmas respostas, o vieiro posibel é a "supplémentation politique". Suprir ou compensar a deficiencia dunha democracia que como a española derivou nun sistema consensual para quen pouco importa que a elección popular escolar un oligarca de dereita ou de esquerda. Na contorna intelectual e mediática española o discurso dominante coincide co pensamento censitario próprio do século XIX. Por outras palabras, a individualidade é cousa da caste e das elites. Se os contrarios á independencia fosen a votar, a represión xudiciaria do goberno español ficaría en evidencia. Non é que a abstención determinara o contrario, mas fica ben á vista o paradoxo esencial da política, o que para Rancière é disputa que se libra no interior da demokratia: "porque democracia non é unha constitución nen apenas a turba reunida mas o poder propio do que non teñen mais título para gobernar que para seren gobernados" . E como non é posibel zafarse dese poder, nós, a turba tumultuária e barulleira somos o aquén de toda instancia de poder, a autodeterminación alén do poder de todo estado. Porén, a grande arela da oligarquía que ten embargada a democracia española sempre foi gobernar sen pobo, o que en 2005 Rancière denominaba "gobernar sen política" (La haine de la démocratie), a visión consensual inherente á lóxica do sistema oligárquico.
Levamos tempo divagando e discutindo en medio dunha platitude binomial que obvia que a multitude mobilizada nos últimos anos non axiu por decreto ou como simples reacción defensiva. Se nalgures houber esa práctica reactiva, á xeiras e con erros incluidos (como a tramitación do dia 6 no Parlament), xa ten virado en productividade creativa. Que o que hai por detrás da lei é apenas á noción primitiva da elección que practica o goberno español como aprobación que o pobo outorga ao experto, porén a práctica pro-activa da liberdade a favor do autogoberno talvez alicerce nunha crescente comprensión de que é o Estado quen axe reactivamente pola via xudicial contra quen ten formulado a acción política como soberanía, quer dicer, como exercizo afirmativo de liberdade. Un exercizo soberano que se substancia na libre decisión de abrir a porta sen permiso.
De aí que a estratexia de sementar pánico con amezas, admoestacións, onerosas multas e tipificacións penais teña como correlato unha espontánea afirmación democrática na rúa, un acrescento na xente da vontade de votar. Na xeira acción-reacción en que derivou a estrateixa de Rajoy respostando cada acción do soberanismo cunha acción xudicial, quen sae estragada é a división de poderes.
Remato de escribir estas liñas recén vido de unha desas concentracións "sediciosas" en Girona, con música e poesía. Non é que fora apañado in fraganti en pleno día de paseo dominical porque levo participando nelas hai anos. Acho que estou encerellado nun irremediabel andazo de ilegalidade.