Outras eleccións xerais en xuño?

Comezaron os contactos de Pedro Sánchez coas distintas forzas políticas para conseguir a súa investidura como Presidente do Goberno. Están previstas entrevistas con nacionalistas vascos e cataláns (con estes últimos, segundo Pedro Sánchez, para comunicarlles que non queren o seu apoio), con Compromís da Comunidade Valenciana (foi en coalición con Podemos, pero está no grupo mixto), con Coalición Canaria e Nueva Canarias (foi en coalición co PSOE, pero tamén está no grupo mixto) etc. Está confirmado que a portavoz de En Marea participará nas negociacións dentro da delegación de Podemos. O PSOE marxina a Galiza ou é que non teremos voz propia e protagonismo nesas conversas porque, como explicou Iñigo Errejón, portavoz de Podemos: “Somos un solo grupo parlamentario plurinacional y por tanto negociamos con una sola voz”.

Lamentablemente, a aritmética parlamentar non dá, en principio, moitas posibilidades a Pedro Sánchez para conseguir a súa investidura como Presidente do Goberno: acadar a maioría absoluta (176) na primeira votación e máis votos a favor que en contra nunha segunda votación. O dilema está en que a participación duns nun acordo, exclúe a outros. Podemos xa manifestou que non estará en ningún caso nun acordo con Ciudadanos e estes tamén manifestaron que non queren saber nada con Podemos. O PSOE non vai dar o seu voto a un goberno do PP e este non vai apoiar ningún goberno presidido polo PSOE. Polo medio, os chamados baróns do PSOE non admiten o dereito a decidir, nin de autodeterminación e referendo en Cataluña. E Podemos ten o compromiso –por iso tivo bos resultados en Cataluña a candidatura auspiciada por Ada Colau– de defender eses dereitos se está no goberno.

En definitiva, todo indica que os 17 votos dos independentistas cataláns poden ser decisivos, pero nin PP, nin PSOE poden negociar con eles polas repercusións negativas que tería para as súas expectativas electorais. Por outra banda, tanto PP como PSOE, Ciudadanos e Podemos preséntanse como a “garantía para a unidade de España”.

Se Pedro Sánchez fracasa no seu intento de presidir o goberno, estamos condenados á repetición das eleccións xerais no mes de xuño e se, como é posíbel, non hai unha variación importante no actual reparto dos escanos, tería moitas posibilidades de triunfar a tese de Felipe González, que conta con importantes apoios no PSOE: un goberno do PP (presidido por Rajoy ou outra persoa), co voto favorable de Ciudadanos e a abstención do PSOE.

Pode haber novas eleccións xerais antes do verán, mais en Galiza ninguén fala deste tema e tampouco aparece na axenda da Asemblea Nacional do BNG. Nesa perspectiva, son moitos os interrogantes que hoxe están sen contestar: manterán Podemos, EU e Anova a fórmula electoral de coalición, que impediría, novamente, a consecución dun grupo parlamentar galego? As mareas esixirán unha maior participación desde a base –e non o papel de meros acompañantes das decisión tomadas polas cúpulas dos partidos– para elaborar o programa electoral e para elixir os candidatos e candidatas en primarias abertas, tal e como corroboraron nas recentes asembleas da Estrada e A Pobra do Caramiñal? Podemos presentará candidatura propia? Imporán como cabeza de lista a uns candidatos e candidatas elixidos fóra de Galiza, como no anterior proceso das eleccións xerais? Manterá o BNG a súa xenerosa oferta das pasadas eleccións xerais para derrotar o PP (candidatura unitaria de nacionalistas e das esquerdas alternativas ou rupturistas, con centro de decisión en Galiza, para conseguir grupo parlamentar galego), ou rexeitará na Asemblea Nacional do 28 de febreiro todo tipo de confluencia, alianza, coalición ou negociación con En Marea?

Está moi ben falar hoxe das eleccións autonómicas, mais as organizacións políticas que se marcan como obxectivo acabar co goberno do PP no Estado e en Galiza, deberían comezar a deseñar a súa estratexia para o caso de que se celebren unhas novas eleccións xerais en xuño que, por outra banda, poden coincidir coas autonómicas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.