Outros e nós /nós e outros/Galeusca 2025

Os presidentes e a presidenta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Euskal Idazleen Elkartea (EIE) e a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC) © Distrito Xermar

O pasado 20 de setembro de 2025 reuníronse en Compostela, os membros da Federación Galeusca de escritores

O pasado 20 de setembro de 2025 reuníronse en Compostela, os membros da Federación Galeusca de escritores. 

No eido literario, a Federación Galeusca está formada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Euskal Idazleen Elkartea (EIE) e a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana (AELC). Foi fundada formalmente en 2008, aínda que ten precedentes de encontros anuais históricos celebrados desde 1984, que arrincaron co Encontro e a Declaración de Poblet. Na actualidade, representa 2800 autoras e autores, tanto escritoras/es como tradutoras/es.

A historia da Federación ten fondas raíces non só literaias senón tamén políticas. O primeiror pacto da Galeusca política, tamén denominada Triple Alianza, foi asinado en Barcelona en setembro de 1923 por representantes de varias asociaciones e partidos das tres nacións. No documento de constitución reclamabase a plena soberanía política para as tres comunidades das que procedían, definidas como nacións e propuñase a criación dun consello conxunto para xuntar forzas. Sucederíanse varias revisións dese pacto en 1933, 1934, 1941 e, logo da noite franquista en 1998 coa Declaración de Barcelona, á que seguirían diversas unións tácticas en particular para se presentar ás eleccións ao Parlamento Europeo. A última delas “Agora Repúblicas”, que xunta ao BNG cos Esquerra Republicana e EH Bildu.

Foto de familia do encontro Galeusca 2025, celebrado en Compostela © Distrito Xermar

Na brétema mesta na que se move o poder das Españas, as linguas minorizadas sofren dunha agresión permanente, insidiosa e tenaz, que persegue a invisibilidade como paso previo ao esganamento político e económico. Somos invisíbeis, mesmo que esteamos aquí, nos pasos en volta, na centralidade das nosas propias comunidades

Cando naceu Galeusca en 1983 (aínda que o seu estatuto non se formalizase até o 2008), máis da metade dos escritores asociados ás distintas asociacións aínda non nacera. Non partimos de cero, como ben indicaba Goizalde Landabaso na súa ponencia, senón que somos herdeiros dunha xa dilatada tradición de cooperación, de encontros, de amizade e de accións conxuntas. A Federación viviu altos e baixos na súa actividade, quer ligados á volatilidade do apoio político ou ao distinto grao de compromiso dos órganos diretivos das asociacións. Os actuais equipos diretivos das tres asociacións teñen apostado por turrar cara adiante e así, a atividade que languidecera, foi retomada com entusiasmo. 

Hai un dito en eúscaro, citado por Giizalde Landabaso, que fai referencia ao testemuño e ao paso do tempo: “Izan ziren, gara, (eta gauzak ondo), garelako, izango dira”. (Porque foron, somos, porque somos, serán/ ...perquè van ser som, perquè som, elles i ells seran...). E o que vale para estas tres nosas linguas minorizadas non resulta estraño en Europa, onde son varias as linguas e literaturas non hexemónicas ou minoritarias en varios estados: o galés, o friulano, o occitano, o gaélicos, o frisón, o feroés, o corso, o córnico, o sami, o flamengo, o sardo, o carelio, o groenlandés, o napolitano, o luxemburgués, o siciliano... ou sexa, que estas tres linguas minorizadas no Estado español non estamos en soidade, que é o que a miúdo pensamos quen usamos unha linguaxe non hexemónica, ou mellor dito, o que queren que pensemos aqueles que teñen o poder económico e político no estado e non dubidan en impor a súa hexemonía, baseando a súa política en medias verdades ou en parámetros economicistas, confundindo uso con valor e practicando unha política de exclusión cando non de agresión. 

É por iso que en 2024 (Declaración de Palma), a Federación acadou, entre outros o seguinte acordo, que considero de actualidade: “Exiximos ás institucións nacionais, estatais e internacionais o cesamento de calquera ataque contra as linguas galega, vasca e catalá, así como tamén contra as outras linguas minorizadas ou minoritarias no Estado. Tamén reclamamos o pleno desenvolvemento da súa normalización e a súa promoción a través de políticas e programas de fomento da creación literaria e a tradución nas nosas linguas e o recoñecemento efectivo das nosas literaturas nacionais, en cumprimento da Carta Europea de Linguas Minorizadas (1992), a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos (1996) e a Declaración de Friburgo sobre dereitos culturais (2007). Así mesmo, instamos ás institucións culturais dos tres sistemas literarios (catalán, vasco e galego) a traballar cóbado con cóbado na normalización das relacións entre as nosas tres culturas, e tamén no ámbito estatal e internacional...” 

Algúns dos asistentes ao encontro Galeusca, que se celebrou en Compostela en 2025 © Distrito Xermar

Esta volta, neste espazo de diálogo, en 2025, puxéronse en común perspectivas sobre a creación escrita nos nosos tres sistemas literarios, centrándose, neste caso, en aspectos como o impacto da Intelixencia Artificial desde a perspectiva das linguas e literaturas minorizadas ou a literatura de tradición oral

Na brétema mesta na que se move o poder das Españas, as linguas minorizadas sofren dunha agresión permanente, insidiosa e tenaz, que persegue a invisibilidade como paso previo ao esganamento político e económico. Somos invisíbeis, mesmo que esteamos aquí, nos pasos en volta, na centralidade das nosas propias comunidades, pois vivimos na sociedade do espectáculo, da mercadotecnia, do capitalismo global e salvaxe, onde o binomio produción/consumo, fai das vidas dos máis un exercicio de gregarismo compracente e de mimetismo acrítico. E se non nos ven, qiue mellor que seguir no empeño, apoderarmonos desa invisibilidade proteica... porque a nosa, a de nós e a dos outros, é unha invisibilidade espectacular.

Esta volta, neste espazo de diálogo, en 2025, puxéronse en común perspectivas sobre a creación escrita nos nosos tres sistemas literarios recuperando e ampliando, deste xeito, os vínculos e as reflexións conxuntas levadas a cabo en anteriores encontros, centrándose, neste caso, en aspectos como o impacto da Intelixencia Artificial desde a perspectiva das linguas e literaturas minorizadas ou a literatura de tradición oral.

Polo que eu entendo, deste encontro sairán, ademais do manifesto que se reproduce no cadro, un mando de iniciativas de cooperación que serán os alicerces nos que esta xeración e as vindeiras constrúan un presente e un futuro de liberdades: Porque foron, somos, porque somos, serán... (“Izan ziren, gara, (eta gauzak ondo), garelako, izango dira”. / ...perquè van ser som, perquè som, elles i ells seran...).

Manifesto de Compostela, 20 de setembro 2025

As tres asociacións que formamos Galeusca (AELC, AELG, EIE), reunidas en Santiago este 20 de setembro de 2025, declaramos o noso compromiso para continuar coa reactivación da nosa actividade conxunta, compartir actuacións literarias e culturais e intercambiar experiencias socialmente relevantes. É dicir, para seguir creando pontes de conexión e comunicación.

Constatamos que somos entidades que aglutinamos a 3.000 persoas escritoras, representando a máis de 15 millóns de falantes potenciais no mundo. Somos literaturas e culturas cunha grande bagaxe literaria e histórica e temos na literatura oral un dos nosos grandes alicerces.

A pesar dos longos séculos de historia de minorizacion, persecución, represión e das ofensivas legais, soubemos resistir e adaptarnos ao paso do tempo. A complicidade das nosas linguas non hexemónicas reuniunos no seu día para fundar Galeusca, e mantemos o obxectivo de dar continuidade á nosa alianza.

Desde a liberdade de creación e a firme defensa dos dereitos humanos, queremos solidarizarnos co pobo palestino e condenar rotundamente o xenocidio que está a perpetrar o Estado de Israel.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.