Despois de atacar vorazmente á sanidade e á educación, a voráxine de privatizacións na que o Estado español está inmerso apunta un novo obxectivo: a seguridade. A nova Lei de Seguridade Privada amplía as funcións das empresas nun sector do máis suculento.
Segundo os datos de 2012 publicados por Interior, a seguridade privada conta con 1.490 empresas que dan traballo a unhas 85.000 persoas e facturan 3.215 millóns de euros
O ministerio que dirixe Jorge Fernández Díaz xustifica esta nova regulación na necesidade de dotar a España dunha normativa adaptada aos tempos que corren, pois a anterior é de hai vinte anos. Pero tras esta xustificación agóchase un negocio que creceu extraordinariamente nos últimos anos. Segundo os datos de 2012 publicados por Interior, a seguridade privada conta con 1.490 empresas que dan traballo a unhas 85.000 persoas e facturan 3.215 millóns de euros.
Unhas cifras elevadas que deben poñerse en contexto: segundo datos de 2012, en España hai case 82.000 gardas civís e algo máis de 71.000 policías nacionais, en total máis de 153.000 axentes das Forzas de Seguridade do Estado. Isto indica que os profesionais privados xa superan a metade dos dous corpos públicos xuntos. Ademais, nos últimos anos os Sindicato Unificado de Policía (SUP) ten denunciado a diminución dos seus axentes ao non convocarse oposicións para cubrir xubilacións e baixas. Ambos os dous corpos perderon no último ano case 2.000 membros.
Nos últimos anos os Sindicato Unificado de Policía (SUP) ten denunciado a diminución dos seus axentes ao non convocarse oposicións para cubrir xubilacións e baixas
Estes postos de traballo desvíanse ao sector da seguridade privada, a quen esta lei equipara coas Forzas de Seguridade do Estado establecendo entre os seus deberes "complementalo monopolio da seguridade que corresponde ao Estado, integrando funcionalmente os seus medios e capacidades coma un recurso externo da seguridade pública" e "contribuír a garantir a seguridade pública, previr infraccións e a achegar información aos procedementos relacionados coas súas actuacións e investigacións". Así pois, a seguridade privada complementará á pública, coordinándose con ela baixo o seu mandato.
A nova Lei Seguridade Privada atribúelle novas funcións ás empresas, ata agora só permitidas aos axentes públicos, como a vixilancia perimetral dos cárceres e dos centros de internamento de estranxeiros (CIES)
Ademais, a nova Lei Seguridade Privada atribúelle novas funcións ás empresas, ata agora só permitidas aos axentes públicos, como a vixilancia perimetral dos cárceres e dos centros de internamento de estranxeiros (CIES); así como amplía a súa presenza na custodia de edificios públicos e mesmo de instalacións industriais, comerciais ou de servizos.
Outro aspecto polémico desta lei -criticada na Cámara por Esquerda Plural, CiU e PSOE- é a nova protección xurídica dos profesionais privados, elevados a "axentes da autoridade": "consideraranse agresións e desobediencias a axentes da autoridade as que se cometan contra o persoal de seguridade privada debidamente identificado con ocasión ou como consecuencia do exercicio das súas funcións".
Segundo a ONU España é un dos países da UE con máis policías por habitante, 516 axentes por cada 100.000 persoas. E a esa cifra hai que sumarlle os 195 vixilantes por 100.000 habitantes
Esta lei continúa a estratexia gobernamental de controlar, cada vez de forma máis estreita, o cidadán que se ve rodeado por unha inmensa malla de represión: segundo a ONU España é un dos países da UE con máis policías por habitante, 516 axentes por cada 100.000 persoas. E a esa cifra hai que sumarlle os 195 vixilantes por 100.000 habitantes, un número que se incrementará nos vindeiros anos de forma parella ao descenso de axentes públicos.
A este afán represor do goberno súmase a gran dificultade para dilucidar responsabilidades nas contratas privadas que xestionan servizos públicos e que se teñen evidenciado nos últimos tempos. A única seguridade é que, nos tempos que veñen, o máis desprotexido seguirá sendo o cidadán.