Outra máis

Persoal médico nunha protesta pola situación da Atención Primaria CC-BY-NC-SA BNG A Coruña

O 05/05/2021 aparece en La Voz de Galicia (órgano de transmisión das noticias da Consellaría de Sanidade e do señor Feijóo antes de que as saiban os propios interesados) e dí: “Os médicos verán incentivado o seu salario se cumpren unha serie de obxectivos”. Vista a noticia, parece algo positivo para un colectivo que estivo dende o principio da pandemia como primeiro elo dunha cadea que non sabíamos como terminaría. Lida a noticia, aparecen declaracións do señor Aboal, director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas (e autor das estratexias para os traballadores) e o que realmente di a noticia é “que os médicos perderán parte do seu salario se non cumpren unha serie de indicadores incluídos no Complemento de Produtividade Variable (de 1.200 euros ao ano……), que consiste en manter o 60% de presencialidade na atención nos centros de saúde e unha lista de agard, menor de 4 días, mesmo para chamadas telefónicas”. 

Coñecida a noticia, os sindicatos, os colexios médicos, as organizacións sociais e de profesionais, a Plataforma SOS Sanidade Pública, a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública, etc. puxeron de manifesto a súa indignación e a súa repulsa por tales declaracións de intencións dunha Consellaría que só fai enfrontar a poboación cun colectivo que estivo a pé de obra dende o minuto un da pandemia (e con moito custo, mesmo en vidas). 

Pregúntome: quen dita as ordes de actuación dos profesionais sanitarios nos centros de saúde? Quen fai o desmantelamento máis intenso da Atención Primaria en Galicia? Quen deixa de investir o que a Sanidade Pública precisa para ofrecer unha asistencia universal, gratuíta e de calidade? Quen é o responsale, nos últimos 11 anos, de elaborar a política sanitaria de recortes, privatizacións, pagametno de medicamentos por parte dos pensionistas, falta de previsión ña hora de ter profesionais que cubran as vacantes doutros traballadores? 

Quen ditamina que non teñamos suficientes traballadores nos centros de saúde, como psicólogos clínicos, fisioterapeutas, traballadores sociais, logopedas, etc. para poder ofrecer unha atención integral e de calidade e nun tempo prudencial? Quen eliminou a participación cidadá na toma de decisións da estratexia de mellora da calidade asistencial, suprimindo o Consello de Saúde de Galicia e os Consellos de Saúde de Área Sanitaria? Quen eliminou as Xerencias de Atención Primaria e deixou como órgano de decisión a Xerencia de hospital de cabeceira de comarca? Quen eliminou catro áreas sanitarias (recordemos Verín) cos perxuízos ocasionados a esas poboacións? Quen?

O responsable é o señor Feijóo e a xente que leva con el todos estes anos, facendo que a Sanidade Pública en Galicia, por moito que a venda (e como vemos fano moi ben), ten unha serie de déficits ocasionados directamente por quen nos goberna. Os traballadorxes, sanitarios e non sanitarios, non temos a capacidade de decidir como, cando, con que medios e en que momento? Realizamos o noso traballo. Deixe xa de facer chantaxe aos traballadores! As axendas fanas as xerencias dos hospitais, a forma de traballar (60%-40% agora... E antes só telefónica) ditamínaa o/a xerente da cada Área Sanitaria, seguindo as directrices dos “responsables sanitarios” que toquen.

Levamos catro conselleiros de Sanidade, pero a política sanitaria sigue sendo a mesma. 

Teñen as conclusións do Consello Técnico de Atención Primaria de Galicia dende novembro do 2019; 15 Comisións Técnicas e 208 persoas traballando arreo e que, se a Administración quixese, o Novo Modelo de AP de Galicia estaría funcionando... E se investisen o necesario, teríamos un plan que mellore a atención da xente, que achegue os profesionais aos doentes, que permita que se faga atención comunitaria, prevención, atención domiciliaria de calidade, etc.

Se temos o sistema sanitario que temos, é por culpa dos que nos gobernan. Eeu digo: se non fose polos profesionais sanitarios, a calidade asistencial sería aínda peor.

Ah! E a segunda reforma da Lei Galega de Saúde de Feijoo é inconstitucional, como así lle dixemos cando a tramitou.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.