Paco e Pedro, un papa moderno e un opositor antigo

Hai anciáns que conservan a curiosidade e a permeabilidade e hai mozos que son impermeables ao espírito do seu tempo, pero quen non é capaz de actualizarse coa súa época perece.

Non é o caso da Igrexa católica, un ser con gran capacidade de supervivencia. Probablemente permaneza o Vaticano cando a humanidade se extinga. Cada ser ten as súas estratexias para sobrevivir, o Vaticano necesita facer política para ter poder e existir.

Nese sentido, o papado de Karol Wojtyla, Xoán Paulo II, foi histórico. Xoán XXIII abrira a Igrexa ao mundo e ese ciclo pechouse dunha portada cando Xoán Paulo I morreu repentina e oportunamente, dando paso a Karol Wojtyla. Wojtyla, Xoán Paulo II, foi un verdadeiro xefe de Estado. Con el, o Vaticano actuou como unha potencia ideolóxica moi agresiva politicamente que foi decisiva para derrubar a URSS e concluír así a etapa da Guerra Fría.

Ao caer a URSS, a EE UU cobraron o seu botín e instalaron o seu dominio económico e as súas bases militares nos países que foran do Pacto de Varsovia. Nesta ocupación histórica chegou até Ucraína, a mesma fronteira rusa; onde hai un ano apoiou un golpe de estado de acordo cos seus intereses militares. Pero o Vaticano tamén cobrou botín e gañou un dominio territorial en varios deses países, tratábase dun tipo de guerra que consistía aínda na ocupación de espazos, de estados, ao inimigo. Por iso, e porque era un home de cultura autoritaria, non tivo escrúpulos para bendicir o entón presidente de Chile, Pinochet.

Wojtyla foi un político cortesán astuto e utilizou o poder do Opus Dei, confundindo os intereses deste cos vaticanos, pero tamén era un político do seu tempo, soubo utilizar os medios de comunicación audiovisuais e transformouse nunha icona pop. 

A Igrexa naquel momento adecuou a súa doutrina para que os seus intereses coincidisen cos de EE UU, o capital e a ultradereita internacional nunha loita contra o chamado "Imperio do Mal" para impor as súas posicións mundialmente.  Nestes momentos a Igrexa está a facer unha corrección de rumbo. O novo papa adecúa novamente a doutrina católica, distanciándose agora dos seus aliados anteriores, e lánzase ao encontro de quen padecen a nova orde mundial. Francisco é un papa social que se lanza á conquista ideolóxica do mundo.

Para a súa primeira encíclica, a súa presentación teolóxica en sociedade, escolleu como asunto a ecoloxía, demostrando que pensa de modo global, que lle preocupan os abusos dos poderosos e que sintoniza con xeracións urbanas e modernas. Mellor, imposible.

O soño deste papa creo que é conseguir que os valores do cristianismo católico sexan aceptados como universais, ecuménicos, e que o mesmo Vaticano sexa un faro moral para a humanidade (a quen foron educados como católicos e posteriormente fosen marxistas ese soño universal resultaralles moi familiar). Nada é eterno, pero se Francisco o consegue -e a Igrexa é capaz de calquera cousa- deulle ao cristianismo unha nova etapa de vida histórica. Para iso ten un obstáculo formidable: a Igrexa católica é terriblemente patriarcal, é incapaz de recoñecer as mulleres na súa integridade e iso nesta parte do mundo xa non é aceptable. En todo caso, coñecendo o poder ideolóxico da Igrexa, hai que escoitar con atención a este papa.

E uns días despois tivo lugar a presentación en sociedade de Pedro Sánchez. O PSOE é hoxe un partido que, aínda que gañou poder territorial como consecuencia dos pactos tras as eleccións, vese cuestionado historicamente. A realidade anterior, na que era un dos dous pés do sistema político, xa é historia, e o partido sábeo e sabe que periga a súa existencia mesma.

Con todo, a presentación do candidato socialista escenificou xusto o contrario, a escenografía e o formato quixo escenificar un gran poder e, ademais, un gran poder encarnado nun único líder. Nin a presidenta do partido nin outras figuras ou cargos do partido tiveron espazo, só el e o seu secretario, e en canto á escenografía, parecía de Corea do Norte, os asistentes eran un ríxido decorado para admirar ao líder. Coma se xa gañase as eleccións e representase 'a soidade do poder'. Inevitablemente, a caricatura dos candidatos norteamericanos.

Causa un pouco de asombro que o PSOE sexa tan incapaz de repensar o poder político e a cultura social que é hoxe máis estendida e común. É coma se Pedro Sánchez seguise entendendo o poder igual que o venerado Felipe González a bordo do Azor.

Acerca da bandeira nacional, vermella e gualda, a elección que fixo o borbón Carlos III no seu día sen dúbida é moi efectiva plásticamente. Merece consideracións máis profundas, pero hoxe non cabe todo.

O bandeirazo ten un sentido, un modo de reclamar o centro do campo nacional español, a procura da "orde" e "o centro". O centro político español é un lugar mítico onde habitan pegasos, fadas e unicornios, regado pola fonte da eterna mocidade. Chamando a ese lugar mítico, a dirección socialista espera que as xeracións máis anciás e medorentas acudan a esa fonte a beber. Os mozos están revoltosos, así que deposita a súa esperanza nos maiores.

Hai especialistas en todas as cousas, ese rumbo trazado baséase en estudos sociolóxicos e estatísticas e ten sentido en termos de loita polo poder, pode ser un acerto táctico pero supón a renuncia á hexemonía das ideas de esquerda. Ás veces conseguir o poder é o triunfo dunha ilusión, pero outras veces conseguilo é unha derrota interior. Neste momento non está nada claro cal é a cultura política e a ideoloxía do PSOE. Hai anos un ministro franquista, Pío Cabanillas, contounos que se pode alcanzar o poder sen ter proxecto político ningún, pero non é certo. Igual que a natureza aborrece do baleiro, cando un partido se baleira dos seus propios valores o seu lugar ocúpano os valores e intereses do veciño.

Francisco, na súa alocución, predica esperanzas. Sánchez, na súa, advírtenos e pide coidado. Aí non hai alegría e sen alegría non hai esperanza. Só unhas frases ocas que ispen un baleiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.