Outra Europa é posible: aproveitar as oportunidades

Dominio Público

O proxecto de construción neoliberal da Unión Europea atópase nun momento no que crece a sensación de rexeitamento. De diversos países, axentes sociais, partidos políticos e cidadáns, xorden voces contrarias ao actual devir europeo. Desde o Brexit ata a auxe da extrema dereita na práctica totalidade do continente, pasando polo M5E e a Liga en Italia e por tentativas previas de saída da Unión como a de Grecia, temos múltiples exemplos dese descontento.

Medidas como a apuntada por Joseph Stiglitz para a creación dun euro flexible que permitise a recuperación das políticas económicas para os territorios deben chegar a ser tratadas 

O certo é que a actual construción, liderada por Alemaña, está a producir a aparición de gañadores -as rexións centrais e máis avanzadas- e perdedores -os territorios periféricos e menos desenvolvidos- do proceso. 

Isto prodúcese por varios motivos, pero fundamentalmente tres. En primeiro lugar, coa sinatura de tratados como forma de gobernanza, a existencia de institucións non democráticas con poder de decisión económico (FMI, BCE…) e a adopción do Euro, subtraeuse a capacidade dos países de implementar políticas ad hoc para atender ás súas necesidades. Este empobrecemento da democracia aflora ante procesos como o nomeado Brexit, no que a vontade do pobo inglés -acertada ou non-, atópase con todos os atrancos para ser cumprida. En segundo lugar, polo aumento das desigualdades consecuencia da implementación dunhas políticas neoliberais deseñadas de maneira vertical e desde o lado da oferta que, sen embargo, deberían lograr a cohesión. En terceiro lugar, cómpre sinalar a insuficiente cantidade de recursos para os territorios con máis dificultades no desenvolvemento (o 1% do PIB dos países resulta unha cantidade exigua para o conxunto da UE).

Neste estado actual de construción, e desde o punto de vista dun territorio periférico como Galicia, poden existir varias alternativas de acción, sendo probablemente as principais dúas, tal como defende Frédéric Lordon: por unha banda, a primeira opción sería a saída radical dun proceso de construción que non responde ás necesidades dos cidadáns, mentres pola outra sería a creación dunha nova orde social e institucional á marxe do liberalismo da propia UE, o que permitiría dar pasos na recuperación da economía ao servizo dos cidadáns, fronte ao actual sometemento dos cidadáns á economía. 

Podería ser unha opción para recuperar parte da soberanía económica perdida, soberanía que deberá ser empregada para comezar unha construción europea alternativa

Sen entrar a valorar cal das dúas alternativas sería máis apropiada, é preciso puntualizar dúas cuestións. No caso dunha saída radical, sería preciso contar con maior investigación e un plan de continxencia do que non dispoñemos aínda (a que estamos agardando?), para minimizar o impacto desa decisión. No marco da segunda das ideas, atoparémonos en breve prazo nun momento clave nese proceso de construción europeo. Tanto se produza a saída do Reino Unido da UE como non, esta situación abrirá un proceso de negociación de condicións por ambas partes, momento e clima que, segundo Antoine Schwartz, podería ser aproveitado -entre outras cuestións- para reformular políticas como a da moeda única. Ademais, cómpre non esquecer que o mandato da chanceler alemá Ángela Merkel vai achegándose á súa fin, o que tamén podería deixar un oco de liderado no modelo europeo a seguir. Nun escenario deste tipo, medidas como a apuntada por Joseph Stiglitz para a creación dun euro flexible que permitise a recuperación das políticas económicas para os territorios deben chegar a ser tratadas na UE con profundidade. Para que esta alternativa fose posible, sería preciso ir tecendo unha rede de alianzas cos restantes territorios periféricos e menos desenvolvidos e contar coa participación do eixo francés.

De producirse este último escenario, podería ser unha opción para recuperar parte da soberanía económica perdida, soberanía que deberá ser empregada para comezar unha construción europea alternativa que permita colocar ás persoas no centro da toma de decisións. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.